Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Éramos poucos...!

viernes, 30 de diciembre de 2016
Superado e en proceso de enfriamento, o incendio sufrido polo Partido Socialista, agardando así a poder entrar no edificio, desescombralo e logo proceder á súa rehabilitación; con algúns conatos de tremores nos alicerces de Cidadáns e acenos de fertilidade no cráter volcánico do Partido Popular, anda a política partidaria entretida esta tempada, tamén no avesporeiro de Podemos por aquí e por alá.

Como teño escrito outras veces, non son eu moito de me andar mergullando nos batifundios internos dos partidos políticos porque son dos que trata de seguir a vella e intelixente máxima de que "entre primos e irmáns non metas as mans", non vaia ser que sexas ti o escaldado. Sen embargo, desta volta vou facer unha excepción. E non tanto para criticar a ninguén, porque queda claro que as familias poden arranxaren os seus problemas como lles veña en gana, outra cousa é que ti lle prestes ou non, logo, a túa amizade; senón para facer unha reflexión de meirande calado político e social cá do que se substrae dos titulares que se cruzan entre eles coma balas nos medios de comunicación e nas redes sociais.

É certo que teño seguido dende a distancia os debates abertos ou as loitas de poder -como lle queiran chamar- ás liortas entre os partidarios das teses defendidas polo número un ou polo número dous da formación . Noustante, esa ollada en perspectiva na que me mantiven ata o de agora decidín acercala un pouco, onte, cando escoitei que unha mensaxe por "whatsapp" dunha "abuela" acaba de provocar unha reflexión profunda entre os líderes da formación, ata o punto de que o seu máximo responsable -é dicir, o secretario xeral- acabou pedindo perdón (¡"Perdón, me equivoqué, no volverá a pasar!") a través das redes sociais, que é o patio de recreo onde se dilucidan tódolos problemas da nova política, que ten nas redes as súas rúas virtuais.

Loxicamente, o titular cae de caixón para o que está acontecendo. E non tanto pola intervención da "abuela", que me dá que ten sido á máis coherente e cabal de todos, senón polo alto grao de transcendencia que lle dan o que, na vida real -non na virtual- non pasaría de ser unha reflexión máis de entre os millóns de conversas que teñen lugar cada día á calor da barra dun bar en calquera recanto de España.

Por máis que a señora, dende a súa humildade, teña máis razón ca unha santa ó lles pedir actitude positiva e capacidade para unir sensibilidades nun proxecto común que se chama Podemos, a min o que realmente me preocupa é que a política española se teña convertido en algo tan superficialmente banal, que un simple whatsapp teña capacidade par mudar a estratexia nacional dunha formación política. E a pregunta que me xurde de contado, é: Será tamén así cando teñan a inmensa responsabilidade de gobernar?
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES