Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pan e aloumiños

domingo, 26 de febrero de 2017
Tódalas persoas, todos nós, os maiores, os mozos e as mozas, as nenas ou os nenos, temos durante toda a nosa vida dúas necesidades fundamentais ou básicas. Unha é a necesidade de alimentarnos (cousa ben sabida) e a outra, cousa non tan sabida pero non menos importante, é a necesidade de sentírmonos queridos, aceptados afectuosamente polos que nos rodean, polos demais. A xente pode morrer tanto por non teren medios suficientes para cubrir esa primeira necesidade (a da comida) como por sentírense sos e abandonados polos demais.

Para ilustrar dunha maneira curta o que quero dicir con isto, vou lembrarvos unha moi significativa anécdota, que parece ter ademais bastante verosimilitude histórica. No século XIII, Federico II, emperador do Sacro Imperio Románico Xermánico, fixo un experimento que hoxe en día non pode menos de resultarnos ó mesmo tempo cómico, tráxico e incríbel. Sabémolo por un franciscano italiano, chamado Salimbene de Adam, que coñecía e acompañaba de vez en cando ó emperador. Así nolo conta textualmente o frade, traducíndoo eu pola miña parte directamente do latín ó galego:

“A súa segunda superstición (Salimbene refírese ó emperador) foi que quixo experimentar que tipo de lingua e fala terían uns nenos, cando medrasen, se non falasen con ninguén. E por esta razón ordenou ás amas de cría que lles desen leite ós infantes, que lles desen o peito para mamaren, que os bañasen e lavasen, pero que de ningún xeito os aloumiñasen ou lles falasen. Pois quería saber se falaban a lingua hebrea, que fora a primeira, ou a grega, ou a latina, ou a arábiga, ou quizais a lingua dos seus pais, dos que naceran. Pero o seu traballo foi en van, porque tódolos nenos ou infantes morreron. Porque non podían vivir sen a aprobación, os ademáns, a alegría do rostro e os aloumiños das súas amas e aias. Por iso chámanse cancións de berce as que di a muller arrolando o berce, para adormecer ó neno, e sen elas mal poder durmir e acougar o neno”.

Isto está escrito no século XIII. Non hai dúbida de que o franciscano medieval se adiantou en bastantes séculos ás teorías modernas sobre a necesidade de afecto ou de amor para podermos sobrevivir. Non é abondo con recibir alimento. Precisamos tamén recibir agarimo e caricias.

Unha vez dito isto, volvemos ás lecturas. Na primeira fálanos o profeta Isaías das entrañas maternais de Deus, remitíndonos ó que ocorre na relación das nais cos seus fillos. Unha relación que a todos nos é moi coñecida polas nosas vivencias familiares: “Esquécese –pregúntase o Deus Pai-Nai do que nos fala Isaías- unha muller do seu meniño? Non se compadece do fillo das súas entrañas? Aínda que ela se esqueza, eu non me esquecerei de ti”.

Impresionante, case incríbel o que aquí nos di Isaías sobre o comportamento de Deus connosco. Deus non é un personaxe solitario, distante e frío. Él é todo calor e amor, el é nai. É máis ca nai. Non só nos dá alimento, coma as amas ou aias do relato de Salimbene. Él aloumíñanos e fala connosco. Por iso podemos seguir vivindo. É a mesma razón pola que, aínda que un día deixemos de vivir neste mundo, o amor e o agarimo de Deus farán que revivamos, é dicir, que resucitemos para unha vida sen fin, para sempre.

Estabamos e seguimos a estar tradicionalmente acostumados a dirixírmonos a Deus case sempre como “Pai” e nunca ou case nunca como Nai. Por iso foi un pouco sorprendente e inesperado cando o 10 de setembro do ano 1978 nada menos que un papa, o papa Xoán Paulo I se dirixiu á xente que o escoitaba en Roma pouco antes do rezo do “O Anxo de Deus” con estas palabras: “Deus é Pai. Aínda máis, é Nai”. Así se expresou o papa. Con esta frase curta, pero chea de contido, o papa de entón non facía en realidade senón repetir e actualizar o que xa proclamara o profeta Isaías sobre Deus. De feito, o papa, cando dicía nese día que Deus é “Nai”, referiuse significativamente ó texto de Isaías da primeira
Lectura deste domingo.

No ano seguinte, 1979, publicará xa o ben coñecido teólogo brasileiro Leonardo Boff un precioso libro que leva como título “O rostro materno de Deus”. E pregúntovos eu agora agora, intentando relacionar o dito por Isaías co texto do evanxeo: Podédesvos maxinar un neno, que sentíndose feliz no colo da súa nai ou levado contento por ela da man, estea preocupado por ter ou atesourar moitas cousas ou facerse rico? Con ela teno xa todo. Para el a atención e o amor que recibe dos pais éncheo xa a el de plenitude e de vitalidade. Con eles teno todo e pódeo todo.

En realidade, este é o problema que nos poñen hoxe diante nosa as palabras do evanxeo. A cuestión sobre a nosa relación con Deus e sobre a preocupación polo diñeiro, é dicir, polo que vai ser de nós no futuro, pola nosa comida, polo noso vestido, etc. Cando Xesús insiste, de maneira tan poética e bela (aludindo ás aves do ceo e ós lirios do campo), insiste –digo- en que non nos preocupemos por esas cousas, sempre fai curiosamente referencia, e unha vez máis, á paternidade-maternidade de Deus. As aves do ceo (e elas valen menos ca nós), dinos Xesús que “son mantidas polo voso Pai celestial”. E, en canto a nós e ás cousas que necesitamos para podermos vivir e alimentarnos, dinos tamén Xesús que “ben sabe o Pai voso celestial que as precisamos”.

Certamente, no evanxeo non se nos di que non nos ocupemos de procurar as cousas que precisamos, como tamén se ocupan diso as pombas que atopamos nas beirarrúas ou as gaivotas que tan ben saben voar, as “aves do ceo” do relato evanxélico. Dísenos só que non nos preocupemos, que non nos ocupemos de máis, coma se non tivésemos un Pai agarimoso e bo que coida de nós e que nos quere coma a fillos que somos del. Pídesenos só, polo tanto, aínda que isto non sexa para nós pouco pedir, que non sexamos “homes de pouca fe” e que non convertamos o diñeiro noutro “deus” ó lado do único Deus. Porque Deus, o que se di “Deus”, ninguén pode ter máis ca un.

Iso si, se algo nos ha de preocupar ha de ser unicamente o de sermos sempre esforzados e teimudos en procurarmos o “reino de Deus” e a súa xustiza. Unha grande tarefa, certamente, pero que exercida da man do noso Pai-Nai do ceo e coa axuda do seu Espírito, poderá ser practicada por nós coa paz que só Él nos pode dar.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES