Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Actualidade de Manuel Antonio

lunes, 06 de febrero de 2017
Actualidade de Manuel AntonioÉ verdadeiramente asombroso que todo un clásico da poesía galega como Manuel Antonio, tan lido e gabado, case a un século de distancia do seu pasamento continúe deparándonos sorpresas coa descuberta de textos, imaxes e documentación da súa breve pero intensa andaina vital.

Logo de múltiples edicións, traducións e extensas monografías analíticas seguiamos sen coñecer algúns socalcos decisivos da súa produción, que só na presente década foron desvelándose.

Así, existían aínda composicións poéticas inéditas, moitos textos en prosa que descoñeciamos, creacións noutras linguas das que ben pouco sabiamos e abonda correspondencia da que non se tiña noticia.

De por parte, os especialistas atoparon marxe para profundar nos contextos nos que xermolou a súa obra, nas lecturas comparativas con outros creadores, no fornecemento de fontes e influencias posibles e na exésese concreta de certos textos, ancos todos sobre os que foi preciso volver decote ao longo do que levamos de década.

Este decenio estreábase coa aparición de dúas interesantes monografías de moi diferente enfoque. Dunha banda, Fidel Actualidade de Manuel AntonioVidal publicaba no 2010 en Espiral Maior O sol da tristeza, un ensaio transparentemente subtitulado “A figura do pai na obra de Manuel Antonio”, onde, servíndose de teorías psicoanalíticas realizou unha revisión da poética do rianxeiro na que a figura paterna -tamén si a materna- lle serviu para reinterpretar moitos dos máis coñecidos símbolos da escrita do autor.

Nese mesmo ano, Manuel Castelao daba á luz en Laiovento Manoel-Antonio. De catro a catro, un longo ensaio no que, amais de analizar un a un todos os textos do poemario, incidía especialmente no seu valor dentro da corrente vangardista e tamén na importancia da figura e a obra do rianxeiro a prol da loita emancipadora galeguista.

Como non podía ser doutro xeito, neste tempo foron numerosos os artigos, notas e comentarios que xiraron arredor do rianxeiro, así como as reedicións e escolmas da súa escrita. Secasí, o proxecto de maior envergadura foi, sen dúbida, o acometido por Xosé Luís Axeitos, estudoso manuelantoniano ao que debiamos anteriores traballos imprescindibles sobre o poeta e que publicou en tres grosos volumes a súa opera omnia; a saber: Obra completa. Prosa (2012), Obra completa. Poesía (2014) e mais Obra completa. Epistolario (2015). Mercé á colaboración editorial da Real Academia Galega e a Fundación Barrié, pero, sobre todo, grazas ao esforzo de anos de investigación do profesor Axeitos recuperáronse versos do de Rianxo; coñecemos a súa escrita en castelán e francés; sumamos as súas traducións de Apollinaire, Éluard, Peret, Verlaine, Poe e outros; reuníronse case unha corentena de prosas literarias e ensaísticas; e pasamos de coñecer 237 cartas súas a 421, case o dobre.

A este admirable labor levado a cabo por Axeitos cómpre engadir aínda outra aproximación de mérito: a exhaustiva e reveladora revisitación da súa biobibliografía que acometeu Xosé Ramón Pena no terzo volume da súa Historia da Literatura Galega, publicada o pasado outono. Neste encomiable ensaio o profesor betanceiro dedica todo un longo capítulo a repasar (e sopesar) o que sobre o rianxeiro se leva dito ata o de agora, ao tempo que achega orixinais lecturas a moitos dos seus versos que nos axudan a mellor entender a importancia do seu legado literario.

Pois ben, en rematando o ano chegou ás librerías un outro volume que, sen medo a equivocarme, podo afirmar é un dos achados documentais máis importantes deste século: a exhumación, en impecable edición facsimilar, nada máis e nada menos que do manuscrito orixinal de De catro a catro.

Este inédito manuelantoniano foi recuperado polo profesor Anxo Tarrío, responsable da transcrición, anotación e estudo do manuscrito que publicou Alvarellos Editora coa colaboración do Consorcio de Santiago e a Universidade de Santiago.

A pulcritude coa que foi editado o facsímile fai que teña sido reproducido no seu formato orixinal de caderno contable, con cubertas que imitan as tapas de cartón forradas en azul mariño e lombo beixe deste caderno apaisado, que foi a que Ánxel Casal empregou para a edición que imprentou en Compostela o “vintesete de Marzal de MCMXXVIII” e que permanecía en mans dos herdeiros de Domingo García-Sabell.

Por tanto, esta recuperación é dun valor incalculable non só porque a través dela podemos coñecer a materialidade (letra, tintas, xogo de marxes e disposición textual) desta obra emblemática, senón porque tamén é posible observar agora as vacilacións e riscaduras na súa confección, detectar as variantes de imprenta introducidas -de alta significación ecdótica- e comprobar cales foron as variacións estruturais na ordenación final dos poemas.

Todos estes pormenores son anotados con rigor filolóxico extremo por Tarrío, quen nos devolve, así, á fonte límpida do que foi a escrita matriz manuelantoniana, nunha edición absolutamente modélica que incorpora, ademais, algunhas fotografías descoñecidas do autor que engaden maior interese a un volume que, se mire por onde se mire, merece o aplauso pecho.

Cústame imaxinar que alegrías nos reserva o futuro respecto do xenial poeta, mais o que estes últimos anos nos ensinou é que sempre hai espazo para a marabilla e alá onde menos se pensa un encontro fortuíto axuda a alumar un tesouro oculto. Oxalá así siga sendo e que non apartemos nunca as nosas devotas mans de Manuel Antonio.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES