Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Gañou PODEMOS, perdo eu

jueves, 16 de febrero de 2017
Non sei se obxectivamente perdo algo ou non con Podemos, pero subxectivamente perdo independencia; porque na arenga final do seu Congreso encasíñanme nunha tendencia ideolóxica, ou cando menos deixan en evidencia que hai unha na que non estou, porque non me admiten; pero, se me queres acompañar uns momentiños, lectora ou lector, imos por partes.

A fin de semana do once e doce deste mes de febreiro foi memorable, polo menos pra min foino.

O domingo 12 tiven o pracer de asistir e Vilalba a un espectáculo de maxia ou ilusionismo na súa vertente de mentalismo con Tony Beigth no que gocei coma un neno feliz deixándome sorprender por un home elegante no porte e na palabra, delicado, fino, bo narrador sen unha palabra mal soante nin unha broma de mal gusto, co que puiden sintonizar moi ben, porque nos deixou o slogan: “Crer pra ver”, que me confirma nas miñas conviccións de que nada pode ser realidade se antes non foi soñado.

Vou presumir. Si, vou presumir de vello. Aló polo 1975 puiden asistir, acompañadp por Antonio Domínguez, actual cura de Vilalba, nada menos que no teatro Olimpia de Parías a unha gala de maxia dun festival internacional. Alí actuou tamén un mentalista, referente universal, segundo se dixo. Pois Toni é superior; e diso entendo.

Cando volvín prá casa seguía martelando a tele co gran trunfo de Don Mariano no Congreso do PP, que, á miña curta maneira e ver, foi un paseo triunfal pra cantar as glorias do todo ben feito, e, loxicamente, como todo estaba tan ben, nada había que cambiar. Só celebrar.

Don Mariano que é unha caixa de sorpresas de efecto un tanto retardado, fixo diante nós, ou dixo que ía facer, un exercicio de funambulismo circense verdadeiramente prototipo do “¡Más difícil todavía!”; porque despois de dicirnos que xa o dera todo, enfatizou que aínda lle quedaba moito pra dar. A pesar de contar prá súa acrobacia cunha tupida rede de máis de tres mil afiliados presentes na carpa e moitos millóns de simpatizantes fóra foi sublime ¡Incrible!

Ciudadanos, como xa tivera o seu fin de semana de gloria, puido centrarse en xulgar sen entusiasmos nin euforias o evidente inmobilismo de pepeos e o maior radicalismo de podemitas.

Na penumbra, esperando darnos sen tardar moito no seu fin de semana glorioso o gran espectáculo dun cosido raiano en bordado, os Pesoeses manifestaron por sectores e en voz baixa, uns a equidistancia entre dereita recalcitrante e esquerda radical, outros o tránsito do “no es no” a “no es no o es quizás, según convenga”, e ata don Pedro Sáchez, nun xesto inesperado, ou des esperado, felicitou cortesmente a don Mariano despois de telo vituperado con evidentes sinais de rabia. Nunca se pode desesperar da capacidade de conversión do ser humano. Outro sector creo que non se manifestou. Ese sector no que dona Susana, sen acabar de definirse, vai aumentando moito de peso. Quizais como secuelas do parto. Claro que non se debe esquecer que a televisión tende a engordar as figuras.

E por fin chegamos a Podemos. Chegamos se non quedei só, se aínda ven alguén comigo. Neste caso non foi Unidos Podemos, senón, a ver se Podemos Unirnos. E… parece, dá impresión, aparentemente puideron! Selouse a “unión” na “humildade”, en decires do líder, o dux, o cabeza, cunha inconmensurable aperta entre don Pablo e don Iñigo.

O Primeiro, que aspiraba a ser único, eufórico, con “vistalegre”, desmelenado, porque se lle ceibara a gomiña da coleta, tamén chamada: cola de cabalo. O Segundo, que convén non perdelo de segundo ou todo máis de terceiro, non vaia ser que se independice, resignado, derrotado, con “vistatriste”, sen brillo. Botei en falta o bico apaixonado nos labios que se deran Primeiro e Segundo o 14 de decembro do 2016 con motivo doutra reconciliación. Xa o dixo un deles: “Somos mucho de besar”. A pesar dixo, o longo e lascivo, (ou iso me pareceu), bico na boca no patio de recreo do Congreso dos deputados, tendo como notario a todo o Goberno en funcións de don Pablo a don Xavier Domenech só pode ser superado por especialistas de películas X. E supoño que non por todos.

Voume aproximando a dar razón do titular. Berrando moito a pesar de contar cun gran equipo de megafonía, vociferou o indiscutible número UN que sabían ben a quen tiñan enfronte e de que lado está cada un. Non puiden evitar dar por feito que eu son un dos de en fronte, dos do outro lado, e de que nada me vale ter tido algunhas dificultades por reclamar liberdades antes de novembro do 1975, das que agora me expropian moitos dos que as disfrutan sen teren feito nada fixeron por recuperalas.

Xa me tiñan arquivado na casiña do que non serve nin serviu, no pasado de moda, no que hai que extirpar como un mal tumor. Por se fose pouco, xa me tiñan dito e repetido por activa e por pasiva que non podo ser un deles, porque estou estigmatizado desde o nacemento, ou mellor: desde a concepción, porque nacín da casta e non podemos ser irmáns debido a que eles naceron da outra, da non casta. Non obstante, iso non é óbice pra que me vexa obrigado pola forza a pagar o que corresponda, que non é pouco, pra soster dentro e fóra do hemiciclo ós que din que a política hai que facela fóra e que, coherentemente, se opoñen a que libremente se poña a cruz prá Igrexa na declaración de renda, porque o mellor que se pode facer pola Conferencia Episcopal é queimala. Non se dixo algo así na capela da universidade, “flotando al aire sus banderas o sus dos buenas razones”?

Antes de apagar a luz botei unha ollada ó ordenador e comprobei que o sainete traxicómico do Sr. Alcalde de Friol, do PP, versus o Sr. Bispo de Lugo, da Diócese, por mor do nomeamento dun cura sen pedirlle permiso á máxima autoridade municipal, está rematando e posiblemente non queden espectadores pra aplaudir á hora de pechar o telón nin de anunciar que se fixo o que se puido, pero non se puido máis, para declarar ó Bispo “Persona non grata” nos 295 quilómetros cadrados do “seu” concello, substraendo así esa extensión a súa acción pastoral nunha diocese de 7.780,38 quilómetros cadrados.

Quedaría inacabada esta crónica dun memorable fin de semana, rico en espectáculos, se non fixese referencia á lene luz indirecta de cor castaño claro, (este dato non é de todo fiable, porque eu ademais de ser moito d´aldea, son algo daltónico), que todo o enche, do inefable don Donald Trump e ós seus estelares discursos de frases inconexas de non máis de cinco palabras separadas por longos silencios. A miña bisobriña, de pouco máis de tres aniños, debe admirar moito ó don Donald, porque lle dá por imitalo falando, pero non pon cara de tanto cabreo co mundo enteiro coma el.

Xa cando me dispoñía a durmir ese domingo doce fíxome ver un compañeiro, por medio de facebook que estaban desaparecidos tres mariñeiros dun barco de bandeira galega e que choraba a saloucos polo menos outra viúva de vivos, ou de mortos non enterrados, pero iso é unha noticia menor, porque, ademais producise lonxe en augas do Senegal e de ser galego só un dos tres, xa estamos acostumados a mortes nos mares, nos outros e no Mediterráneo, e tampouco un vai perder de durmir por un morto máis ou menos, que non se pode sufrir por todo. Estaría boa!.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES