Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Granxas

jueves, 29 de diciembre de 2016
Hai pouco que preguntei por unha persoa maior coa que manteño unha vella relación de afecto recíproco e á que de vez en cando encontraba pola praza maior da miña vila, gozando dunha envexable autonomía gracias a que continuaba conducindo o seu pequeno utilitario de sempre.

O meu interlocutor era un dos seus fillos e pídolle encarecidamente, benquerido lector, que non interprete aquí ningunha crítica porque nin teño o máis mínimo dereito, nin sequera sabería -se eu me vise en tal situación- cómo reaccionaría.

Intereseime sobre o seu estado de saúde e ó mesmo tempo pregunteille se xa non conducía -pois dende o lugar onde reside ata a miña vila hai pouco máis de media ducia de quilómetros-, xa que logo estrañábame levar tanto tempo sen velo por Celanova. Ó que o fillo me contestou con un protocolario e un tanto tímido "está ben", ó mesmo tempo que me informou de que efectivamente xa non conducía.

E o asunto rematou aí, dando por boa a información e enviándolle un abrazo para que así llo transmitira.

Uns días despois souben que o meu vello amigo xa non conducía nin cursaba visitas a Celanova porque levaba varios meses interno, na compaña da súa muller, nunha residencia de maiores, razón que xustificaba loxicamente a súa ausencia.

Sorprendeume non ter sido informado polo fillo de tal circunstancia cando me interesei por el, porque nin é motivo de vergoña, nin, polo visto, era un segredo. Supuxen, iso si -cando fun sabedor- que algo de pesar subxacía no seu silencio, cando aínda sen me mentir tampouco foi quen de me dicir a verdade completa.

Traio a colación esta pequena historia do meu entorno, ó fío da apocalíptica información -unha máis- que nantronte publicaba este xornal sobre a evolución demográfica da nosa provincia, así como doutra noticia complementaria que aludía á próxima apertura dunha residencia de maiores en Chandrexa de Queixa e que é vista polo seu alcalde como unha oportunidade para fixar poboación, xa que seica se vai converter na "empresa" máis importante do municipio.

Certamente -xa o escribín aquí unha vez- a política de "reclusión" dos nosos maiores en residencias -e chámeme o que queira- a min sempre me pareceu algo así como o que no seu momento promoveu a vella Uteco cos polos, os porcos e as vacas. É dicir, unha política de estabulación en granxas que o tempo demostrou non ser a máis axeitada.

Entendo que lle soe rudo o que estou a escribir e que calquera outra política de atención directa no fogar é moito máis cara cá da estabulación dos nosos maiores en "granxas". Pero aínda sen ser especialista, atrévome a predicir que alén do outeiro xa se albiscan outras fórmulas que virán a corrixir esta que a min se me antolla profundamente deshumanizada.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES