Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As casas da neve

jueves, 08 de diciembre de 2016
Non é, nin moito menos, a primeira vez que escribo sobre esta paraxe singular da miña parroquia, que preside a vila de Celanova e que está chea, para moitos, de misterios e lendas, por máis que haxa moi pouca xente que teña subido a ela.

Para resumir, direi que como "Casa da Neve" é coñecido en Celanova un monte que se reparte en propiedade comunal entre as parroquias de Cañón e Amoroce e que con 858 metros de altitude, constitúe o máis importante fito orográfico do municipio, dende o que se alcanza a ver todo canto abrangue dende a Serra do Larouco e os Picos de Fontefría, no Xurés, ata a Serra do Leboreiro, pasando pola Serra de San Mamede, a do Faro, polo Norte, os montes do Suído e as canteiras de Melón, ademais dos da Paradanta cara o solpor.

Sen embargo, o nome apropiado polo monte, en realidade fai referencia a unha antiga construcción dependente do mosteiro de Celanova e que lle serviu ós monxes ó longo de moito tempo para almacenar durante o inverno a neve que logo utilizarían para a conservación de alimentos e outros apoios gastronómicos certamente interesantes para a época.

Miguel Ángel González sabe abondo disto. Como tamén sabe delas o historiador ponteareán, Andrés Sampedro, que as leva estudando moito tempo.

Hai uns días lin unha información respecto dunha intervención nunha situada no concello de Forcarei e no seu caso servidora noutrora do mosteiro de Aciveiro. Nela, a secretaria xeral para o Turismo destacou que neveiras coma a de Forcarei representan "un legado de importante valor histórico, polo que son merecedoras dun óptimo estado de conservación".

Loxicamente, estas declaracións -coas que concordo ó cento por cento, digo de paso- espertaron na miña memoria unha resolución doutro departamento da Xunta de Galilcia, concretamente da dirección xeral do Patrimonio Cultural, do 31 de xullo de 2007, como resposta ó intento que dende Celanova fixemos para que a "Casa da Neve" de Celanova fose incluída no inventario xeral do Patrimonio Cultural de Galicia.

En tal resolución -asinada pola subdirectora xeral daquela, Susana Mera- o departamento da Xunta de Galicia encargado da protección do noso patrimonio cultural consideraba que "os valores histórico-artísticos atribuíles á Casa da Neve non resultan abondos para a súa declaración coma ben de interese cultural, dado que non posúe unha relevancia arquitectónica ou patrimonial".

Velaí un magnífico botón de mostra das contradictorias disfuncións que con máis frecuencia da desexada se dan na Administración, onde algunhas cousas son brancas ou negras, non pola refracción que fan da luz, senón polos lentes cos que son miradas polos que teñen na man o poder de decisión.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES