Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Pedregal de Irimia

martes, 31 de enero de 2017
Cando na mañanciña de San Xoán, dá o raiolo en determinada pedra nos arredores do castro, unha fermosa fada de cabelos louros estende a súa tenda e amóstrase ó primeiro mozo que por alí pasa propoñéndolle unha complicada adiviña que el debe descifrar correctamente se quere consegui-lo seu amor e os valiosos tesouros que garda. Ela pertence á estirpe dos mouros, máxicos habitantes deste País noutros tempos, que tuveron de fuxir a présa e que a deixaron vixiando as cuantiosas riquezas e tesouros encantados.

Este podería se-lo principio dunha dos milleiros de lendas que envolven en nevoeiro máxico os lugares simbólicos desta nosa Matria e que os galegos da miña idade aínda tivemo-la sorte de oir en boca dos nosos familiares e veciños máis vellos.

Deste xeito o noso pobo non letrado nin versado na historia documental elaborada, e tantas veces silenciada ou terxiversada polos historiadores pagados, estimulados ou ameazados...Este era, repito, o xeito de sinalar e marcar os lugares digamos... máxico-simbólicos ou sagrados da nosa cultura.

Así, ninguén se atrevía a labrar demasiado fondo nun castro, allanar os seus fosos, destruír unha mámoa ou rebentar un pozo dun río ou os penedos que milenios atrás foron abrigos paleolíticos. Todo isto estaba e está marcado coa palabra mouro de maurus- antergo ou antepasado, e a maxia sobrenatural que os preservaba das agresións dos destemidos e bárbaros negociantes que sempre van ó práctico e rentable e que non queren saber nada dese respecto debido á propiedade colectiva chamada identidade.

Unha destas lendas fala dun lugar onde unha raza de seres violentos, antisociais e incrédulos, antítese da raza humana, foron convertidos en pelouros e condenados a seren luídos polas augas case eternamente ata lavaren así as súas culpas.

Así, de xeito resumido, reza unha das moitas lendas que envolven o Pedregal de Irimia, situado nas estribacións da serra de Meira. Este Pedregal está formado por 700m. de morrena glaciar de pelouros de grandes dimensións.

Se un sobe enriba deses penedos xa citados pode escoitar o cantar das augas sen saber a ciencia certa se son subterráneas ou son os croios quen taparon un regato rumoroso. Esta auga nace de numerosos acuíferos repartidos ó longo da serra que se veñen xuntar nunha fonte, situada no alto do Pedregal.

O feito é que ó remate do funil de croios sae un regato de auga limpa que corre formando o Minius acabado de nacer. Sería pois, a fonte principal, ou pra non entrar en litixios locais, unha das fontes principais do que será, terras abaixo, o principal río de Galicia.

Trátase, créanme, dun lugar ÚNICO, de enorme valor xeolóxico, paisaxístico e simbólico. Paraxe de visita obrigada de toda excursión, de xeografía de Galicia, que se precie. Valor xeolóxico pola súa orixinalidade e por ser un lugar de transición. Paisaxístico porque tén características únicas na nosa xeografía. E simbólico porque se o Miño é o Pai de Galicia, ben está que preservemo-lo seu nacemento de calquera agresión conservando a súa orixinalidade para disfrute e estudo de escolares e cidadáns en xeral.

Nos últimos tempos, polo menos catro ou cinco decenios, este paraxe era un monte pelado nos seus arredores, con acceso para coches e un xeito de área recreativa na marxe esquerda que lle daba e dá valor natural.

Pero nos derradeiros oito ou dez anos fixéronse plantacións de eucaliptos en vastas extensións da marxe dereita que ameazan os acuíferos e a natural e propia flora e fauna da zona, danando irreparablemente tamén a paisaxe.

Por todo o exposto, e vista a alarma creada nesta singular enclave de interese xeolóxico, cultural e simbólico, ten previstas, o goberno galego, medidas que dean protección medioambiental e paisaxística ó acuífero e ó entorno que conforman o nacemento do río Miño no chamado Pedregal de Irimia, preservándoo das agresións incipientes e futuras?

(Intervención de Xosé Luis Rivas Cruz-Mini, Deputado do Bng, no Parlamento de Galicia, no 27/28 de decembro pasado, a raiz da que se acordou propoñer a declaración do Pedregal de Irimia como Enil, Espacio Natural de Interese Local, xa acordado polo Concello, e agora pendente de trámite na Xunta de Galicia).
Mini
Mini


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES