Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Máis novas así, P.F.

jueves, 16 de febrero de 2017
Coma tódolos domingos pola mañá cando estou na casa, repetín a procesión ritual que levo facendo con semanal frecuencia dende que vivo na aldea dos Quintairos.

Érgome, almorzo con certa dilixencia, saco o coche do garaxe e -como dicían os meus avós- "baixo á vila" coller a prensa e procurar o pan na panadería Xube, que ademais de me ser coma da familia, fan unhas bolas de pan do país -artesán, creo que lle chaman eles- que, cando se levan quentiñas, son pura gloria bendita (se mora preto de Celanova, pódeas probar).

Logo de lles facer unha visita a meus pais, que viven fronte por fronte coa panadería, volvo para o silencio dos Quintairos e dispóñome a ler, de máis vagar ca a cotío, non tanto as novas que o domingo nos depara (que nalgúns casos xa foron avanzadas pola inmediatez da rede), senón aquelas reportaxes un pouco máis elaboradas que non son susceptibles de teren sido lidas con anterioridade en ningunha web e que sempre amosan singularidades de interese.

Fago iso e reparo fundamentalmente en dúas. A primeira por orde de aparición no xornal, é unha que fala de que unha empresa para min descoñecida, "Aerocámaras", situada na Tecnópole, acaba de asinar un substancioso contrato en California para desenvolver servizos "de inspeccións técnicas con drons".
Á fronte da información aparece nela un mozo que tampouco teño o gusto de coñecer e que se chama Jaime Pereira, pero que me resulta satisfactorio de ler coma se mesmo o mozo fose da miña familia.

Logo, unhas páxinas máis adiante o protagonismo tómao como relevo outro mozo -un pouco máis novo- que tampouco teño o gusto de coñecer -aínda que polos datos referidos na información de José Paz, malicio "de quen ven sendo"- e que a través das fotografías do propio José Paz amosa unha calidade artística propia da arte urbana de calquera megalópole do mundo.

Acabo coa segunda lectura e igual que a Aute o corpo pedíalle "cine, cine, cine, más cine, por favor!", a min o meu pídeme exactamente o mesmo, é dicir, máis noticias así, por favor!

Saturados de noticias tristes, decadentes e apocalípticas que se apoderan de nós e que xeran en nós mesmos reflexións tristes, decadentes e apocalípticas que nos colonizan e nos sumen nun estado de opinión triste, decadente e apocalíptico ata rendernos na inanición, ler novas deste sino, nas que a xuventude ourensá (hoxe mesmo Cristina Pato nos deu outra alegría) mira ó mundo sen complexos e dende Ourense pode colocarse na vangarda da tecnoloxía ou da arte, parece que nos "levantan a paletilla" e nos revitalizan un pouco, cando menos.

Por iso eu, como lector, imploro: Que a actualidade nos traia máis novas así, por favor!
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES