Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O gato de Schrödinger

lunes, 12 de diciembre de 2016
Erwin Schrödinger, nado en Viena, recibe unha sólida formación humanística e acaba sendo un excelente físico de fama mundial. Escúsenme de que non lles ofreza máis información del: Agora interesa só o seu gato, porque con el propuxo un paradoxo dese mundo da física cuántica, avalada polas matemáticas. E vamos a ver se nos serve para escribir algo acerca desa tan traída e levada discusión sobre a redución dos estudos filosóficos, humanísticos en xeral, nos plans do ensino, sobre todo no secundario, en España.

Imaxinen un gato dentro dunha caixa opaca. Nela instálase un detector de electróns unido coa adecuada mecánica a un martelo, que pode petar e romper un frasco de cristal cun veleno que, libre, mata o gatiño. Imaxinen tamén que se dispara un electrón, e pode ocorrer que o detector capte o electrón, dispare o martelo, rompa o frasco e morra o gato: Abrimos a caixa e o gatiño está morto. Pero tamén pode ocorrer que o electrón tome outro camiño, e como o detector non o puido detectar, o martelo non caerá sobre o frasco: Abrimos a caixa e o felino segue vivo. Isto é de sentido común.

Ata aquí todo lóxico. Non nos apartamos do sentido común; pero agora ven a física cuántica e marea a perdiz, porque considera que o electrón é, ao mesmo tempo, onda e corpúsculo, é dicir, podemos entendelo sendo, Á VEZ, como un grao de trigo infinitamente pequeno, ou como unha onda desas que se producen na auga dun estanque cando tiramos nel unha pedra. E considerado así toma distintos camiños, tamén ao mesmo tempo: Toma o do detector e, simultaneamente, o contrario. Así que o gato estará, ao abrir a caixa, tanto morto como vivo, NESE MUNDO CUÁNTICO.

Non obstante, nosoutros non o podemos ver nese estado de VIVO-MORTO, á vez, só o vemos vivo OU morto. Que diaños ocorre?. Porque estes ilustres científicos dinnos que ambas posibilidades SON REALES simultaneamente. Sinxelo: Segundo eles, o gato non é un sistema cuántico e nosoutros, no experimento, aplicamos as leis da física cuántica que só actúan a escala subatómica, baixo determinadas condicións, e o mero feito de observar altera a realidade. Xa que mirando e abrindo a caixa para ver se morreu o gato, rompemos o sistema cuántico (alteramos esa realidade), non queda outra saída que volver á realidade do noso sentido común: SE ISTO O AFIRMA UN FILÓSOFO, UN METAFÍSICO, A XENTE BÓTASE A RIR; PERO SE O DI UN FÍSICO DESA TALLA INTELECTUAL E O CONFIRMAN O SEUS COMPAÑEIROS, CANDO MENOS, DUBIDAN, E ATA CONCEDEN QUE SEXA ASÍ.

Acaso non lles parece que os científicos utilizan a metafísica moitas veces, incluso na chamada hiperfísica, para referirse a esa clase de realidade que está a desvelar a física cuántica?. Pero tamén teñen sensibilidades de contidos éticos, estéticos e incluso teolóxicos, que se estudan nesas disciplinas que cuestiona a intelixencia de moitos políticos. Partindo, pois, de que a realidade vai máis aló do que nos di o noso sentido común..., por que o home / a muller non ha de recibir unha educación integral, como xa intentaron algúns krausistas españois impartir nos seus centros?. Xa que a cada unha das disciplinas corresponden sendas dimensións integrantes da realidade persoal humana!.

Vexamos, nas mans dun ilustre estudoso do evolucionismo, como cada disciplina ten xustificado un lugar epistemolóxico no marco, fundamental, dunhas relacións de equilibrio entre ciencia, ética e relixión. Refírome a D. Francisco J. Ayala, actualmente profesor de bioloxía molecular, evolutiva e ecolóxica, e de filosofía e lóxica da ciencia, na Universidade de California, Irvine. Nado en Madrid en 1.934, pasou por la Universidade de Salamanca en 1.961, trasládase logo a USA, onde se doutora en bioloxía, na Universidade de Columbia. Co seu profesor T. Dobzhansky desenrola a famosa Teoría Sintética da Evolución, e desempeña outros moitos cargos de responsabilidade nese país, que evidencian un recoñecemento do seu saber. O talento e a sensatez lévano a acadar un indiscutible prestixio mundial.

A súa sólida formación humanística, como Schrödinger, permítelle pensar con autoridade as fronteiras da ciencia coa filosofía, a ética e a filosofía. Nada sospeitoso de fundamentalismo relixioso, como o pon de manifesto o feito de que foi asesor do Tribunal Supremo de USA, para o que elaborou un informe no que se baseou a sentenza en contra do ensino do creacionismo na escola pública, como alternativo o evolucionismo, con fundamento en que “os relatos da creación non son ciencia” e “introducir a súa obrigatoriedade no ensino, EN TANTO QUE CIENCIA, vulnera a laicidade do ensino público”.

Pero dito isto, tamén ataca seriamente algúns científicos ata o extremo de debilitar a súa arrogancia de que a ciencia é o único referente do real e do racional, cando só debe aplicarse aos fenómenos exclusivamente naturais, sempre suxeitos a verificación e falsación (posibilidade de que poida detectarse a súa falsidade, como esixe Popper). Por tanto, quedan fora da competencia científica as cuestións de valor e sentido, por alleas ao seu ámbito. Moitas citas poderían ser traídas aquí a este respecto; pero eu aconsellaría a lectura da súa obra, titulada DARWIN Y EL DISEÑO INTELIGENTE. CREACIONISMO Y EVOLUCIÓN. Alianza, Madrid, 2.007. Concretamente, na páxina 192, escribe: “A ciencia é unha forma de coñecemento, pero NON A ÚNICA. O coñecemento tamén deriva doutras fontes, como o sentido común, a EXPERIENCIA ARTÍSTICA E RELIXIOSA, E A REFLEXIÓN FILOSÓFICA” (tradución do castelán e maiúsculas, miñas).

Evidentemente, establece o respecto a outras formas de adquirir coñecemento do mundo, e desbota a pretensión deses científicos e intelectuais que atribúen á ciencia unha exclusividade e totalitarismo epistemolóxico. Considera a ciencia como unha cuestión de FEITO; a ética como unha cuestión de VALOR, e a relixión como unha cuestión de SENTIDO. Referíndose a esta última, ven a dicir que hai que evitar a inxerencia entre ámbitos distintos da experiencia que enriquece á persoa humana: A VERDADE CIENTÍFICA NON A PODEN POÑER EN CUESTIÓN AS CRENZAS; PERO ESTAS TAMPOUCO SON DA COMPETENCIA DA CIENCIA. Na páxina 195 desa mesma obra salientada aquí, afirma Ayala que despois do coñecemento científico “quedan moitos aspectos da realidade que son de interese: Cuestións de valor, sentido e propósito que por sempre estarán máis aló do ámbito da ciencia”.

E como xa apuntamos ao comezo desta colaboración, a ciencia considerada máis pura navega na barca das matemáticas – que a súa complexidade impídenos, por suposto, a correspondente explicación no caso da física cuántica – no ámbito paradoxal dunha realidade que se nos escapa do sentido común, mais advírtenos do pouco que coñecemos dela, para que ousen os autores dos novos plans do ensino, e os seus ben pagados asesores, poñer certos límites curriculares. Isto paréceme oportuno dicilo aquí e agora, xa que se está tratando de estudar a formulación dunha lei xeral do ensino no Parlamento español, e se non hai sensatez e competencia, da supresión do válido e a incorporación de contidos de matiz ideolóxico, só pode saír unha bazofia indixesta.

Polo tanto, debilitar ou suprimir disciplinas das Humanidades, ao meu modesto modo de entender, seméllaseme un ideolóxico empeño máis que o froito dunha reflexión competente, e proba de que nestas nosas terriñas sempre andamos á greña nesta temática, penso que poden servir as seguintes palabras (que traduzo ao galego) de Aranguren, publicadas no xornal o País, o 30 xuño de 1.976:

“No plano da educación non se fixo nada na España contemporánea comparable, nin de lonxe, co que fixo a Institución. E todo iso inspirado nunha concepción da ensinanza que segue valendo hoxe, nestes tempos de des-escolarización, como ideal máis ou menos utópico, como precedente, na mesma liña – a da liberdade, liberdade para os educadores, pero non menos para os educandos – de liberación de plans ríxidos, burocracias, textos, barreiras, grados e títulos”.

Certo que os tempos non están para abrirse, sen ton nin son, a un ámbito de liberdades sen considerar o DE e o PARA QUE das mesmas: Unha LIBERDADE-DE, en mans de quen non saiba PARA QUE, como reiteradamente se apuntou por intelectuais especializados, pode ser perniciosa; pero agora que tanto se fala das liñas vermellas, póñanse tamén, razoablemente, aquí, aínda que haxa que esforzarse en coordinar perspectivas parlamentarias moi diferentes: Vale a pena ese esforzo!.

Pero non abrigamos excesivas esperanzas, porque os nosos políticos máis ben parecen físicos cuánticos na realidade política, xerando un mundo de paradoxos: Un día critican o alleo coa teima coa que, o seguinte, xustifican o mesmo no propio. Xa ven, a nova CASTA tamén desexa acreditarse como tal!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES