Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A envexa de Europa

lunes, 19 de diciembre de 2016
Definitivamente, ou estou profundamente errado ou eu cada vez entendo menos o país no que vivo.

Ven isto a conto do debate que se volveu abrir unha vez máis -neste caso con ministerial carimbo, que ten máis rango- arredor do cambio de hora e do "modus vivendi" que temos os españois en xeral e os viven na costa mediterránea e nas zonas máis meridionais de España, en particular.

Imos ver. Sen irmos máis lonxe, estes días -minuto arriba, minuto abaixo-, en canto non chegue a noite do solsticio, o próximo 21, e o sol comece de novo o seu ciclo ascendente e as horas de día empecen de novo a crecer, en Galicia anoitece ás seis e media da tarde.

Non fai falla ser moi científico, entón, para decatármonos de que, cando o noso reloxo marca as 18,30, en Portugal marca as 17,30. É dicir, que se tiveramos a hora de Portugal (eu estou convencido de que son eles os que deben poñer a nosa e non ó revés), tal día coma hoxe anoitecería ás cinco e media da tarde, polo que o resultado que conseguiriamos sería mantérmonos activos unha hora máis sen luz solar do que o facemos hoxe.

Pola contra, no verán, preto do solsticio estival, cando no noso meridiano amence pouco antes das sete da mañá, se tiveramos o admirado horario de Londres, Canarias ou Portugal, ó erguernos -dependendo da hora á que o fagamos-, o sol xa levaría alumeando as nosas durmidas vidas unha ou dúas horas, cando menos. É dicir, estariamos desperdiciando unha ou dúas horas de sol que agora -cando menos os que madrugamos- aproveitamos.

En fin, que ó meu ver (considerando sempre a posibilidade de estar profundamente errado) se cara algún lado deberiamos mover as agullas do reloxo para aproveitarmos mellor o sol, deberiamos facelo xusto ó contrario e sumar unha hora máis, no canto de restala.

E se tal é como penso no tocante ó fuso horario, aínda estou máis abraiado con esta teima que nos entrou de querermos transformarnos en cidadáns centroeuropeos no tocante ós nosos costumes diarios ou, o que é o mesmo, ó noso xeito de vida.

E para demostrarllo non vou facer outra cousa ca botar man dun razoamento empírico. Resulta que vivimos nun país que é a envexa de Europa. Un país no que bálticos, escandinavos, soviéticos, británicos, valóns, xermánicos, teutóns, incluso franceses, devecen por vivir porque dis que nos seus países non fan outra cousa ó longo do ano ca durmir, traballar, comer, emborracharse na casa e volver durmir sen veren o sol ó longo de tres estacións e resulta que nós levamos anos cobizando por adoptarmos a súa triste forma de vida, precisamente da que foxen tan pronto teñen uns aforriños...

Non o entendo. Definitivamente non o entendo.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES