Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Toma de decisións

sábado, 21 de enero de 2017
Aqueles que coñezan a traxectoria de Isaac Xubín seguramente o asociarán aos eidos da tradución, onde é un recoñecido profesional ao Toma de decisiónsque debemos importantes versións galegas de destacados autores vascos e non só. Os máis informados talvez lembren tamén que no seu día foi distinguido no Premio Eusebio Lorenzo Baleirón e que a editorial Sotelo Blanco publicou o seu poemario Con gume de folla húmida (2012). Agora ben, o que non se coñecía era o natural talento deste coruñés para a narrativa, pois apenas se dera á luz un par de relatos, mais agora confírmase coa publicación do volume Non hai outro camiño, editado por Xerais.

Este libro é todo el un gran calidoscopio de insatisfaccións, un mosaico de vidas abocadas á toma de decisións, empurradas a liberarse da opresión, en permanente tensión que se resolve nunha loita transgresora, ben sexa no individual ben no colectivo.

E aí está unha das trabes mestras da obra, que pode lerse como un remuíño de historias persoais e tamén como un retrato colectivo confeccionado a partir dos retallos vivenciais de cada un dos numerosos personaxes que habitan Staro Selo, o xenuíno cronotopo polo que deambulan todos estes seres.

Por tanto, Non hai outro camiño é un teselado de personaxes, un mostrario de historias que, dende o social, amosan o descontento das xentes de Staro Selo ante o estado ditatorial, represivo e censor no que viven, alentando clandestinamente a resistencia, o combate e o atentado, as misións revolucionarias para derrocar a impunidade do réxime que perpetra o abuso capitalista.

En clave individual, cada personaxe do libro anda o seu vieiro na procura da propia identidade, na busca dun lugar no mundo alén da vida gris e insatisfactoria na que consomen os días. Así, hai protagonistas que precisan o amor, outros superar un pasado doloroso ou limpar a conciencia, algúns outros atopar a paixón artística ou profesional e tamén os hai que se sacrifican en aras da xustiza social e a loita por un mundo mellor e máis libre.

Un dos elementos que singulariza Non hai outro camiño é a súa complexa Toma de decisiónsarquitectura. Esta non é unha obra narrativa ao uso, non se pode falar dela en termos de novela convencional. Mellor sería considerala unha novela por agregación, unha novela non orgánica, que resulta da amálgama de relatos particulares, un cosido de historias nas que a fía de unión reside na coincidencia de certos personaxes e o seu entrecruzamento, tamén no espazo vital que comparten, a enigmática Staro Selo, ela, en por si, un personaxe de personaxes.

Dividida en cinco grandes capítulos, Non hai outro camiño bascula entre a narrativa de colmea inicial e a evocación do paraíso perdido e a idealización do pasado harmónico doutros treitos, pasando polo relato longo e contrapuntístico e aínda a narración de intriga resistente e revolucionaria, para rematar cun broche que completa a estrutura paralelística e circular e que explica o sentido do título: non hai outro camiño máis que aprender a fluír no río da vida e o Tempo, que é imparable e que, tantas veces, nos castiga coa chuvia impenitente dos días, á que cómpre defrontar un futuro esperanzado, a convicción de que ten que haber outro vieiro, malia a todo, e que está nas nosas mans abrir esa porta ao mañá.

Non quero rematar sen significar a altura estética e estilística deste texto de Xubín, que emparenta —polo estrañamento brechtiano na indefinición espazo-temporal e mesmo designativa dos personaxes e, sobre todo, polo seu pouso de anguria existencial— con autores referenciais do medio século pasado, como Mourullo, o primeiro Ferrín e determinado Gonsar, tamén co Blanco-Amor de Xente ao lonxe, co que converxe na crítica proletaria e urbana, e logo con colegas coetáneos como o Cid Cabido de Blúmsdei ou Grupo abeliano, o Borrazás de Costa Norte/ZFK, o Darriba de Branco ou O bosque é grande e profundo e mesmo o Lema de Un puta percorre Europa ou Da Máquina.

Intensa, desacougante e incisiva, a narrativa de Isaac Xubín en Non hai outro camiño lémbranos que o presente é reversible, que a chave do futuro está no noso peto e que a morte non é outra cousa que a resignación fronte á opresión, o abandono da loita por mellorar, o desleixo na toma de decisións. Convén non esquecelo.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES