Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Evaristo Rivera Vázquez (Tito) na “lembranza”

miércoles, 01 de febrero de 2017
Eucaristía é fundamentalmente agradecemento e lembranza. Así a entendeu Xesús e así a queremos entender tamén nós neste mutuo encontro coa nosa memoria de Evaristo co gallo do seu pasamento este domingo pasado. El viviu tamén a súa enfermidade en Salamanca confortado pola lembranza. O día en que marchou desta nosa Bela Vista, camiño da cidade castelá, deixounos no taboleiro de anuncios un papeliño no que nos dicía textualmente: “Adeus! Unha despedida cordial a todos e cada un. Agora terei máis tempo de rezar e de me lembrar de vós. Amén. Vigo, 16 de marzo do 2011”. Isto foi hai pouco menos de seis anos. Como vedes, Tito dedicouse en Salamanca tamén a “lembrar”, a se lembrar de nós. E seino polas moitas cartiñas que me escribía en resposta ós meus correos electrónicos. Pola nosa parte, ímonos agora lembrar nós tamén un chisco del.

Os compañeiros xesuítas pedíronme onte que vos dixese unhas palabras sobre Tito, por máis que eu só puiden ter a sorte de convivir acotío con el nos meus seis primeiros meses da miña estancia aquí en Vigo. En realidade, se eu vin para aquí foi debido en gran parte a el, que unha e outra vez expresou o seu desexo de que fose destinado a Vigo. El era consciente da súa enfermidade e non quería que a súa gran obra a prol de Galicia quedase totalmente paralizada. Todos sabemos algo sobre as súas investigacións e publicacións, fundamentais e de primeira man, sobre a función educativa dos colexios xesuíticos en Galicia desde o século XVI ata o XVIII e tamén, claro, sobre a historia concreta e peregrinante deste noso colexio “Apóstolo Santiago”.

Si. Evaristo foi un concienciudo e constante lector e investigador, un escritor con arte e oficio, que acadou levar a cabo a súa tarefa con paciencia, renuncia e moita teima. Non por casualidade recibiu case a finais dos seus estudos neste colexio a dignidade de “Príncipe” do Colexio e posteriormente o “Premio Extraordinario” na súa licenciatura en Historia na universidade compostelá, antes de acadar alí tamén o seu brillante doutoramento en Historia. E fixo render ben os talentos que Deus lle deu.

Tito foi unha persoa amábel e agarimosa, con gran sentido do humor e excelentes capacidades de goberno. Por iso os seus superiores quixeron que se fixese cargo de moitas e diversas cousas, que el era quen de poder levar sempre adiante con competencia e sabedoría: ser investigador de textos antigos e selecto escritor; Reitor no Colexio xesuítico de León, profesor logo e educador aquí en Vigo e, pouco despois, Reitor deste mesmo Colexio noso durante sete anos seguidos; incluso, entrementres, durante algún tempo, Socio ou secretario particular tamén do mesmo Provincial, etc.

Evaristo foi sempre un home devoto e entregado, aberto ás realidades novas, progresista e consciente do peso da historia na conformación dos pobos e das culturas. Tiña unha sólida formación universitaria xunto cunha sede insaciábel de saber máis e mellor sobre unha gran variedade de temas. Coñecía moi ben a situación educativa dos colexios, dos antigos e dos actuais e espallou o seu saber en moi diversos foros.

Neste sentido considero relevante salientar aquí, neste intre da nosa curta e cativa lembranza colectiva e agradecida, algo importante no seu proceso biográfico. Evaristo recibiu durante a súa época xuvenil, toda ela neste colexio, unha formación en certo modo equivalente ou uniforme á que calquera outro alumno doutro centro xesuítico podería recibir no resto de España. Con todo, paseniñamente, a través dos seus estudos universitarios, da súa investigación histórica e tamén das súas estancias fóra do territorio galego, foi decatándose de que había algo no noso labor educativo que non se axeitaba na nosa terra ó que en principio debería ser. Pois Galicia, a súa cultura e os modos de ser e de se comportar das súas xentes eran algo nidiamente diferente do que se podía observar noutros territorios hispanos.

A Evaristo preocupáballe e doíalle, concretamente neste colexio onde el estaba e actuaba, que non se tomase boa nota desta circunstancia e que non se actuase polo tanto en consecuencia, dada a importancia que en principio alomenos a Compañía de Xesús lle daba oficialmente á chamada “inculturación”. En certo modo como legado seu para nós, do que cumpriría que nos lembrásemos (pois estamos de lembranza agradecida), léovos, xa para rematar, o que dicía Evaristo publicamente na súa conferencia de finais do ano 1997 co gallo da inauguración do 125 aniversario deste colexio:

“A teima desta data de xúbilo do Colexio é a de 125 anos servindo a Galicia. E está moi ben [...] Pero cómpre non esquecer que a Galicia hai que servila como ela quere e necesita. Para servir a Galicia parece preciso ‘inculturizarse’ nela, é dicir, coñecer e asumir seriamente a súa cultura, as súas tradicións, os seus costumes, a súa historia e tamén o seu idioma, que é o cerne de toda cultura. Se estas cousas lle deberían tocar a calquera persoa ou institución que viva e traballe en Galicia, moito máis atinxe a un Colexio coma este que é, por definición, un espazo cultural e ten a responsabilidade de educar e formar mozas e mozos galegos chamados a seren os que han pilotar o porvir desta terra”.

Grazas, Evaristo, pola túa persoa, pola túa obra, polo que fuches e polo que esperamos que sigas a ser, para ben de todos, desde onde agora estás!.

(Leido por Manuel Cabada Castro no funeral de Evaristo Rivera Vázquez)
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES