Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Anxo Lamas, un sanador

miércoles, 08 de marzo de 2017
Anxo Lamas, un sanador Sen dúbida que todas e todos os que coñecemos a Anxo Lamas, o creador de Bazar-Castro de Rei, sabemos do seu talante para contaxiar saúde a cachón, ás persoas e a todos os seres. A súa contorna é unha fervenza de vida na que conviven as criaturas máis insospeitadas da fauna e da flora, mimadas e valoradas polo seu líder.

Os paxaros cantan e apousan ao pé del, mentres o escultor labra con habelencia e maxia outras aves semellantes tanto en cabazas coma en madeiras ou pedras, e as plantas visten de cores o seu obradoiro e museo competindo cos pinceis do pintor. Pero quizais somos as persoas as máis necesitadas da luz e da ledicia de Anxo e abofé que saímos do seu fogar enfortecidos co seu ánimo porque é un artista arrincandonos a desazón e os medos, as malas herbas que nos prexudican, afincándonos na cerna que forxa o noso temple rexo.

A Anxo non lle vale un simple barniz, ten que sanear ata a raiz as táboas nas que grava e pinta, e tamén nisto é fornecedor de saúde para o colectivo. Non somos esaxerados sostendo que coa súa arte está multiplicando a vida de Galiza porque está a salvar vigas, trabes, portas, etc., de casas abandonadas, destartaladas, que estaban destinadas ao lixo ou ao lume, convertendoas en obras de arte, despois de sanealas ata a médula e limpar todas as súas fibras de ferruxes, colza e adherencias que danaban a súa natureza e a súa mensaxe. É moito máis ca practicar reciclaxe, é unha obra sublime porque o creador está a alongar a vida de madeiras, casas, parentelas que estaban destinadas ao esquecemento..., e arestora reviven rescatadas nestes relicarios da memoria das familias e do país, porque para este poeta as casas tamén teñen alma, historia e beleza.

Emporiso a Asociación Xermolos atopou nesta teima do druída Anxo a dinámica axeitada para recuperar a Casa do Poeta Díaz Castro, porén herdada en ruínas quere transformala nun verxel de vida e de arte, e así o está espallando a través da exposición das súas táboas dedicadas a escritoras e escritores chairegos que nos agasallan coa súa mensaxe na escrita e na pintura do recreador. Abrirase o luns na Sala de Exposicións do Edificio Administrativo da Xunta en Lugo e despois na Biblioteca Provincial, Santiago, O Carballiño, Sada e outras comarcas.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES