Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Casan ou non casan humor e relixión? (e IX)

jueves, 02 de febrero de 2017
Citei o xoves pasado a Chiquito de la Calzada e, sabendo que non podo citar a todos os grandes, puidera, non obstante, que houbese quen non me perdoase que non faga nin unha alusión a un dos xenios de humorismo, agudo e delicado, crítico e sutil, Miguel Gila Cuesta, ou Gila a secas. Sendo el de pensar e vivir máis ben por libre con relación á relixión, manifestou, sen embargo isto:
“A relación que vexo entre a relixión e o humorismo é que nada hai tan cerca do humorismo coma o humanismo e o humanismo é parte imprescindible da relixión.

Se a relixión católica se basa en facer o ben ó próximo ninguén mellor ca aquel
que sabe facer rir”.

Conta a continuación recordos inesquecibles de actuacións en hospitais e en cárceres.

Váiseme acabando o gas e a tortilla sen acabar de fascerse. Pra que andar con voltas e entretervos máis? Debo dicilo dunha vez: Despois de escritos arredor de vinte folios, no me dou decidido a cociñar a trotilla, porque unha vez que fixen unha pra min só causoume unha conxestión que me durou tres meses e catro días, e aínda hoxe revólvenme o estómago as tortillas de patacas só con velas ou ulilas a cen metros. O malo non foi que estivesen pouco pasados os ovos. O peor foi que as patacas estaban medio crúas. Síntoo polos que fostes aguantado contra gusto ata o final co engolesmo de probar os pinchos, como fan algúns de Lugo cidade que se apuntan a tódolos actos culturais da provincia…se hai pinchos.

Será mellor que levedes as patacas, xa peladas, antes de que se oxiden no contacto co aire e máis os ovos sen escascar que poidades arrepañar, e que cada un cociñe ó seu gusto, se quere ou sabe; pero se vos poñedes a facelas, non vos esquezades de botarlle unhas pingas de aceite dese que debemos levar sempre nas alcuzas e que tanto vale pra suavizar a vida coma pra aportarlle un chisquiño de luz, nin unha pizquiña dese sal que dá gracia e bo sabor á convivencia.

Remato deixando uns pequenos agasallos que espero aceptedes de tan boa gana como volos dou:

1- A oración dun pelado, que nos ensina que non se consola quen non quere:
“Graciñas, Señor, polo detalle que tiveches comigo ó concederme a gracia de ser calvo. Calquera pode comprender que o que se di saírche ben, poucas cabezas che saíron. A túa bondade e misericordia tamén se pon de manifesto ó disimulalas debaixo dunha capa de pelo”.

2- Unha estampiña de Santo Tomás Moro, patrón dos humoristas, en compensación por selo tamén de gobernantes e políticos. Foi un home verdadeiramente polifacético e multidisciplinar, ó que o ano 1535 mandou decapitar o repoludo Enrique VIII, acusándoo de alta traizón, entre outras cousas por non facer o xuramento antipapista.

Nel a virtude do humor chegou a tal grao que relucía, incluso, en momentos de gran sufrimento e ante a mesma morte, chegando a mesturárense na medida precisa humor e heroicidade ou humor e santidade. Polo que lin, ó subir ó patíbulo díxolle ó oficial que dirixía a decapitación: "Faime, vostede, o favor de axudarme a subir?, porque pra baixar, creo que me irei amañando só". Non é doado ter unha actitude máis chea de bo humor ante a propia morte, pero tampouco é tan inusual en santos e santas, canonizados ou non.

Atrévome a dicir que non sería posible rezar a seguinte oración do mesmo Santo Tomas Moro sen un profundo sentido do humor enraizado no cerne mesmo da súa fe cristiá:

3- "Señor, ten a ben darme unha alma que descoñeza o aburrimento, que descoñeza as murmuracións, os suspiros e as lamentacións; e non permitas que me preocupe demasiado por iso que tanto impera, e que se chama Eu... Obséquiame co sentido do humor. Concédeme a gracia de entender as bromas, pra que poida coñecer algo máis de felicidade, e sexa capaz de doárllela a outros. Amén".

Apeteceríame rematar aquí, pero como sei que dentro dun pouco viría o trasacordo e, se cadra dicías: Este tipo é un cara. Non só non tén agardando pola tortilla e non a fai, senón que tampouco di se casan ou non humor é relixión? Imos por partes. Eu non dixen que ía respoder a esa pregunta. Limiteime a facela e aí queda pra que a responda quen saiba, ti, por exemplo. Polo que a min respecta, non vexo impedimento dirimente nin impediente que obstaculice este matrimoño; pero sospeito que se se len as proclamas vaise levantar alguna voz de algún anticlerical trasnoitado ou de algún escorrentademos, sostendo que de ninguna maneira poden casar nin polo civil nin pola igrexa. Non debería ser eu quen diga isto, que me pode traer consecuencias, pero, se se gustan, se entenden e se queren, que fagan polo menos unha parella de feito mentres tanto non lles dean vía libre pra una ceremonia como está mandado.

Aquí queda a miña pequena reflexión sobre un tema que nas mans de alguén máis esperto pode dar moito máis de si.

Lector ou lectora, se chegasches lendo ata aquí, pasamos un tempo xuntos e aínda que non te coñeza, permítome despedirte con un: Graciñas, amigo ou amiga, que na vida atopes moitas ocasións pra sorrir e poucas para chorar.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES