Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Evaristo Lorenzo Orol, un bo cura para unha época difícil

miércoles, 11 de enero de 2017
Coordenadas vitais: Naceu en S. Xiao de Recaré, no Valadouro, o 22/09/1940. «Finou en Ferrol, o día 9 de outubro de 2016, aos 76 anos de idade, despois de recibir os Santos Sacramentos e a Bendición da Súa Santidade». (Texto da esquela). Foi para o seminario de Mondoñedo no 1954 e ordénase sacerdote no 1966.

Cincuenta anos de servizo e bondade son moito de agradecer e non se esquecen. Por iso cómpre relembrarmoscon gratitude aínda máis unha vez a vida de D. Evaristo Lorenzo Orol por terras de Narón: En San Mateu de Trasancos e A Gándara.

Fixo opción polo mundo dos pobres e viviu modestamente. Un estilo, unha formación, un compromiso vital e unha fe grande a proba de dificultades e sacrificios. Proxectou o seu ser, o seu saber e actuar principalmente nos termos de Narón e Ferrolterra. Foi cura cun espírito propio do Vaticano II: «Todo o qué xenuinamente humano encontra eco no seu corazón. Sen sentirse movido por ambicións terreas, só polo desexo de servir e dando testemuño da Verdade, examinará a persoa humana integral, na plenitude da súa natureza e da súa vocación».

D. Xosé María Balseiro Quirós foi párroco de Mandiá na inmediata postguerra. Salvou moitas vidas pondo en perigo a súa propia e a súa liberdade e mesmo algo máis. Nunca calou. Expresou por varios medios a máis enérxica repulsa contra todo aquel sen sentido das malfadadas estatuas de San Mateu de Trasancos.

Cantas bágoas as desa benquerida parroquia.Sufriron o indicíbel no franquismo máis sañudo por causa dunha idea demencial coas infaustas estatuas de Franco e o Corazón de Xesús. Só Deus e os veciños todos saben ben canto lles tocou sufrir por todos os lados.

Foi tanta a dor que non era nada doado achegarse como crego a esa freguesía. Don Xosé Chao Rego e D. Pedro Campás empezaron a abriren unha luz de bondade nesa freguesía. No 1963-64 tocoume a min ir alí os domingos con certa frecuencia. Son testemuña e coñezo esa historia. Quérolle ben a esa xente.

En decembro de 1966 nomearon para San Mateu de Trasancos a D. Evaristo. Un crego novo, con grande entusiasmo e entrega.

Persoa a persoa, casa por casa, camiño a camiño, leira a leira, nenos, rapaces e maiores empezaron a ver nel como había outra crase de persoas para quen a imaxe de Deus non era a daquelas estatuas de cemento armado que Deus nunca quixo e sempre refugou delas porque respiraban odio e humillación contra da xente inocente. As imaxes que Cristo quer son as da fe nun Xesús-Cristo que se edifica no interior de cada conciencia e no corazón humano, familiar e comunitario. El ámanos e quernos a todos de pé. “Non hai igualdade sen xustiza, nin xustiza sen igualdade”. Unha comunidade non se pode edificar desde unhas estatuas que xeraron mortes. E os extramuros dese cemiterio son testemuñas dos horrores e da sen razón da “Longa noite de pedra”. Cantos días moreas de mortos!

En Evaristo os de San Mateu de Trasancos captaron e entenderon axiña a máis fonda solidariedade, bondade e comprensión. Por iso nesta parroquia terá sempre aberta unha porta grande en cada fogar e no corazón de cada quén. Recolleu bágoas, sandou corazóns feridos e creou alegrías, desas que duran para sempre. Naceron nenos, despediu aos que se foron, acompañou familias no sufrimento, etc. Fixo pobo de Deus e pobo de fraternidade veciñal e civil. Os rapaces do Instituto sempre apreciaron moito o seu labor. Hoxe é unha parroquia que camiña decididamente cara un futuro de fe e esperanza.

Evaristo foi quen de verdade fixo, conxuntamente cos fregueses,esa primeira difícil travesía do deserto. Con el chegou un home de Deus a esta benquerida parroquia de excelentes veciños. Bendita sexa a súa memoria por sempre.

O 26 de novembro de 2016, ás cinco do serán, recordámolo entrañabelmente coa igrexa chea a máis non dar. E de novo as bágoas de agradecemento e emoción saíron dos nosos corazóns pola profunda fe, amor e esperanza que el tanto fixo medrar en todos nós. Unha sobriña súa achegounos con infinda tenrura a presenza amorosa, de alento e de fe coa que Evaristo impregnou de continuo o seo da súa numerosa familia. Para eles tamén a nosa gratitude por térnolo ofrecido a nós.

En xullo de 1978 tocoulle coller novos rumbos e, con moita dor, foi para a Mariña luguesa onde estivo moi ás portas de sufrir prisión por saír na defensa dos pobres. Máis tarde será enviado a Madrid para ampliar estudos.

Para San Mateu foron chegando outros. Pero para daquela na parroquia as relacións entre todos xa eran outras. Hoxe está o noso bendito D. Benito a quen todos veneramos por santo, sabio e bo pastor.

Pasou o tempo e D. Evaristo volta para Narón: Santiago Apóstolo da Gándara. Será unha longa xeira ata unha xubilación prematura por deterioro da súa saúde.

Aquí D. Evaristo recibiu varias homenaxes nos últimos tempos. O templo, de grande capacidade, estivo sempre cheo e sempre ficou pequeno. As emocións, a gratitude, os parabéns e as presentacións das eucaristías e das homenaxes fican ben recollidas nas hemerotecas. A memoria colectiva foi testemuña de que nesta barriada a figura de D. Evaristo nos últimos 26 anos foi decisiva para o seu avance cívico caritativo, cultural, civil e cristián. O Boletín de Narón así o quixo recoller no número do Nadal 2016.

Como diría San Francisco de Asís: Pola súa obra comunitaria, loado sexas, meu Señor. Querido D. Evaristo, os homes pasan. O amor, a bondade e a xustiza permanecen. Grazas, compañeiro.

E xa sabes: de parte de todos, moitos bicos e sempre amigos. En Narón a túa vida deixou unha pegada de civilización e esperanza. Achegáchesnos a Deus. Grazas, amigo. Soubeches portarte. Pois agora entra xa no gozo de teu Señor.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES