Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Educar para a solidariedade

miércoles, 28 de diciembre de 2016
O caso Nadia que nas últimas semanas ocupou grandes espazos nos medios deume moito que pensar. Evidentemente, comparto a condena aos país e considero que a perversa utilización dun neno merece un castigo aínda máis cando se trata do propio fillo, sexa ou non biolóxico.

Partindo do firme rexeitamento ao vulgar e cruel comportamento duns país que viron á filla como un negocio o cal, incluso, pode ser un xeito de prostitución considerando, ademais, que o feito de peregrinar cos fillos por médicos sen necesidade está tipificado como maltrato e que neste caso o obxectivo económico é totalmente explícito.

Partindo de todo isto, a reflexión é que parte do benestar dunha persoa é unha cuestión de dereitos e que parte pode quedar en mans da solidariedade que parece relegada aos tempos de Nadal. Obviamente, o benestar e a calidade de vida teñen que ser un dereito que entronca claramente coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos e que dá lugar ao dereito á educación, á sanidade, á vivenda digna ... A enfermidade dun neno non pode ser cuberta con solidariedade igual que a súa educación ou as súas necesidades sociais. Se o pai de Nadia pedira cartos para unha operación de apendicite ninguén picaría porque todo o mundo sabe que a apendicite se opera de urxencia e na sanidade pública sen ningún tipo de custo; pero, se poñemos a etiqueta de enfermidade rara, entón, xa temos o caldo de cultivo perfecto para mobilizar solidariedade.

O problema é que as enfermidades raras desgraciadamente existen e probablemente precisen axudas tanto sociais como da solidariedade; entón, a pregunta é como podo ser solidario sen ser vítima dun estafador nin suplir as labores que os respectivos gobernos teñen a obriga de desenvolver e para as que xa estou pagando impostos? A reposta está na necesidade de educar para a solidariedade acometendo unha xestión institucional da mesma. As ONGs teñen que garantir que os fondos percibidos chegan á causa demandada e o doante ten que poder ver os efectos destes fondos.

Quizais, na estrutura institucional estea fallando unha correcta rendición de contas que facilite ao cidadán visualizar e coñecer os efectos dos cartos doados ou cotizados como impostos.

Volvendo á solidariedade, debemos de ter en conta que ser solidario non implica dar a cegas. Non podemos quedarnos coa conciencia tranquila só polo feito de dar senón que debemos esixir coñecer os efectos e, sobre todo, valorar se a causa que demande a nosa solidariedade ten unha solución económica ou non e, se a ten, se é unha cuestión de dereitos que debe resolver o estado ou se, efectivamente, se trata dunha cuestión na que fai falla a colaboración cidadá.

A solidariedade fai un país mellor pero non garante dereitos nin acostuma a xerar solucións a longo prazo; polo tanto, hai que definir unha solidariedade de carácter emancipador e crítico que facilite o acceso ao benestar das persoas en situación de vulnerabilidade obrigando ao estado a garantir o citado acceso ao benestar.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES