Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De viaxe

lunes, 16 de enero de 2017
Cada mañá, ao erguerme, percorro o longo corredor que me deixa na cociña. E aplícome á rutina cotiá: auga no depósito para dúas doses, café moído, cunca, culleriña, coador e unha pastilla de edulcorante (que pobreza! Cos paquetes de azucre "blanquilla" que teño na despensa...!).

Mais, a vida muda de rostro se ollo a porta da neveira. Un puzzle de imáns dos lugares máis diversos - non tantos como quixera!- que deleitan o espírito, que saúdan os meus días cada xornada, cando os pés apenas pisan o mármore frío da mañá e as pálpebras comezan a entreabrirse ao mundo.

Fico coa man na agarradoira da porta o tempo necesario para ollar unha imaxe, lembrar unha face, uns pasos, uns sentimentos... por veces nostálxicos, outras ledos, sempre vividos con intensidade. E viaxo de novo mentres verto nunha xerra mínima unha gotas de leite "medio magro" e sen lactosa e o meto no forno microondas. Viaxo, si, na lembranza de lugares evocadores que me leva voando até alí mesmo mentres sorbo grolo a grolo ese café con leite tantas veces amargo.

Quen non garda os recordos máis fermosos pendurados a dous pasos de si? Quen non lembra os camiños percorridos, que volvería tantas veces a transitar con gozo? Quen non ten rodas no pensamento? Quen non agarda volver, outra vez e sempre ao recanto soñado? Quen ?
Pero nunca será o mesmo percorrido, nunca a paisaxe, nunca o sentir e a compaña. Cada intre transcorre diferente ante a ollada da alma.

Sigo tomando o meu sinxelo almorzo e desvío a atención até o reloxo. As oito e cuarto. A auga agarda por min para limpar a pel suada e as mágoas, en tanto continúo de viaxe.
Lamas, María Xosé
Lamas, María Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES