Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

E o muro... que?

viernes, 03 de marzo de 2017
Non me negarán que toda esta temporada, desde a toma de posesión de Donald Trump como presidente de EE.UU., os medios non regatearon espazos para ocuparse do xa famoso muro ou barreira fronteiriza entre Estados Unidos e México. O que a min me chamou á atención foi que non se aproveitara ese evento de teimosa construción presidencial para contextualizalo nun marco global. Como sempre, poñendo por diante os meus escasos coñecementos, vou intentar apuntar algo que me gustaría encontrar abordado por intelectuais ben documentados, como adoitan ser os xornalistas, nesto da cerrume das fronteiras e a soberanía.

Para isto é mester acudir a algún especialista e consultar o tema. Sen dúbida, os especialistas saben a onde teñen que ir, e a min, que xa non podo dedicar moito tempo á lectura, só se me ocorreu botar man da obra dun tratadista da Política e da Filosofía Moral, profesor emérito da Universidade París-Ouest Nanterre (Francia), Étienne Balibar, titulada, en español, “Nosotros, ciudadanos de Europa?: las fronteras, el estado, el pueblo”. (Madrid, Tecnos, 2.003). De el, por agora, só me interesan algunhas ideas que apunta como prologuista da obra de Wendy Brown, “Estados amurallados, soberanía en declive”, Ed. Herder, Barcelona, 2.015. Un traballo este que é aconsellable a súa lectura.

Creo que no caso de Trump, referente á fronteira con México, hai que distinguir a arrogancia impropia dun presidente de EE.UU., raiana cunha extremosa vulgaridade que substitúe esa mínima diplomacia que debería ter un representante do primeiro país do mundo, con evidentes avances culturais e científicos, da resposta a unhas tendencias globais a construír e militarizar as fronteiras. Como di Balibar, estes muros, vallas, barreiras, detectores fronteirizos (que plantan de todo na viña do Señor para fortificar as fronteiras) proliferan por Oriente e Occidente, polo Norte e polo Sur, desde a India ata Marrocos e España, sen perder da memoria a “valla de seguridade de Israel”, ata a que xerou tanta polémica, entre EE.UU. e México.

O curioso é que non son tanto medidas de seguridade contra Estados inimigos, como contra “axentes non estatais percibidos coma unha ameaza cultural, relixiosa, étnica e económica (ou todos ao mesmo tempo)”, páx. 15 do prólogo da obra citada de Browun. Sen embargo, Balibar di tamén que resulta (atención, Mr. Trump!!) INEFICAZ BLOQUEAR MIGRACIÓNS E CRUCES DE FRONTEIRAS, e pensa que Brown chega á conclusión de que a importancia dos muros non reside tanto na súa eficacia como na ostentosa visibilidade. Algo que parece encaixar non pouco co carácter do presidente americano, que ata exhibe a firma dos decretos cun alarde ameazante impropio da súa elevada responsabilidade, sen descartar que estea acadando méritos para ser obxecto dun posible “impeachement”.

Sigue afirmando Balibar que o autor detecta como se transforma a problemática do visible nunha propia da FANTASÍA : “Non só no sentido dun sistema social e político de delirios, extrapolacións e proxeccións (como os das masas dos que migran, pobres e refuxiados, que tamén son terroristas potenciais, e os “outros”, culturais, que ameazan a “nosa” identidade tradicional)”, senón tamén no da exteriorización nunha fronteira TEATRAL. E agrega que “a distinción entre INTERIOR e EXTERIOR na que se basea o concepto de soberanía parece cada vez menos sostible. A “penetración” faise norma, e esta pódese administrar e democratizar, ou ben negar e instrumentalizar violentamente”. (As maiúsculas, miñas).

Hai un problema fundamental, a creación dunha PSEUDOSOBERANÍA, que é a do mercado financeiro global, que, no fondo, parece que está tamén xerando reaccións máis ou menos conscientes de defensa das fronteiras, unha maneira de responder as tendencias de globalización nas que os estados xa están inmersos, e “a democracia encóntrase agora atrapada”. Como dixo Gramsci, “o vello morreu de todo pero o novo non acaba de nacer”, interpretando isto no sentido de que os estados “encerrados en si mesmos” é o de antes, e agora hai que ver como se abren as fronteiras ás correntes da globalización, nun contexto de evidentes tensións entre apertura e cercado, “tensións que se materializan como fronteiras cada vez máis liberalizadas, por un lado, e como unha afluencia sen precedentes de fondos, enerxías e tecnoloxía para levantar fronteiras fortificadas, polo outro”, páx. 24, de “Estados amurallados...”, de W. Browun.

Penso que todo isto pode contextualizar a pretensión de Mr. Trump de levantar ese muro entre México e EE.UU.; pero afirmar que contextualiza non equivale a facer ningunha atribución de comportamento racional neste ámbito da política internacional, por moito que a administración Clinton xa lanzara a OPERATION GATEKEEPER (Operación Guardián), no ano 1.994, para acadar recursos para fortificar e reforzar esta parte da fronteira e reducir o índice de criminalidade; pero incrementouse a industria do contrabando e os fluxos migratorios dirixíronse cara ao este.

Xa nese intre, como afirma W. Brwon, na obra citada, páx. 52, “o proxecto do muro foi o resultado da tensión entre as necesidades do capital estadounidense e a oposición popular á migración incitada por aquelas necesidades”. Pero as operacións continuaron: No 1.996, o Congreso de EE.UU. aprobou a ILLEGAL IMMIGRATION REFORM AND IMMIGRANT RESPONSABILITY ACT (Lei de reforma da inmigración ilegal e de responsabilidade do inmigrante), para autorizar unha ampliación do muro. “O sentimento a favor e en contra do cerco fronteirizo está garantido na política estadounidense, aínda que os que están a favor seguen a opinión MAINSTREAM (“corrente principal”: maiúsculas, miñas) dos medios e os políticos”, páx. 53, o.c., de Brown. Se ben parece que o éxito do muro está só referido ós cruces ilegais e as detencións nas áreas urbanas, NON A INMIGRACIÓN ILEGAL NIN AO ÍNDICE DE TRÁFICO DE DROGAS EN CONXUNTO.

No contexto histórico no que nos tocou vivir, e neste preciso presente, ás críticas ao presidente Trump, na miña modesta opinión, e refírome ás que eu puiden ler e oír, son deficientes, aplícanse menos polo costado que se debera, e, á vez, pecan de exuberantes, tenden a esaxeración, polo outro costado. Penso que non se profunda o suficiente para dar razóns abondo (que son esenciais, e extensivas ás medianías políticas) do feito de acadar a presidencia dun estado de primeira magnitude, e sobran das que se dan en amañadas perspectivas ideolóxicas: As primeiras parecen chamadas a marcar unha tendencia histórica, que merece análises, mentres a segundas responden a unha visión política de baixo nivel. Con carácter xeral, e noutro contexto cultural e histórico ben distinto, xa no lo dicía Ortega. Así: “Todo dicir é deficiente – di menos do que quere”. “Todo dicir é exuberante – da a entender máis do que se propón”, O. C., IX, páx. 757. Adecuar o “dicir” é difícil, mais intentalo é sempre eloxiable.

E, se non, reparen o que se di dun muro descontextualizado e o que se podería dicir do mesmo situándoo nos seus propios e problemáticos parámetros: económicos, fenómenos migratorios, políticos, sociolóxicos, ostentosos, xurídicos, (...), e, principalmente, os que derivan dos efectos disolventes da globalización sobre a soberanía dos estados, que desencadean respostas, máis ou menos conscientes, pero con prema, en moitos países, nos que se materializan cun sentimento ben diferente das épocas históricas pasadas, salvando casos puntuais.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES