Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A incerteza

viernes, 03 de febrero de 2017
O home sempre terá que soportar un certo grao de incerteza, polas limitacións que afectan a súa propia natureza; pero nestes nosos tempos estamos asistindo a unha inquietante afluencia de inseguridades e incertezas derivadas desa cultura laboral da flexibilidade, que arruína a previsión futura, desbarata o sentido da carreira profesional e dificulta o aproveitamento da experiencia acumulada.

“Arruína a previsión futura”, porque a inseguridade no traballo impide ter en conta os ingresos que xera para proxectos de futuro. ¿Quen se embarca hoxe nun crédito se non ten unha certa seguridade de que o vai poder pagar?.

Pensemos soamente nas rachadelas e convulsións familiares que producen os desafiuzamentos por non poder atender os compromisos crediticios.

“Desbarata o sentido da carreira profesional”, xa que unha vez terminada non hai ningunha seguridade de poder vivir do exercicio da mesma, e isto crea un sentimento no titular da mesma non só de que non pode aplicarse a unha actividade para a que se considera con vocación, senón que ademais os anos de sacrificios e estudos non lle serven de moito para ganarse a vida e constituír e soster dignamente unha familia, e o mesmo tempo necesita dun nivel de formación de matiz indeterminado.

“Dificulta o aproveitamento e experiencia acumulada”, se non pode adquirila e sedimentala polos mesmos cambios da actividade laboral, e, deste modo, perde a sempre estimada condición de “home / muller de experiencia”, que é un valor profesional de especial consideración e decisivo peso selectivo a hora de presentar o “curriculum”.

Pero todo isto, de indiscutible importancia, desde unha perspectiva máis profunda e xeral, queda na superficie, porque os cambios que se produciron a outros niveis, cando menos, necesitan dunha reflexión polas consecuencias imprevisibles que poden carrexar. A mesma filosofía da vida, o desprezo e indiferenza dos valores que conformaron as condutas dos nosos antepasados, quedan borrados do noso interese non por razóns apoiadas en profundas e sosegadas reflexións, senón por simples veleidades políticas, infantilismos da erudición á violeta e apertura a unha globalización de constituíntes heteroxéneos, dunha difícil asimilación que excita á intolerancia.

Modestamente penso que non é difícil detectar un certo movemento pendular, entre o racionalismo e o escepticismo, en todas as correntes do coñecemento, especialmente de matiz humanista, xeradas por esta situación contextual que o falecido Bauman cualificou, con acertada metáfora, de “líquidas”. Este movemento sérvelle aos escépticos, apoiados na mutabilidade da realidade social e a pugna entre as diversas opinións que causa, para dubidar de calquera evidencia ou verdade; pero o racionalismo excluínte tamén adopta actitudes extremosas, cando se empeña en introducir a súa verdade, postulándoa como única perspectiva posible sobre esa realidade. Empéñome en rastrexar todo isto hipertrofiado no ámbito político.

Hai varias causas da incerteza. Rompemos coas institucións e cunha serie de estruturas fixadas. Xa non existen patróns fiables de comportamento, como no pasado. Cada un de nosoutros anda un pouco ao seu aire, cunha forma de vida fuxidía. Todo ten fecha de caducidade. As mesmas relacións amorosos acaban converténdose en breves episodios, nos que priva o beneficio persoal: Cando unha parella se considera que non é “rendible”, deixase de lado e búscase outra, non sempre con acerto, porque quen busca tamén vive a incerteza neste ámbito da vida, e anda á procura de novas experiencias; pero sen enraizar en ningunha delas.

No sector do traballo os cambios, respecto ao pasado, son enormes, porque agora xa non se pode falar do TRABALLO DA NOSA VIDA, sobre todo nas empresas, que necesitan renovarse cada pouco tempo. Xustamente por isto aos traballadores esíxeselles cada día máis volatilidade e capacidade de traballo en diferentes áreas. O traballador nunca pode estar amparado polas necesarias certezas, xa que debe estar sempre dispoñible para calquera reinserción.

Por outra parte, este cidadán inseguro e vítima de inesperadas situacións de incerteza, ten que loitar co paradoxo dunha sobresaturada información, para desafiar os novos retos que sempre están ao asexo. Ten tamén que soportar a inseguridade do que compra, porque, aínda que a fecha de caducidade non sexa explícita, sabe que calquera avaría costa máis que comprar outro obxecto novo: Non son para conservar, senón para renovar constantemente.

¿Como soporta o cidadán en xeral todo isto?. Con disimulada angustia, porque carece de certezas, e referencias dunha mínima solidez, e vive nunha sociedade que non sabe, ou non pode, remediarlle a situación. Só lle ofrece liberdades, porque soa ben; pero el, que vive nun mundo sen certezas, non sabe que facer con elas (coas liberdades), que as sente, aínda que non o manifeste (porque soa mal) como unha obrigación que debe soportar, dándose conta de que non lle foron conferidas só para divertirse, senón tamén para configurar unha personalidade que non acerta a facer. E, antes ou despois, acabará entendendo que onde está non é algo habitual, seguro, senón a mesma provisionalidade. Non é de estrañar, pois, que empece a ter medo ao mesmo medo que ve que se lle aveciña.

Velaquí a sorprendente emerxencia dos “trumps” polo mundo adiante, en busca de seguridades, que tampouco dan os “muros”, porque quen derruba a casa da convivencia cidadán, en vez de arranxala, está irremisiblemente condenado á intemperie da climatoloxía que el mesmo creou, e ten que esperar as tormentas desde todos os ventos.

Non obstante, aquí tamén nos encontramos cunha incerteza que por solapada non deixa de preocupar as xentes, derivada da afluencia migratoria, forzosa polas circunstancias bélicas, ou por meras razóns económicas e sociais. Hai medo a invasión demográfica multitudinaria e doutras culturas, que os políticos europeos PARECEN consentir con excesiva hipocrisía, e despois non saben como dar solución a un problema que eles mesmos contribuíron a crear coas arteiras actitudes ideolóxicas, e un certo grao de confusión terminolóxica: Esforzarse en confundir aos cidadáns denunciando o RACISMO onde só debería haber políticas dunha racional e razoable constatación dos parámetros demográficos que pode soportar cada determinado país, se non queremos caer nunha cadea de reaccións que leve a unha proliferación dos “trumps” no mundo, dun alcance imprevisible: Quen non o vexa a tempo, verao tarde!!. Non hai que esperar que podrezan os problemas que urxe resolver na orixe. Despois enquístanse deveñen un manancial de inseguridades e incertezas.

É que non aprendemos dunha historia que nos ofrece suficientes exemplos da lei, tamén física, da acción e reacción: Incomprensiblemente, o que menos desexamos, provocámolo nosoutros coas fachendosas arroutadas da nosa insensatez e pereza á hora de asumir as obrigas aceptadas, como se dos principios democráticos puidera derivarse calquera cándida ocorrencia.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES