Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Galiza de ida

lunes, 02 de enero de 2017
Sempre se dixo que non hai subida sen baixada, que polo Nadal volves á casa, que non hai un camiño ou corredoira para irse pola que non se poida voltar, e que todos os camiños levan a Roma; aínda que isto sexa ben certo para o común dos mortais e para o común dos pobos, non o é para nós, para os galegos. Os nosos camiños e estradas sempre estiveron cheas de lama e de furados como nichos ou tumbas premonitorias da nosa seareira desgraza.

Porque as nosas corredoiras e estradas foron feitas somente para marchar, para irse sen rechistar; sen ter a posibilidade de voltar porque están enmeigadas entre a néboa do infortonio e desventura. Os nosos xóvenes saben moito disto e xa no mundo nos coñecen porque aquí, na Galiza só hai a posibilidade de saír para nunca máis voltar, Galiza de “ida por vida” pero non de “ida por volta”, e por iso nacen as palabras á beira dos camiños de ida como: señardade, melancolía, nostalxia, morriña, saudade, soidade e tristeza.

Cando souben que o Canal de Panamá fora feito polos galegos . . . chegoume un non sei que de deplorabel, unha coita anoxosa e melancólica véndoos traballar como xigantes a prezos de dólar anano, e entroume unha pena na profundidade da miña alma tan grande como a da nosa grande Rosalía da seitura castelá que me levou a escribir estas letras de conforto entre a pena da reportaxe.

Deuses que habitades o mundo, benefactores dos pobres, políticos de ningures, por que non pechades os camiños de ida da nosa Galiza para que por eles non se poida saír?

Os camiños polos que se sae e se fai camiño machadiano son malos, teñen fochancas e pichocas, están sen alcatrán, mais os camiños de volta son bos, están moi ben betumenados con piche, chapapote e alcatrán, por iso a España nunca lle interesou ter ben as nosas estradas que eran impracticabeis e as súas curvas e contracurvas recórdannos o carrusel dos cabaliños das feiras e festas do San Froilán, xirando sobre eles mesmos, orredor da nosa alma e dos nosos sentimentos, pero cun desprazamento mínimo desde que montamos ata que baixamos algo mareados.

Para que nunca máis houbese emigración, quen me dera que así fosen as nosas estradas. Carruseis de festa xirando e xirando na órbita galega sen posibilidade de ida porque a nosa terra necesítaos.

Políticos de aquí e de acolá. Hai que facer unha Galiza con camiños de regreso. Hai que facer camiños e estradas de volta para aqueles que só tiveron corredoiras e estradas polas que se saía e desenmeigar as néboas do fracaso.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES