Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vontade de poder

viernes, 17 de febrero de 2017
Non teño a pretensión de facer aquí un tratamento do que se entendeu, e que papel se lle deu á VONTADE a través da historia do pensamento filosófico, no ámbito metafísico, psicolóxico ou ético; nin tan sequera bordear o que sobre ela edificaron Schopenhauer e Nietzsche. Zubiri fai un estudio da mesma e do sentimento, elevándoos a categoría de actos; pero considerando a ambos complementarios dos actos intelectuais, que recolle na súa obra titulada SOBRE EL SENTIMIENTO Y LA VOLICIÓN, publicada en Alianza Editorial, Madrid, 1.992.

Tomo deste último aquí algunhas afirmacións de interese, como que “todas as funcións da vida do home poden facerse ou ben espontaneamente ou ben voluntariamente”; “na actividade espontánea o home vai tenso, en todo caso o home (só) atende a aquilo que fai”. Pero con vontade o home fai algo con intención e deixa de ser un robot. Afirma que a VONTADE pode entenderse como APETITO, como DETERMINACIÓN e como ACTIVIDADE, que non se exclúen, mais esixen vixiar os excesos, e, no seu caso, os defectos.

Hai varias clases de vontades – de autenticidade, de fundamento, de realidade, de verdade, de ideas, etc. – ; pero aquí interésanos a VONTADE DE PODER, de DOMINIO. Digamos que no “apetito”, o acto da vontade, marca unha “tendencia”; na “determinación”, un “acougo”, optando por unha alternativa, e na “actividade”, un “impulso á acción”. No noso caso, a tendencia, o acougo e o impulso á acción céntranse no poder, no dominio. Pero o poder é un medio para un ALGO, que cualifica os actos da vontade como bos ou censurables.

No comportamento político, os exemplos penso que están ao alcance de calquera: Un político que tende a acadar poder, dominio, parece que acouga unha vez que se determina a poñer os medios para iso, e sente o impulso de activar o oportuno proceso. Pero se a súa tendencia non é racional, posto que os actos da vontade, como dixemos máis arriba, son complementarios dos intelectuais, e, principalmente, están dirixidos ao beneficio propio ou a vinganza, evidentemente, a vontade está viciada e sometida a unha función que, PER SE, eticamente, é inmoral e rexeitable.

Isto adoita darse nas configuracións psicolóxicas EGOCÉNTRICAS, xa que o poder acadado, en canto medio, queda descualificado polo seu mesmo fin. Polo tanto, a este líder haberá, sen dúbida, que cuestionarlle a súa condición de político: Trátase dun aberrante que incluso pretende vender os seus esforzos, en pro do propio interese, aos cidadáns, xerando un gregarismo emocional.

Supoño que a ninguén se lle oculta que se a vontade é un acto de querer, unha volición, con eses tres compoñentes que indicamos: un apetecer algo (tendencia), unha “preferencia” do que se quere (unha determinación que acouga) e un impeler á acción, entendida así, temos que pensar na posibilidade de que estea tan comprometida e modulada polas tendencias que poda devir unha VONTADE PSICOPÁTICA DE DOMINIO, á mercé delas, e non se pode descartar que leven e potencien, con teimosía inusitada, preferencias censurables por improcedentes, inmorais e descontextualizadas.

Isto permítenos afirmar que un “apetito” irracional, descoloca a vontade da súa función de complementaria da racionalidade, ata o estremo de levar os desexos cara a certas funcións para as que, as persoas que os posúen, carecen da competencia e da madurez necesaria, como hai pouco tempo nos evidenciaba un cadro de políticos que aspiraban ás vicepresidencias e ós ministerios de elevada responsabilidade, e logo evidenciaron que nin tan sequera eran capaces de organizar o seus propios partidos. E isto é unha pena, porque certas razóns de fondo que os asisten quedan esfumadas na barafunda populista e metodolóxica, e na falta de seriedade evidenciada alternando rifas e abrazos para confundir as opinións cidadáns. As purgas veñen despois.

Precisamente para poder xulgar ata onde un líder, por exemplo, é a persoa adecuada para exercer funcións gobernativas, dende esta particular perspectiva, penso que se necesita constatar ata onde ten talento para formular unha crítica das propias tendencias, ao fin de controlalas con intelixencia e darlles un sentido coherente, posto que elas son controlables e non xogan como forzas, como o evidencia o feito de que se censura á quen se DEIXA LEVAR pola irracionalidade das mesmas, cunha conciencia clara de que as pode manexar. En caso contrario, sería un perigoso e incontrolable autómata.

Non obstante, non estamos en presenza de decisións fáciles. Sobre todo naqueles casos nos que as tendencias se ven fortalecidas e incluso apoiadas por ambientes propicios, como ocorre frecuentemente na dinámica política, cando determinados colectivos, desentendéndose dos intereses cidadáns, crean focos de resentimento e vinganza no seo da sociedade, ou, incluso de boa fe, elevan as meras crenzas de matiz ideolóxico á categoría de verdades indiscutibles e verificables. Consecuentemente, as sociedades deberían dar as respostas adecuadas a esta clase de ensaios!.

Pero isto da vontade..., acaso non lles parece a vostedes que tamén pode estenderse algo máis contando co vicio dun elemento da mesma, da “determinación”?. Sabido é que esta fai referencia a “optar por unha alternativa entre varias”, é dicir, en “preferir”; pero para iso necesítanse as alternativas, e, se nas hai, a “preferencia” redúcese a unha “deferencia” co mesmo, co de sempre, explícita ou tácita. Pois ben; parece que ven a ser a tónica xeral nalgúns congresos dos partidos políticos, nos que soa moi alto a auto –gabanza do que se fixo ben, e non se reflexiona tanto acerca do que SE FIXO MAL, PODENDO FACELO BEN, OU AÍNDA ESTÁ LONXE DE FACERSE POR VICIO NA “ACTIVIDADE”, POR ESPERAR A QUE AOS PROBLEMAS OS RESOLVA O TEMPO.

Hai nestes últimos supostos “vontade de poder”, “de dominio”?. Penso que si; pero camuflada nos modais da prudencia e defendida cos acertos dalgunhas xestións, aínda que a xustiza distributiva, as atencións sociais e algúns cambios necesarios sigan laiando.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania