Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A mestra das saias longas (19)

martes, 20 de diciembre de 2016
.../...
¡Voume suspender en Historia, eu mesma, a min mesma! Ata aquí estiven convencida de que nós, os galegos, con iso de vir dos suevos, raza xermánica, que se nos dixo que ocuparan, polo menos, un terzo da Gallaecia hispano-romana, tiñamos dotes especiais para as ciencias, que nos diferenciaban moito, especialmente do Sur, onde quedan millóns de mestizos árabes, pero a porcentaxe non debe ser exacta…, ¡en vista da nosa propensións aos preitos, característica eminentemente romana!

Fixen este descubrimento porque hoxe mesmo, ¡ao segundo día de participar nesa concentración de fincas!, e tamén a mediodía, ¡para asegurarse de collernos na casa!, presentáronse un pai e máis un fillo, con esta explicación:

-Díxonos Fulano (un daqueles das leiras) que Don… ¡Ala, meu irmán! ¡Que é un gran avogado! A cuestión é a seguinte: (¡E fixéronlle a consulta sen máis preámbulos!)

Meu irmán chamoume a sala onde temos a máquina de escribir, e díxome, antes de pasar: -Vén á máquina, que me vas mecanografar un ditame que che vou ditar, e despois eles que fagan o que queiran, pero que ninguén, ningún día, me poda botar culpas de que os asesorei mal!

O ¿preito, pretensión?, resultou do máis peregrino: Aquel pai tiña un fillo casado fóra, cunha morgada, noutra casa da mesma aldea, e aquel segundo, agudo que debía ser, propúxolles ao pai e mais ao morgado que lle desen a herdanza en vida do pai para…, ¡para certos negocios nos que non quería compartir beneficios coa súa dona, e iso que os estaba facendo co diñeiro do sogro!

Estou pasando estes datos ao meu “diario” porque entendo que me servirán para axudar a entende-los preitos deste país.

O minorazo, cos cartos recibidos, pensaba atribuír os seus gaños ao seu propio capital, e para iso querían que meu irmán lles redactase un papel de apartación en vida, atribuíndolle un capital triplo do que realmente lle daban; unha, para mellor xustificar os seus negocios; e outra, para que non se lle ocorrese volver á casa por máis diñeiro á defunción do pai. Pero non remataba aquí a pretensión, pois o da casa, aínda que dándolle aquel diñeiro dos fondos paternos, pretendía que o papel de anticipo da herdanza constase como diñeiro propio seu, do fillo, do morgado, incrementándose así a súa parte, sendo que xa tiña adxudicados, a maiores, no testamento do pai, dous terzos, o de mellora e tamén o de libre disposición.

Meu irmán veu a dicirlles, ben explicado, por extenso, na nota que lles mecanografei: Que se o morgado non demostraba ingresos propios, persoais, anteriores á data do documento, os outros irmáns podían anular ese documento por “simulación fraudulenta”. Que os outros herdeiros poden esixir que esa apartación con diñeiro inxustificado se considere patrucial, e non fraterna, aténdose ao Código Civil, que en certo artigo concreta algo así como que, “lexítima é a porción de bens dos que o testador non pode dispoñer por terlla reservada a lei a determinados herdeiros, chamados por iso herdeiros forzosos”. E máis, e máis, que xa me doían os dedos de tanto teclear.

Non se foron con moi boa cara, e aínda que preguntaron pola conta, que meu irmán, diso, nada, pois aínda non ten o título, pero eles non insistiron; ¡nin insistiron nin deixaron un habano, que seica é o costume nestes casos! Comentándoo con meu irmán, que lle dixen: -¿E para iso tivéchesme unha hora escribindo…? A súa resposta foi: -¡Muller, de momento terei que ser legal; é o costume!

Na escola apréndese moito, case todo, que iso é o que nos di dona Carme, pero cando a vexa, se me lembro disto, heille dicir aquilo de Montero Ríos: ¡Un avogado, se é galego, sabe máis cós cen letrados do Parlamento! –Dona Carme, ¿como teremos que facer para que os nosos alumnos saian todos avogados, que así acabaranse os preitos!
-.-

Este ano si que tivemos festa grande, a meirande desde que teño acordanza, e iso que non viñeron invitados alleos á familia porque lles dixo meu pai aos habituais que veñan para o próximo domingo, que non hai Santo sen oitava, e que imos celebrar…, a Casa nova! Explicareino despois, que vou empezar có de hoxe: Misa solemne, procesión solemne, na que participei axudando a quita-la Santa, que por certo fixémolo aos acordes da banda de Pena, marcando o paso coma se fose un desfile militar. ¡Estamos, seguimos, militarizados…! Xa na casa, banquetazo, con toda a irmandade ao completo: tíos, tías, primos…; ¡ah, e tamén un carneiro enorme, que nolo trouxo, de sorpresa, a miña alumna, dicíndome que o escolleu ela mesma, e que me traía o máis querido! ¡A inocencia absoluta, que só está nos nenos e nos deficientes! Por último, de sobremesa, outra solemnidade: ¡A firma cordial, sen a menor discusión nin desavinza, das partillas patruciais! Vai ser difícil que, na miña vida, volva a ter un día tan satisfactorio, que ata me deixaron bendici-la mesa, cousa que non pasaba cando concorrían alleos, por…, digamos que, por se non o tiñan de costume!

Para as partillas, que aínda estaban pendentes porque os chamados “lexítimas curtas” querían cartos, e meu pai, co seu bo vivir cadora tiña menos, sen ter herdado miña nai o que dela se esperaba, etcétera, en vista de que as terras están tendo boa saída conformaron con iso, con coller terras. Tiveron varias reunións para taxalas e medilas, dirixindo esas labores meu irmán e seu tío, o Perito; de árbitro ou moderador fixo o tío Antón, que este, como segue na casa, quixo que o seu lote fose agregado ao noso, ao do morgado, manifestando que nos considera herdeiros a condición de que o atendamos na súa vellez. ¡Todo ben, todo pacífico, todo en graza de Deus! Meu irmán está algo pesaroso de que el en vez de ganar aínda estea gastando, que ben lle gustaría contribuír a que o casarío seguise intacto, pero son dereitos naturais, e ben reducidos por certo pois os morgados seguen sendo unha institución privilexiada, un tanto medieval.

Despois de firma-los pactos, “hijuelas” e todo iso, á miña nai e a min soltáronsenos as bágoas porque se levantou da súa sela o…, ¡o xa patrucio!, e soltou unha arenga, cousa que nunca lle víramos facer: Que brindaba aquel acto polos avós, rezándolles un Paternóster familiar en agradecemento por cumprir a súa última vontade en total harmonía; que pregaba a tódolos presentes, irmáns, cuñadas e sobriños, que nunca lle faltasen á festa parroquial pois agora tiña o valor engadido de que a celebraríamos como unha conmemoración fraterna; que lles pedía a todos que seguisen dicindo “A nosa casa”, cando se referisen á troncal; ¡isto, e algo máis! Abrazáronse e abrazámonos, todos a todos, que logo parecía unha entrada triunfal no Ceo.

Que lle sigan chamando “A Casa”, si, pero nisto houbo algo de reserva mental, pois aos outros ben que lles dixo que íamos “inaugurar casa, Casa Nova”. Incluso un deles, se cadra o máis inocente, lle contestou, na miña presenza: -¿Volvícheste tolo, facer casa nova tendo escudos na vella? Papá puntualizoulle que aquí en Galicia o concepto “Casa” ten certas connotacións engadidas, pois o de “Casa” non e só o edificio, senón a propiedade dun casarío, o conxunto da familia que nace nela, etcétera. Que de feitas as partillas, esta casa pasaba a ser súa, del, en todas e cada unha das acepcións anteditas. Todo moi retorcido, pero, ¡exacto!

Como din que dixo unha vella de aló do Escouredo, cando a violou un fresco desta bisbarra, famoso precisamente polas faenas que lle atribúen: -¡Que todo sexa para ben! Tamén vén ao caso aquilo de Unamuno cando lle preguntaron que opinaba de España, e seica respondeu coa ironía irredenta que o acompañaba sempre: -¡Que país, que paisaje, y que paisanaje, Señor, este que nos tocó en las partijas de Babel!”. Galicia, este curro do país unamunesco, coa terra herdou, herdamos, as partillas, esa unha rara avis que poucas veces acaba ben, así que, no noso caso, Deo gratias, Señor!
-.-
A mestra das saias longas (19)
Fálase dun proxecto de novo edificio, aló en Ramón Ferreiro… Nós, as da miña promoción, comezamos, e remataremos, Deus mediante, este, o presente, o 1951/52, aquí mesmo, na vella Normal. Cando exista, cando fagan o novo edificio, ¿onde estaremos, nós? ¡Se aprobamos, nunha escoliña rural, acaso na Fonsagrada, nos Ancares ou polo Courel, que seica son as menos cobizadas, e por tanto, onde mellor tarefa nos agarda!

De momento, ¡a dixeri-lo programa, este de Terceiro! Relixión e a súa metodoloxía; Historia da Literatura Española, con metodoloxía da lingua; Xeografía e Historia Universal, coma sempre, coa súa metodoloxía; Historia Natural, e a súa metodoloxía; Pedagoxía: Metodoloxía xeral e Organización escolar; Agricultura e industrias agrícolas; Música, con cantos e todo iso; Francés: ¡Oh, là, là!; Debuxo, do natural; Educación Física e a súa metodoloxía; Practica do ensino; e…, ¡Formación Político-social!, esa sinatura que algúns chaman, entre dentes, “Deformación político-social! Ben, vale, anotado, así que, como din os mariños: ¡Avante toda! A toda máquina, que así haberá que empezar…, se en Xuño queremos rematar!

Xa que imos ter francés…, ¡comecemos pola rentrée des classes! A rentrée destas vellas amigas e compañeiras foi exuberante en apertas: ¡Moi formais debemos ser cos rapaces cando tantas nos sobraron, e iso que volvemos de ter festas estivais a barullo, pois os gardas, de cheos nas casas onde os invitan, deixaron de olla-los seus reloxos! ¿Imos a mellor; imos a peor? ¡Qui lo ça!

O primeiro que fixemos foi reunirnos na fonda “Villa de Meira”, para reactivar o noso Círculo. Acudiron moitas, coido que todas as que o souberon, e como a de Mendreiras levaba unha Biblia, ¡católica, por suposto!, unha de nós propuxo renova-los votos xurando, no libro sacro, que ningunha circunstancia nos faría retroceder dos nosos propósitos. Á falta dun cisterciense, encomendáronlle á Fundadora, eu mesma, que recibise este voto, unha por unha. ¡E menos mal que aínda estaba na caneta cando fundaron a Falanxe, pois daquela…, un panteón!

Como guión ou lema desta primeira reunión ao comezo deste curso, terceiro e último da carreira no noso Plan, aportei unha frase que lle oín, e anotei, ao señor Gómez, que me visitou este verán ao saber que eu lle estaba dando clases a unha subnormal. Díxome, falando do paralelo entre catedráticos e profesores: -O catedrático investiga e crea a ciencia; o mestre forma ao home! Isto é o que estás facendo ti: formando, reformando, un ser deforme; daquela, e que Deus te bendiga, ti xa es máis que un catedrático, pois a ciencia, sendo cousa boa, é secundaria: ¡primeiro hai que ensinar á persoa a ser persoa!

-¿Como se logra iso, señor?

-Vouche dicir, e non mo tomes a favor porque falarei por boca dun tal Condorcet, Nicolás de Condorcet, un francés do século XVIII, que foi filósofo, matemático e politólogo. Miña tía Ramona, a nora de Salmerón, fixo a tradución duns libros seus, e deles tirei o que che vou a dicir. Apunta: A función do mestre esixe carácter, dozura e firmeza, paciencia e celo, bondade e dignidade; para selo precísase espírito de exactitude e firmeza, flexibilidade e método.

-¿A que Normal foi vostede, señor Xosé María?

E díxomo: -Fun á do Cuartel de Infantería Zamora, daquela no Ferrol, onde, por saber algo máis cós outros, fixéronme Cabo, e tamén director da escola de analfabetos, que daquela, na quinta do 17, eran case todos. A partires diso, ler, ler e observar; a miña reválida débolla a eses libros traducidos por miña tía. ¡Como ves, e así podes chamarme, son un autodidacta! A mestre non se chega só con bos profesores, senón mirándose no espello, lavando a propia ignorancia, e copiando os feitos que ollemos nos mellores. ¿Váleche?

Queridas compañeiras, -lles dixen nesta reunión-, ademais das clases temos que aprender a ser autodidactas, como foi o meu mestre. Estiveron conformes e sobre isto pasamos tres horas falando e razoando; ¡en definitiva, aprendendo a ser persoas!
-.-

Ultimamente estiven parando con estas dúas irmás da rúa da Cruz, que se daban por satisfeitas cobrándome a pensión en especie, caso frecuente neste Lugo dos anos da miseria: mandaban da casa toda clase de produtos, así que case non ían á praza, nin para elas nin para min. Agora que separaron a meus tíos con fincas e que xa non teñen que facer reservas monetarias para eles, meus pais viñeron hoxe a Lugo para propoñerlles ás señoras que no sucesivo lles cobren en cartos, co cal, as tres, poderemos comer máis variado.

Isto, que considero un regalo polas vantaxes que ten, sumouse con outro, tamén de grata sorpresa: ¡trouxéronme a enciclopedia Jackson, de 12 tomos nada menos, que acaba de editarse en Buenos Aires! Estou que bailo na punta dun fuso, e non só pola enciclopedia en si, que é unha xoia aínda descoñecida en España, senón, e case outro tanto, pola historia do regalo: Resulta que veu da Arxentina a filla dun criado que tiveran na miña casa, digo, na nosa, en illo tempore; iso foi…, descantiá! Volveu, recén enviuvada, para quedarse na parroquia, onde pensa construír un panteón, que o estreará coas cinsas que trouxo do seu home, un profesor, seica. Meu avó, có apertado que era, prestáralle os cartos da pasaxe, con instrucións terminantes de que non se dese présa en devolverllos, e que se lle ía mal en América os considerase de regalo. Pois ben, a Sabina, que así se chama, trouxo para min, en honor a meu avó, q.e.p.d., esta enciclopedia, que a comprara o seu home mesmo segundo saíu á venda, uns días antes de darlle o infarto. ¡Para xente agradecida, os emigrantes, que xa hai moito que o sei!

Este libro trae un luxo de materias das que aquí en España estamos virxes, ¡e ata será do que máis estamos, de publicacións avanzadas! A pouco de abrilo fóronseme os ollos a un capítulo firmado nada menos que por María de Maeztu, que o vou reseñar aquí, tal cal, sen traducilo, para que cando repase este “diario”, se chego a velliña, non me esqueza da dadora, como fixo ela, Sabina, con respecto a meu avó. Di a Maeztu:

“La función del maestro, como la del poeta, es esencialmente artística, y requiere para ser producida con cierta plenitud una íntima originalidad, que no se consigue con elementos de cultura recibida en los libros. Es algo más interno e inasequible. La nueva Pedagogía tiene que internar su arado en ese campo todavía sin labrar.

“Ver cómo, y hasta dónde, puede ayudar la ciencia de la educación al que pretende ser maestro a fomentar o descubrir ese mínimum de originalidad que le exigen sus tareas, es lo primero que tienen que resolver nuestros psicólogos investigadores.

“En nuestros días se ha dado un gran avance en la metodología de las ciencias. Se ha llegado a determinar con bastante precisión la manera más adecuada de enseñar las matemáticas, la geografía o la historia. Ahora hay que inventar el método de producir ese arte que forme al maestro que ha de merecer tal nombre. Sin él, será un repetidor, un instructor, un aleccionador, un profesor: no un maestro”.
…

¡Colosal, non si? Pero hai máis, pois noutro lugar do mesmo libro María de Maeztu cita a Condorcet, do que eu tiña referencias indirectas, segundo anotado queda. ¡En España xa non hai Reis, pero a min viñéronme con este libro! Se posible me fose, pero, pedírllelo sería abusar de meus pais; cando termine aquí a carreira, a miña felicidade faríase completa se puidese ir un ano á Arxentina para asistir ás clases de dona María, pois iso, hoxe por hoxe, debe ser o súmmum da Pedagoxía. ¡Maldita guerra, que só serviu para importar armas, e de paso, exportar cerebros!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES