Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Crebas

martes, 17 de enero de 2017
Nacín na chaira interior da provincia, de altura media, mais largacía, rodeada de lombas dondas raídas polos séculos. A única con padriño coñecido -Manuel María- que lle deu un nome que transcende ao literario.

A Terra Chá que, nun tempo non moi afastado, posuía mares amarelos de pan espigado e maduro para a sega; mares verdes tinguidos polas flores miúdas de cor lila das patacas de Kennebec e, por veces, mares brancos de rosada ou neve tardía da que anuncia a primavera.

Cruzada por centos de regatos e ríos poderosos, que toman os seus nomes dos lugares polos que transcorren, e neles agochada, a Chaira chega ao mar, ao azul, ao inmenso, a ese que sorprende e que deleita, a ese que se adora e que se teme e que, moi preto, se abraza na ribeira de terra amiga: Pontedeume, Viveiro, Foz, Mañón,..., xa en cantís pedregosos e escarpados ou en areeiras cumpridas de beleza. Praias nas que pouso os pés descalzos, que percorro sen présa contemplando o vai-vén das ondas harmoniosas, buscando os seus tesouros, esas crebas que deixa a marea sobre a area: restos de redes, mallas de cebos, cordas ou cortizas mesturadas con algas e con cunchas, con anacos de madeira luídos de rodaren coa auga en maresía, ou con lixo.

Si as crebas de agora son de lixo - garrafas, bolsas, aneis de plástico dos botes de bebidas, ...merda!- Que mágoa que esas crebas non sexan como antano, restos que se perdían nas augas porque as deixaban os barcos, únicos utensilios dos humanos con dereito a verter, moderadamente e por descoido, refugallos ao mar nalgún naufraxio.

Na miña biblioteca, nun andel, non teño libros, teño crebas! Unha "ex-peixeira" ateigada de cunchas, algas desecadas, ovas de raias, ... rodeada de mallas onde os cebos tentaban ás centolas, de anacos de corda de bateas, de nasas e tamén de ourizos mesturados con cabeleiras de algas e bailaretes dos carballos cos que o monte ao mar agasalla nos outonos. Crebas que me levan ao mar en canto as ollo.
Lamas, María Xosé
Lamas, María Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES