Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Conflito de cambio de cura en Friol

jueves, 23 de febrero de 2017
Permítanme empezar cunha confesión que algúns me crerán e outros non. Non trato de impoñer a miña verdade, pero créome con dereito a expresala. Levo moitos anos colaborando con distintos medios de comunicación: prensa, radio, tamén dous anos e medio en televisión, e agora en medios dixitais. Non son periodista titulado; pero podo afirmar sen medo a que me rebatan con razón que nunca pedín eu colaborar. Sempre mo pediron. Nalgúns casos déronme algunha gratificación e na maioría ningúnha, nin a pedín. Cada medio foi e é pra min un púlpito, unhas veces relixioso e outras laico; e subirme a un púlpito ía incluído na miña paguísima de cura en activo e vai na grandísima pensión de xubilado. Como é unha actividade que non me ata; xa que non escribo ó dictado do amo que me paga nin vivo disto, non digo porque teña que escribir; senón que escribo se teño que dicir. O que non implica que o que digo interese a moitos. Pero, quizais por esa liberdade teño meirande responsabilidade e debo informarme ben pra informar. Dito isto, vou seguir dicindo:

En moitos medios está un día si e outro tamén desde principios de mes o conflito do traslado do cura de Friol, e dito sexa de paso, trasládase xuntamente con outros sete ou oito da diocese de Lugo, sen tanto conflito. Parece ser que o problema dáse só en Friol, grazas a que outros alcaldes e asociacións da contorna e da provincia non se deixaron movilizar polo Sr. Alcade de Friol, como pretendeu insistentemente.

¿Qué foi, logo, o que pasou? A grandes rasgos porque pormenorizadamente sería un dosier de máis de dez folios, estes son os principais elementos desta historia.

As nosas diócesis, dada a escaseza de sacerdotes e a media de idade dos mesmos están en permanente remodelación. Na de Lugo levaban algo máis dun ano estudando esta última que afecta a unhas cincuenta parroquias e facendo os trámites pra levala a cabo, falando cuns 10 sacerdotes afectados, uns por retiro e outros pra cubrir as necesidades de zonas conforme a posibilidades e dispoñibilidades de cada un. A quen corresponden estes trámites? Ao Bispo, como primeiro responsable da pastoral diocesana; pero non en exclusiva, nin individualmente, nin a título persoal, senón en consonancia co seu Colexio de Consultores, en diálogo cos interesados, tamén cos arciprestes e coa Permanente do Consello Presbiteral, polo menos nalgúns casos. Eses foron os pasos que se deron na diócesis de Lugo por parte do seu Bispo Don Alfonso Carrasco Rouco.

Por estes trámites pasou o nomeamento pra atender a outra zona do cura que desde fai 13 anos atendía 12 parroquias do concello de Friol e 2 do de Guitiriz.

A mediados de xaneiro estaban encaixadas as pezas do puzle, sen que ningunha entrase forzada, senón libremente; aínda que, como é natural, uns máis sastisfeitos ca outros polo cambio, pero aceptándoo todos sen imposicións autoritarias, incluso o desas parroquias de Friol. Entre as que non está a da capitalidade do municipio . Pero no momento en que se van facendo públicos os nomeamentos que serán oficiais a principios de febreiro, o Alcalde deste concello ponse á fala por teléfono con Vicarios e coa Secretaria do Bispo, intentando conseguir que se revogue o nomeamento e traslado do cura en cuestión e manifestando o seu desexo de ser recibido por don Alfonso Carrasco. Recíbeo o 24 de xaneiro e ante a negativa, razoada, non impositiva, ás súas pretensións, por contar coa aceptación libre do interesado e por ser unha parte do conxunto, ameaza ao Bispo e anticípalle medidas de presión dicindo que xa falara con representantes de todas as parroquias do municipio, que son 32, (as afectadas polo cambio son só 12). E algo máis grave, na nota de prensa facilitada por axencias aparecen entre comiñas e en boca do Bispo palabras que non dixo referentes a que o cura aceptaba o cambio obrigado en contra a súa vontade.

O día dous de xaneiro aparece tamén nos medios un comunicado do ¿sacerdote? nesta liña de que non falaran con el previamente e acusando de despotismo ao Bispo e ao Vicario Xeral. Escribín entre interrogacións sacerdote, non porque dubide de que o sexa, senón porque dubido de que sexa seu o comunicado íntegro; xa que unha elemental análise do texto descóbrenos que se utiliza unha terminoloxía referente á diocese que non utilizaría ningún cura. Pero cabe que, ante as mostras de agarimo e o temor a que os fregueses pensases que non lles quería, manifestase o que era certo, que prefería seguir alí algún tempo máis; aínda que se debía á diocese e á colaboración co seu Bispo. O mesmo día dous cara ás 13,30 fanlle unha entrevista na Cope de Lugo e manifesta claramente que falou con el o Bispo e que non é forzada a súa aceptación, senón libre, aínda que se atopaba a gusto e sentíase ben querido polos seus fregueses.

O venres tres, despois dun tempo de charla co Bispo e o Vicario Xeral, redacta, coa axuda doutro compañeiro, un comunicado baixo o título de “Nota Aclaratoria”, que empeza deste xeito: “desexo matizar algunhas das manifestacións do meu anterior comunicado de data 2 de febreiro”, pero curiosamente esta nota non foi difundida por ningunha axencia, en vista do cal dáse a coñecer desde a oficina de prensa do Bispado, pero con difusión máis reducida.

Recolléronse firmas en apoio do sacerdote e en contra do seu “forzado” cambio.

Falouse de 5.000 firmas. As 32 parroquias do Concello sumaban en 2014, 4004 habitantes. Non me parei a comprobar os que corresponden ás 12 de Friol e 2 de Guitiriz.

Pra o sábado, día 4, estaba programada unha manifestación que se realizou na cidade de Lugo coa intención, segundo parece, de entregarlle as firmas ao Bispo e de ser recibidos por el os manifestantes; pero, curiosamente, ninguén o pedira nin ninguén avisara. Ao non traballar as oficinas do Obispado, como todos os sábados, estaba pechada a porta de acceso a estas oficinas e demais dependencias onde vive o Bispo. Participaron na manifestación a Alcadesa de Guitiriz e o Alcalde de Friol. Puxéronse autobuses a disposición dos que quixesen asistir. Publicouse que asistiron 500. Hai un vídeo dun medio de comunicación que se fixo público e está a disposición de quen desexe comprobar sobre ese vídeo que non chegan a 150, como afirmaron algunhas persoas que contaron aos manifestantes. Non foron recibidos por non habelo pedido con tempo e por razóns de seguridade, xa que as masas non son facilmente controlables, máxime si hai algún infiltrado camorrista ou movido por outras motivaciones, como non é infrecuente.

O domingo día 5 foi o novo cura, José Luís Regueiro, a tres parroquias acompañado polo saliente e foi ben recibido. José Luís ía de Castelo e o Sagrado Corazón de Lugo e, se promovese ou non parase mostras de agarimo e expresións públicas do desexo de que non o cambiasen, tampouco faltaba quen estivesen dispostos a facelo.

Os dous últimos domingos, o 12 e 19, José Ramón oficiou nas súas novas parroquias de Ribas de Sil sen problema e José Luís, nas de Friol e Guitiriz con algún problema de manifestacións nalgunha das parroquias á hora de misa, pero sendo recibido con trato cordial e falando xa con algúns de proxectos de futuro. Desde a súa entrada tivo varios funerais sen ningunha dificultade.

Entre tanto, o Sr. Alcalde segue aparecendo nos medios acompañado por algúns veciños e veciñas capitaneando manifestacións e folga de misa e de limpeza de templos e falando de que conta con apoios da Diputación Provincial de Lugo e da Xunta de Galicia que non o desmentiu, (el encabezou a lista do PP), pra declarar persoa “non grata” no seu concello ao Bispo de Lugo, e ultimamente comunicou que escribiron ao Embaixador de España no Vaticano. ¿E todo pra que? Pois parece ser que pra que reciba o Bispo aos veciños, explique as razóns do cambio, se desfada o feito e as relacións coa Igrexa “vuelvan a ser
cordiales”.

Sería ata graciosa a inversión de papeis en tempos de Carnaval e disculpables as mentiras que acompañan ao señor do transformismo, se non fose doloroso pra persoas, denigrante pra institucións, vergonzoso pra correlixionarios políticos e elemento de desconcerto, discordia e división entre veciños. Na miña opinión, que pode ser equivocada, o feito fóiselles das mans aos iniciadores e están tratando de sacar provecho outros. Nese caso, xa me podo preparar; aínda que a tenor dos insultos que xa levo recibido nas redes dalgunhas persoas que se declaran ateas, pero defensoras sen concesións do “seu” cura contra o bispo e contra todos os demais curas, peseteiros, mullereiros, pederastas e zánganos, xa me vou adestrando.

Hai un medio moi sinxelo de demostrar que non digo verdade no que narro: Denunciarme ante o xulgado, o que tamén pode redundar en publicidade barata ou ata en votos. Nunca se sabe.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES