Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A arte de dialogar

jueves, 24 de noviembre de 2016
Nestes últimos tempo escóitase moito en escenarios políticos do noso país e doutros, non tan próximos pero nalgúns casos máis influentes, que é necesario o diálogo, a coalición, o consenso, a necesidade de achegar posturas… Hoxe mesmo e ante a morte inesperada de Dª Rita Barberá, haberá máis de un que pense que non sobrou diálogo.

Entendo que o diálogo, falar as cousas, sempre é necesario, fundamental, en toda relación humana e en todos os ámbitos, familiares e sociais.

Lamentablemente, ata onde chego a entender, a falta del trae consigo gravísimas consecuencias, mesmo rupturas matrimoniais, xeracionais. e incluso escisións relixiosas.

Nunca deberíamos ter medo ou pecharnos a diálogo, a falar as cousas., todas as cousas. Xa di o dito: “Falando enténdese a xente”.

E, deixando de dar consellos, que non estou pretendendo dar, senón expoñer unha maneira de pensar, tamén digo que supoño que todos temos experiencia propia ou allea de que non sempre falar é dialogar, porque poden estar falando dúas ou máis persoas sen chegar a ningunha parte. Nese caso, deuse en chamar a esa forma de non-diálogo, diálogo de besugos. Non sei por que, non se chama diálogo de besugo e lubina por respecto ás mulleres, cando os potenciais interlocutores son de distinto sexo

Vou transcribir un deses mal chamados diálogos, xa non entre dous besugos; senón entre dous curas.

Corría o mes de xullo de ano mil novecentos sesenta e oito, xa choveu. Atopáronse na sá de espera do despacho do que daquela era bispo de Mondoñedo, para facerlle unha visitade cortesía, dous curas cunha diferenza duns quince anos, pero coa coincidencia de que o curso que remataba estiveran facendo estudos fóra ámbolos dous, o máis vello en Roma e o máis novo, de 24 anos, en Madrid.

Este chegara antes e entretíñase lendo un artigo da revista misional Mundo Negro mentres agardaba a ser recibido. Nisto entrou o outro e o novo pechou a revista para iniciar unha conversa que agardaba fose animosa e ilustrativa; porque as noticias de Roma casé sempre teñen os seus atractivos.

Despois dos saúdos de rigor, máis eufóricos por parte de novo e máis comedidos e reservados por parte do outro, preguntou o novo:
´- E que tal por Roma?.
Despois de pensar ben a resposta para non dicir inexactitudes, falou a solemnidade:
- Poderíanse dicir tantas cousas de Roma...
Asegundou o novo:
- É certo que o Papa está nunha liña de máis apertura ca os que o rodean no Vaticano?
Volveu a tardar a reflexiva aclaración do “romano”:
- Habería tanto que falar do Vaticano...

Visto que os temas moi abertos non parecían ser os predilectos do interlocutor?, baixouse o “madrileño” a un terreo máis persoal:
-E ti estudaches teoloxía dogmática ou teoloxía moral?
Volveu a cavilar profundamente antes de abrir de par en par as ventás das súas clarividencias o repousado:
- Estúdiache un tantas cousas...

O novo volveu a coller e a abrir a revista que pousara e pensara pechar definitivamente pensando que era máis interesante a palabra viva ca palabra impresa. Cando levaba lidas en segunda instancia unhas dez liñas do artigo que deixara a medias, saíu unha pregunta lenta, repousada, sen esquinas, redonda, da boca do besugo lento e pausado, redondo:
- Non sei se o oín ou o soñei; ti estiveches este ano en Madrid, non?
Procurando que a resposta fose tamén comedida, profunda, clarificante e cordial respondeu o besugo aparentemente máis dinámico:
- Ándache un por tantos sitios...

Se alguén cre que este non-diálogo é ficción ou creación literaria, xúrolle que foi tal e como se conta; porque o besugo máis novo era eu mesmo. O outro repousa en paz e no sosego eterno desde hai anos e Deus queira que non lle dea pena, pero non sei se o oín ou soñei, que o xuízo particular levou o seu tempo.

E cada un que pense o que queira con relación ás calidades do bo diálogo.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES