Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un país que le pouco

viernes, 10 de marzo de 2017
Lemos pouco. O barómetro do CIS di que o 35% dos cidadáns non le nunca, o 65% algunha cousiña cada trimestre e só o 29% le case cada día. Non falamos de que tipo de lecturas para que libros e bibliotecas non se boten a chorar.

Os libros case sempre foron considerados perigosos. E na "longa noite de pedra" só uns poucos pasaban o nihil obtat das autoridades que velaban pola moral dun país ágrafo e iletrado. Hoxe, a exposición pública de certas élites políticas revela que a caspa gaña por goleada á cultura. E ata o presidente declara que é un compulsivo lector... dunha revista deportiva.

Lemos pouco e pensamos pouco. Un país que odia o silencio é un país que berra moito. De aí a incapacidade para a escoita, para se poñer no lugar do outro. Nos platós televisivos hai un feirón cotiá de ruído e furia. Non só nos programas de tarados que exhiben máis pel que neuronas, fálase tamén dos debates e tertulias onde ninguén escoita a ninguén. Onde acoden os mesmos aos mesmos platós ás mesmas televisións acoirazados con dogmas. Ata que escapas como do demo deses espazos lingoreteiros que berran máis que falan, que non argumentan e só disparan titulares dos argumentarios.

Benditos libros que vacinan contra os idiotas! Eles permiten que vivamos no territorio da dúbida razoable. Son os libros os que nos libran de fanáticos e dogmas, os que nos visten por dentro enriquecendo os nosos silencios, obrigando a traballar ao órgano máis lacazán, o cerebro humano. Os libros constrúen as sociedades e vacinan contra as sectas. Son baratos e proporcionan infinito placer pero hai que aprender a amar a lectura. Sen libros a sociedade enferma de brutalidade e fanatismo e deixa campo libre para populismos, predicadores e demagogos.

"España es un país de cabreros" láiase o novelista Juan Marsé. Non é estraño: lemos unha media de 8 libros anuais, mentres en Finlandia a media é de 47 libros. Iso non impide que os políticos sigan botando a culpa do fracaso cultural do país aos infinitos planes educativos que perpetran contra a cidadanía.

Somos un país inculto. O 50% xamais comprou un libro e o 70% nunca pisou unha biblioteca. A un 75,2% non lle gusta a danza e ao 59,6% non lle interesa o teatro. Porcentaxes similares coñecen a talla dos calzóns de Ronaldo ou as cores dos traxes de Messi.

Ata que chegou un pope das pantallas e das redes sociais, Mark Zuckerberg, o creador de Facebook. E descobre a marabilla do invento de Gutenberg. Leu un libro de Moisés Naím! E de súpeto, centos de miles apúntanse ao seu club de lectura. Nos inmensos alxubes de Amazon e nas mellores librerías desapareceu "El fin del poder". Loados sexan os deuses inmortais que trouxeron a portentosa noticia dun libro a un país que le tan pouco!
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES