Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Luminosa penumbra

sábado, 26 de noviembre de 2016
Quero dicir hoxe do Miguel Anxo Fernán Vello poeta, do escritor que leva máis de trinta anos iluminándonos cos seus versos, do creador que ten loitado arreo pola dignificación socioliteraria da lingua do seu pobo, da Luminosa penumbraxente nosa que é máis nosa, entre outras cousas, mercé a que autores co seu compromiso estético e idiomático fan da comunidade un territorio con maior estimanza do seu.

Non procede detallar agora os múltiples recoñecementos dos que foi merecente a súa longa andaina e tampouco non percorrer os moitos títulos memorables que poden sinalarse entre as dúas decenas de poemarios e a media ducia de pezas teatrais que deu á luz. Abondará con lembrar que, como unha das voces máis senlleiras da súa xeración, a el teñen sido dedicados volumes colectivos e monografías e mesmo existen teses de doutoramento que analizan, exhaustivamente, as bondades do seu verso.

Daquela, conformareime nesta ocasión con cursar un convite: o da lectura de Duración da penumbra, o seu máis recente libro de poemas, unha tiara versal que coroa a súa intensa e sobresaliente traxectoria.

A corentena longa de composicións desta obra resulta un fulgurante epítome da súa escrita previa e, asemade, é unha substantiva e poderosa proposta en por si. Estes versos ofrecen os principais sinais da identidade poética de Fernán Vello, quen regresa aquí á lúcida reflexión sobre a paixón, os corpos e os seus claroscuros en fluír amatorio, como acontecía en Do desexo en corpo e sombra ou Seivas de amor e tránsito. Mais tamén hai nestas páxinas unha evidente presenza da “luz branca que queima”, como en Memorial de brancura; da “pel contemplando/ o seu instante/ como se o tempo fose/ o propio corpo”, tal nos Poemas de lenta nudez ou Capital do corpo; da variabilidade e seguranza de todas as atmosferas, como en As certezas do clima; e, xaora, do espasmo ante o nada e o fuxidío que se debuxaba en Territorio da desaparición e Dicionario do estremecemento.

Mais o que distingue Duración da penumbra de anteriores achegas é a súa condensación expresiva, a torsión que a palabra produce ata alcanzar niveis comunicantes extremos, convertendo o poema moitas veces nunha cadea Luminosa penumbrasentenciosa na que se suceden os versos, lapidarios, certificando frechas de definición conceptual, anímica ou vivencial.

As composicións destas planas recoñecen a epifanía do lóstrego elotiano; saben do oracular oficio do poeta e o seu ollo que todo o ve, mesmo o invisible; non esquecen os horizontes lacunares da infancia; teñen palabras para a realidade pedestre do frigorífico ou o quirófano; comprenden a alta simbólica do vento, a música, a serpe ou a neve; son solidarios coa contemplación dos sábados e a teoría dos domingos; recoñécense no tránsito dos emigrantes e na esperanza fanada dos campos de refuxiados; trazan retratos de pos-paisaxes e acuarelas urbanas, mesmo autorretratos; en fin, supoñen a asunción radical da procura da irradiación absoluta, dese morrer debruzado nun mar de luz, iluminación transcendente e definitiva, tan cara a outros poetas chairegos por el benamados.

Convén aprehender Duración da penumbra, matinar verbo da súa fonda mensaxe, ser conscientes da verdade que encerra: “Hai que cambiar as cousas, din os sabios. Talvez no futuro este poema/ conserve un sopro de arrepío entre as súas fendas,/ un arreguizo branco nos seus acordes líricos”. Aí estamos.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES