Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Fiestras

jueves, 26 de enero de 2017
Por veces "valdeiras", escribía Dieste; por veces ocupadas co dorso dunha muller debruzada no seu peitoril, estilo Dalí; algunhas abertas de par en par, como pola que ollaba Juan Gris; outras entreabertas : unha mesa con libros, dúas cadeiras, uns centímetros de vida debaixo dos vidros que filtran a brisa dun mar case calmo saído do pincel de Karen Hollingworth. Tantas que se abren e se fechan acotío, polas que saen os folgos ou as mágoas, polas que entran as sombras ou as luces...

Fiestras sinxelas, sen contras para mudar en escuro a claridade da alma cando se sente; sen bambinelas que anubren o entendemento, sen visos que perturben a visión da realidade.

Ollos cara ao mundo de quen non desexa permanecer illado, na ignorancia, no receo, no anonimato -sen nome nin consistencia-, na nada. Ollos, si, de luz gastada na existencia diaria; de penumbra, acaso consentida por medos ancestrais, mais nunca desexada; de negrura, cando se apaga a esperanza.

Fiestra tras fiestra, dunha noutra, abrindo e fechando; Windows que acompañan neste ir e vir mediático, mais necesario tantas veces... Fiestras por onde verter palabras e imaxes, por onde respirar o alento dos seres que te atenden e entenden, que te aprecian, te queren ou te aman.

Espazos abertos para estender a man e apreixar a man amiga, para facer as beiras sen rexas polo medio, para amosar sorrisos a todas as primaveras e deixar que entre o arrecendo da liberdade, o cantar da tolerancia, a brisa fresca da xustiza, e a paz voando encarnada na pomba de Picasso.

Ás veces cóanse bechos case desagradábeis, cheiros case insoportábeis, sons case perturbadores, ventos case devastadores... Mais, a pesar de todo, eu sigo coa miña fiestra aberta.
Lamas, María Xosé
Lamas, María Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES