Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A mestra das saias longas (y 22)

martes, 10 de enero de 2017
Non me preocupan gran cousa os distintos saberes que se dan nas escolas, sexan unitarias ou mixtas, pois entre o que nos ensinan, o que traíamos sabido e o que aprendemos por nós mesmas, aliñado con xeito, coa metodoloxía de cada materia, no que se están parando moitísimo estas profesoras, especialmente neste curso, espero non ter dificultades á hora de levar á práctica todas e cada unha das materias programadas. O que me quita o sono é a neutralización que debo, e quero, facer no seu encarreiramento moral.

O Cura predica en xeral, e aconsella individualmente no confesionario…, se se lle achegan! Os sacerdotes son os médicos da alma, pero actúan despois do contaxio, da infección. A vacina é asunto noso, máis noso aínda que dos pais, pois na casa o neno non actúa en grupo, en sociedade, que é onde e cando amosa as súas tendencias, as súas, posibles, desviacións, propias ou contaxiadas.

Para dona Carme, e non se cansa de reiteralo, a educación, a formación integral, comeza nas canetas pois o neno supera gran parte das tendencias ou debilidades que traía de bagaxe xenética cos arrolos maternos; fai seus os sentimentos e maila tenrura que capta directamente dos ollos, da expresión da nai, que operan de imán levándoo ao seu propio camiño, simplemente co exemplo, con esa percepción, tanto no sensorial coma no extrasensorial. Hoxe engadiu dúas comparacións: Unha, que o neno, dun xeito parecido a como os moribundos oen aínda que xa non nos vexan, a criatura percibe, nota e asimila as particularidades do seu entorno; sorrí aos sorrisos, e chora ante a menor carencia da súa vitalidade. A outra foi máis física, que levou á clase unha maceta cunha árbore de tan só centímetros: -Aquí a tedes, coa guía algo desviada, inclinándose a un lado; pois ben, se a atamos fortemente a un titor, criarase traumatizada, desfigurada, que incluso lle podemos ulcerar a súa cortiza, pero con un titor suave, amorosiño, que a dirixa sen forzala, de mero apoio pero asiduo, permanente, constante ao seu lado, axudaralle a enderezarse, lograrémolo, pero debe darlle o sol en sentido contrario ás súas desviacións, porque as árbores, coma as persoas, sempre buscan a calor do sol, o agarimo do sol, a complicidade do sol.

¡Deus llelo pague, pois, en xeral, e non só dona Carme, saberán moito ou pouco, pero elas tamén nos tratan maternalmente, enderezándonos coa súa titoría sempre afable, pois nunca, ou poucas veces, entran en clase con amarguras propias; se as teñen, adoitan déixalas en cadanseu roupeiro!
-.-

Vai ter razón o tío Antonio cando di que me parezo ás abellas, que non se van da flor ata que lle liban todo o pole. Estes días deume pola moral, pola ética dos rapaces, e non dou saído do tema; vou ter que ir máis a miúdo á catedral para pedirlle auxilios ao Espírito Santo pois os apuntes non acaban de satisfacerme, que sempre me parece que queda materia no tinteiro.

Hoxe, ¡que calquera baixa ao Miño con estas xeadas!, nadei nas propias lembranzas: aquelas decepcións que tiven ao ir descubrindo que as persoas son coma as matrioskas rusas, que estamos, que vivimos, unhas dentro doutras: tal ou cal persoa, que un día parecíame dun xeito, e ao seguinte resultou ser outra. Se isto é certo xa me podo dar por solteira pois non darei cun rapaz do que non desconfíe. Darwin falou da mutación das especias, pero tampouco é así pois somos os de onte, os mesmos, pero…, ¡con outro estilo!

¡Que terrible para un neno ir descubrindo que lle pasa coma ao pito ao saír do ovo, que sae da quentura á friaxe, e que ten que picar, acometer, para comer; con iso e con todo, o día menos pensado el tamén será consumido! Se a decepción vén dos pais, ou dos mestres, seus segundos pais, a responsabilidade dos mesmos é atroz. ¿Que lle pasa ao ourizo cacho cando venta perigos ou decepcións? ¡Péchase en si mesmo, e apunta en tódalas direccións cos seus pinchos; tórnase agresivo aínda que non se mova do sitio! Un rapaz, neno ou nena, e máxime un escolar camiño da adolescencia, ao notar a agresividade do seu entorno, se tivese frechas, frechas dispararía! ¿É o instinto da defensa? ¡Pode ser, pero tamén se di que o ataque é a mellor defensa, así que o rapaz, saiba ou non este refrán, ante tal descubrimento, nesta sensación, ataca, ármase de rebeldía!

¿É incumbencia nosa, dos mestres, tutelar ese transo do utópico á crueza do mundo real circundante? Na miña conciencia, si, pois a pasividade, a fronteira entre o ensino e mailo mundo, non pode ser tallante senón paulatina, suave e suavizante. Por tanto, eu sigo matinando na transcendencia da responsabilidade pedagóxica.

Nada máis perigoso para o adolescente que abre, ou lle abren, esas ventás que dan ao mundo circundante, que amortizar, de decepcionado, o concepto “moralidade”, subsumíndoo, confundíndoo, co de “inmoralidade”. Canto máis experto sexa o rapaz, máis perigoso se torna, que algo así lles pasou aos grandes ditadores pois canto meirande era a súa intelixencia, de pasada a fronteira do lícito acabaron encabezando traxedias e xenocidios. O desenrolo precoz, incontrolado, sexa polo propio interesado ou polo seu entorno, conduce a un escepticismo ético que trae consigo, como consecuencia lóxica, un completo desligamento de toda autoridade moral. Veño observando en boa parte dos científicos, particularmente en médicos de soa, que acaban soando como ateos, séxano en realidade ou en aparencia, atribuíndo esas tendencias, esas desviacións, a que os seus, relativos, éxitos, endéusanos, álzanos á vista do seu próximo, e acaban escurecendo a fronteira entre o ben e o mal; ¡de servidores públicos pasan a tiranos!

O xusto, o propio, o fin que debemos perseguir, perseguir para acadalo, para anosalo, é que a moral explicada sirva de materia prima para elaborar xuízos críticos, reflexións conducentes á propia fortaleza, algo así como aprender a nadar por se nos vemos nun naufraxio. ¡Amén!
-.-

Apaixonada por estes temas, pasei por Fusalba, na calle da Reina, onde atopei un libro de Patricia Argensola que non me resisto sen traducir e sen anosar porque fago miñas, acepto, as súas ideas, ao pé da letra:

Di Argensola, falando da autodisciplina:

O adolescente cre que estes principios –os da reconstrución ética- son aplicables a todo o mundo porque aínda lle falta a capacidade de individualizar. Dese estado anímico resultan os programas xuvenís da reforma da vida referente á hixiene, á moral dos sexos, á xustiza, á filosofía, á política, etcétera; en fin, a tódolos problemas vitais. O fervoroso desexo de mellorar á humanidade que anima á xuventude e que se repite en cada xeración, ten a súa orixe na parte máis pura e máis boa da alma xuvenil, pero ao mesmo tempo esa propaganda moral posúe algo estraño se se pensa que os que a queren impoñer no mundo non o coñecen senón moi vagamente, así que eles mesmos aínda non teñen en si mesmos ningún fundamento verdadeiramente sólido. Pero o auténtico motivo desta propaganda, aínda que o rapaz o descoñeza, está no desexo inconsciente de posuír unha defensa contra si mesmo. A autodisciplina é máis doada de realizar cando se exerce dentro dun grupo. ¿Que é iso da autodisciplina, pregúntase Argensola? É o primeiro dos pasos cara ás responsabilidades da vida… (Dona Patricia, dixéchelo por min, pois eu sentía algo así, pero non atopaba verbas axeitadas!) Xa non hai ninguén que diga o que se ten que facer nese instante, ou noutro, senón que é o mesmo individuo o que se impón os deberes, e debe cumprilos, a gusto ou non! Para que este paso inicial cara ás responsabilidades non sexa un obstáculo moi grande na vida, é conveniente que se dea aos nenos, desde cativos, deberes que estean fóra das xeneralidades da súa vida diaria. Así van afacéndose, pouco a pouco, á tarefa inevitable da súa futura existencia. Non se trata de darlles deberes escolares ou algo polo estilo, senón deberes fóra do seu plan acostumado. O neno que así se educa atopará máis adiante moitas facilidades, e non lle caerán as responsabilidades enriba como pesos abafantes para as súas posibilidades de carácter, e tamén para a súa estrutura mental. Comprendendo as razóns da aparente rixidez do rapaz, compréndense tamén os estoicos xuvenís. Aló no fondo a alma tenra, xuvenil, está lonxe de todo estoicismo, que sempre significa o freo da forza imaxinativa que enlaza coas tentacións do mundo exterior. Pero o adolescente constrúe en si o ideal ascético como defensa artificial contra os seus instintos e o seu apaixonamento. O sistema do seu modo de vivir é o rigoroso dominio de si mesmo. Por esta razón os rapaces buscan amigos que pensen dun xeito semellante para poder exercer un mutuo control, e desde o ángulo limitado das súas ideas medir e xulgar ao mundo enteiro”.

Grazas, Patricia, de todo corazón, que ben levo buscado explicacións deste tipo para problemas que me tiñan alucinada.
-.-

O segundo trimestre fuxiu coma os ventos primaverais, levando as flores e deixando a semente, os froitos. A mestra das saias longas (y 22)Estamos chegando á meta, e eu, aquí en Lugo, neste claustro amurallado, preparándome para dominar este último, ¡de Terceiro! A miña conciencia dime que lle botei interese ao programa; agora estou en vésperas de que as profesoras me confirmen, ou non, nos meus propósitos. Xuño está a un paso, así que lle pido a Deus forzas para incorporarme ao sprint final, e despois diso, á Reválida.

Precisamente a pedir forzas ía, cando me atopei con Estrela na porta do Pantocrator:

-¡Eu facíate en Belén!

-¡Alí estiven, pero foi polo Nadal…; desde que Santiago nos trouxo o coñecemento directo de Xesús, aquí en exposición permanente…, xa ves, cómpre adoralo nas dúas formas!

Despois desta pequena chanza, entramos, axeonllámonos, e fixemos en común a nosa Estación:

-¡Viva Xesús sacramentado!

-¡Viva, e por sempre de todos sexa amado!

Despois dun intre de meditación eu levanteime para saír, coa intención de esperala diante do Coro, pero Estrela colleume do brazo:

-Se non tes présa…, quédame outra visita! –E levoume ao altar da Virxe dos Ollos Grandes, onde rezamos as tres avemarías rituais.

-¿E agora?

-¡Eu vou ao Parque, que boa falta me fai asollarme un pouco!

-¡Pois mira que eu…; pero ti es da lúa…, ou deixarías de ser estrela!

Dentro da catedral non houbo máis chanzas, que xa sobraban estas, pero ao saír pola porta principal, díxome, con toda a confianza que sempre nos uniu:

-Como a Virxe dos Ollos Grandes ten eses ollazos que miran ao lonxe…, eu pídolle polo meu rapaz, que mo vixíe un pouco, pois del fíome, pero ese Madrid, que pasou de Corte a Cuartel…, o dito, que non é de fiar!

-Por certo, moito hai que non o vexo: ¡anos! ¿Que é del, que fai agora?

-Xa sabes que firmou por tres anos no Ministerio do Exército para poder asistir ao Centro de Estudios Mercantiles y Económicos, onde tivo unha beca de Acción Católica. Polas mañás, de mecanógrafo no Consejo Supremo de Justicia Militar, e o resto, como dicimos aquí, ¡a chapar! De licenciado sacou as oposicións dun Banco, e agora, como segue sendo o folgazán de sempre, está facendo o Bacharelato por libre!

-Con tanto aproveitar a noite, non me estraña que se namorase dunha estrela!

-¿O de namorado…? ¡Xa cho demostrarei no Parque, que casualmente levo aquí a última das súas cartas! Non me gusta levar a súa foto, que iso paréceme un fetichismo, pero o que é esta carta…, cando non leve carteira heina meter no suxeitador, como facen as mulleres das nosas aldeas cos cartos da feira!

A carta, que non era carta, ensinouma no Parque, sentadas debaixo dunha sequoia, esa árbore xigante. A ocasión merecíao pois a tal carta era monumental: ¡un poema! Un poema redactado en forma de acróstico, no que se lía de arriba para abaixo: “A la llave de mi corazón”!

-¡Hai muller, telo ben pechado! Se eu atopase outro así, non dubidaría en namorarme, pero aquí en Lugo, roldando as mestriñas só coñezo a Manuel María, e para iso, ese, a quen lle le os versos é a Marina, que xa os teño visto xuntos.

Rímonos un pouco, e despois paseamos polo Parque, ata cansarnos. O último que fixemos alí foi deternos no parterre que dá ao Miño. ¿Pódese visitar a Rosalía, o seu parque, sen acordarse do Miño? ¡Outras, non sei, pero nosoutras, non, que o adoramos, que por algo leva augas manadas nas fontes do lugar de cada quen! Quedamos en volver máis días, agora na primavera, agora que o tempo en Lugo deixou de ser de Lugo! Boa falta nos farán estas doses de sol primaveral, e por ende, de osíxeno, para resistir isto que veño chamando “sprint”!
-.-

As dos “círculos de afianzamento profesional”, unha vez aprobada a reválida, acordamos propoñerlles ás profesoras que nos aceptasen, como símbolo de agradecemento, unha comida no Fornos. Dela veño, e coa satisfacción de que poucas faltaron, tanto profesoras como alumnas. Comeza a diáspora, xebrarémonos, máis ou menos como se facía coas ovellas nas nosas aldeíñas á final de cada día; ¡a cada casa as súas! No sucesivo só Deus sabe onde pastaremos!

Houbo palabras emotivas, sen faltar a Directora, que por algo foi, nestes tres anos, a cabeza visible da nosa Institución. Pero no tocante á graza, a min a que máis mo fixo foi dona Esther, a de Practicas, que nos dixo:

-¡Agora a inzar, sexa no Incio ou nas Quimbambas! O voso é inzar, sexan alumnos ou fillos, pois para as dúas cousas ides preparadas, así que procurade celebrar os casoiros en días alternos, para non perder ningún! Lembrade que vos ensinei a educa-los nenos, así que teño recoñecido o dereito a considerarme avoa dos vosos… ¡Pero nada de esperar un regalo, que volo temos anticipado, que volo fixemos de antemán, conxuntamente, entre todas estas…, ás que xa sei que chamades vellas, “as vellas da Normal”, pero nós, encantadas de selo!

Nin que dicir ten que recibiu unha ovación estrepitosa. Despois diso levantouse dona Carme, a Directora, e díxonos, coma quen lanza un Ite Misa est: “¡Queridas mestras, queridas compañeiras, finis coronat opus, o fin coroa a obra!”. Outra ovación e algunha que outra bágoa, entre elas, as miñas.

Con isto, e de paso, pecho este “diario”, pois os que poda escribir no sucesivo xa non serán de alumna…, ou si que o serán, pois, ¿quen deixa de ser alumno nesta vida? ¡Coido que tan só os soberbios, eses que se dan de sabios, aínda que non o sexan! Amalia
-.-

¿Como me fixen con estes apuntes? Non pensedes mal, que son lícitos, pois, tempo adiante, nunha visita que lle fixemos a Amalia, na súa escola, díxolle á miña Estrella que llos daba para que o seu marido, na súa dobre personalidade de mestre de a ferrado e aprendiz de escritor, os publicase..., “cando eu estea no Ceo, que así non me avergoñarei das miñas debilidades!”. A mestra das saias longas (y 22)
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES