Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Casan ou non casan humor e relixión? (VI)

jueves, 12 de enero de 2017
Despois da pequena interrupción do xoves pasado retomo o tema de humor e relixión, meténdome agora un pouco máis de cheo na relixión cristiá. Se nun xogo imaxinativo comparara o humor coas patacas da tortilla, a relixión podería ser os ovos, ou á viceversa.

Teño que adiantar que, a pesares dos esforzos por darlle a esta segunda parte un certo son humorístico en consonancia coa primeira, non o din logrado; o que probablemente sexa a primeira proba de que, por máis que teoricemos, na práctica non é doado casar humor e relixión.

Quizabes, no caso do cristianismo, por influenzas da esquemática e fría filosofía escolástica que marca a teoloxía aprendida nos seminarios e non deixa moito sitio ós sentimentos humorosos, húmidos. Véxome, xa que logo, obrigado, ó tratar este tema, a ser máis racionalista ca descritivo.

Non fai falla ser moi agudo pra darse conta de que, dependendo das concepcións relixiosas que cada un teña e da idea de Deus que profese dende a súa fe, a súa relixiosidade potenciará ou minguará a súa alegría, a súa felicidade e mesmo esa actitude fronte á vida que D. Ramón Gómez de la Serna dicía que ven marcada polo humor. En consecuencia, as concepcións relixiosas de cada un estimularán o bo humor ou o mal humor ou a falta de humor.

Algunhas autoridades no estudio destas materias afirmaron que a alegría existe no fondo das crenzas relixiosas e das relixións do home civilizado. E Harvey Cox da universidade de Harward, no seu interesantísimo ensaio sobre o talante festivo e a fantasía titulado “Las fiestas de locos”, razoa maxistralmente sobre as súas conviccións de que a chamada “morte de Deus”, certificada, según din, de puño e letra polo fiósofo alemán Nietzsche, vai parella coa diminución do talante festivo da sociedade.

Poida que na esencia mesma das grandes relixións estea a alegría como compoñente necesario; pero, á hora de traducir en vida cada persoa as súas crenzas relixiosas, non sempre é así, é ás veces é todo o contraio, xa sexa por unha defectuosa ou parcial transmisión da mensaxe relixiosa, xa por unha interesada manipulación da mesma con fins espurios; xa, por unha mala asimilación convertendo en dogma eterno e inmutable o que é lexislación temporal e cambiable; ou incluso por un amasillo malo de dixerir de concepcións relixiosas e supersticiosas mesturadas.

Non estou capacitado pra facer unha análise pormenorizada de cada relixión. Tampouco podo entender como no nome de ningún deus se pode converter un neniño ou unha neniña nunha bomba ambulante que no momento en que estoupe vai ciscar polo mundo os anacos do seu corpiño inocente. Do mesmo xeito, tampouco atino a comprender a onde pode conducir facer burla das crenzas dos demais arriscando vidas alleas.

Cinguíndonos á relixión cristiá que é a que mellor coñezo, sen coñecela de todo, un pode atoparse con persoas pràs que a fe é liberadora e fonte de gozo, de paz interior consigo mesmo e co entorno e de alegría. Pero tamén pola contra, non é tan infrecuente atoparse con persoas prás que a relixión é fonte de temores, medos e actitudes vitais de angustia.

Non poderá atopar nas súas crenzas moitos estímulos pra ir pola vida con bo humor nin con alegría quen crea nun deus permanentemente cabreado, e mesmo arrepentido de ter creado o mundo e o ser humano; disposto e deixar caer traizoeiramente o seu brazo castigador, que goza sadicamente apertando sen chegar a afogar, que constantemente nos está lembrando que comparados con el somos un refugallo, que, como mal policía, vai anotando minuciosamente cada transgresión pra aplicar con rigor tremendas sancións xa neste mundo e tremebunda cadea perpetua no alén por toda a eternidade.

Poida que esta descrición sexa un tanto caricaturesca, pero non por iso deixa de reflectir prédicas de non hai aínda tantos anos en misións, exercicios espirituais e homilías, que algúns que se din máis católicos có mesmo papa botan de menos; porque os seus traumas non lles permiten admitir a un Deus máis misericordioso ca castigador.

Unha idea dun deus bastante próximo a esta caricatura pode resultar útil pra agarrotar ou pra arrincar pola forza do medo determinados comportamentos; pero é tamén moi propia de seitas destrutivas da personalidade. Dun deus así hai que esconderse e cando nos escondemos é porque algo tememos.

Quen crea nesta clase de deuses, o mellor favor que pode facerse a si mesmo e ó Deus de Xesucristo é facerse ateo; porque Xesucristo no seu Evanxeo, (Boa Nova), non revela a un Deus obxecto de temor, senón fonte de amor.

Ante certas concepcións relixiosas haberá que cadrar acordes con gran parte do libro de Salvador Freixedo titulado: “¡Defendámonos de los dioses!”

Non é o Deus de Xesucristo un papaleisón ou pampallón; pero si, un Deus ben humorado, que, despois de crear o mundo, disque sorriu, porque viu que era bo canto fixera. A un Deus que, aínda sabendo que, facendo mal uso da liberdade, podiamos darlle desgustos, creou ó ser humano libre e á súa imaxe. E foise revelando progresivamente pra facilitarnos o traballo de coñecelo.

Pero, se a revelación é progresiva, facémoslle un fraco favor quedándonos fixados como a muller de Lot convertida en estatua de sal por non deixar de mirar pra atrás, sen acabar de gozar con un Deus Bo Pastor de infinita misericordia que plantou a súa tenda entre as nosas, pra que, como di o evanxelista Xoán, chegue con el a alegría, e pra que cando volve ó Pai, sen deixar de seguir entre nós, os seus discípulos “volvan a Xerusalén con gran alegría”.

Pra rematar con tanto razoamento, agradezo fixarse un chisquiño neste outro: Se o sentido do humor e a capacidade de rir son calidades propias dos humanos; xa que non teñen esa capacidade os animais, como tampouco teñen a de facer festa, e se fomos feitos a imaxe de Deus, haberá que concluír que Deus tamén tén sentido do humor.

Remato hoxe aquí e prometo tratar de ser algo menos racionalista no futuro. Deixar a ver se o consigo.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES