Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha nova illa literaria

lunes, 19 de diciembre de 2016
Hai illas literarias que permanecen longo tempo mergulladas nas profundidades. Ata que emerxen á superficie ninguén da mariñeiría crítico-literaria é quen de avistalas, por iso cando se fan visibles a súa contemplación sorprende e ata intriga.

Unha nova illa literariaEntre as illas autoriais máis incitantes deste último lustro ficou anotada no meu caderno de bitácora a insua Ignacio Vidal Portabales, un territorio narrativo de orixe volcánica que atrapa na fulguración da súa lava benhumorada e incisiva.

O avistamento primeiro produciuse coa publicación de Dióxenes en Dolorida (2013), novela coa que o escritor compostelán gañou o Premio Blanco-Amor no 2012. Ata ese momento apenas se dera mostras de actividade magmática alzándose con algúns galardóns poéticos de mocidade, pois as súas erupcións circunscribíanse á bibliografía técnico-legal propia de quen é profesor titular de Dereito Mercantil na Universidade de Santiago. Por iso, a aparición desta suxestiva narración disparou a miña alarma de vixía, xa que detectei no horizonte unha ondulación literaria de estimable proporción e non poucas calidades, o que me convenceu da necesidade de fixar a ollada naquel punto de ben interesante emerxencia novelística.

Asoma agora por estribor un reverdecer da insua Ignacio Vidal Portabales, cunha flora e fauna abondo singular bautizada como O inspector e mais eu, título da novela que publica en Xerais e que confirma as boas sensacións que deixara a súa opera prima.

O inspector e mais eu é unha narración híbrida, que participa por igual da intriga detectivesca e, polo mesmo, pode lerse como narrativa policial (hai un caso que resolver: o secuestro dunha menor), mais é tamén unha novela sobre o amor, unha novela íntima e sentimental, pois explora as relacións e afectos dun tríade de personaxes. Agora ben, estes tres personaxes (Sandra Val, a fotógrafa boudoir que narra a historia; seu irmán Chus, un cerralleiro chambón moi boa xente; e o inspector Roque Barallobre, un adonis pouco perspicaz para captar as indirectas amorosas) funcionan como paradigmas, polo que, por metonimia, a obra se transforma nunha novela psicosocial, que explora o complexo, sorprendente e impredicible territorio das relacións interpersoais.

Todo o anterior, para que a lectura universalice, está narrado nun tempo esvaecido, que vagamente deducimos se corresponde coa actualidade, e nun espazo imaxinario, a vila de Marende, que parece responder a unha amálgama de localidades reais, Compostela entre elas, tamén outras localizacións da Arousa e varia parte.

Entre o máis salientable deste libro coido que se atopa a atractiva caracterización do personaxe central, a narradora protagonista, chea de matices, de luces e sombras, nin mexeriqueira nin femme fatale, muller segura de si mesma que sabe o que quere e o que demanda do outro sexo.

Valor tamén destacado destas páxinas é o que elas teñen de inmersión na cara oculta dos individuos, abríndose a unha fonda reflexión sobre o aparente fronte ao real, fustrigando as moitas hipocrisías e opinables Unha nova illa literariapactos sociais, reflexionando verbo do politicamente (in)correcto.

Tamén si, merece poñerse de relevo a subversión paródica, a crítica mordaz e mesmo a sátira e o esperpento que pairan en non poucos treitos. Hai en toda a obra un emprego revelador do humor, ferramenta coa que a crítica se fai ao tempo máis amable e aceirada e da que non se salva ninguén: nin os corpos e forzas de seguridade do Estado, nin os cerebros detectivescos, nin os MacGyver que falsamente inzan, nin as relacións Disney, perfectamente caramelizadas e inverosímiles.

O resultado é unha novela de sólida arquitectura, cunha estrutura cremalleira na que se nos vai contando cun ganduxado de tempos e visións cribadas pola voz narradora e onde as costuras do motivos e elementos teñen un finísimo e resistente dobre cosido, de xeito tal que nada no relato fica ao chou e todo remata atado e ben atado, mesmo o final da obra, que ofrece unha reviravolta inesperada que gañará a complicidade do lector e asemade o sumirá no asombro marabillado.

Divertida, lúcida e vizosa, así se presenta O inspector e mais eu, unha novela coa que a illa literaria Ignacio Vidal Portabales ratifica que chegou para quedar. Felices nós como navegantes lectores.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES