Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os colportores

martes, 22 de noviembre de 2016
Aínda que por cuestións propias de incidencia social non está tendo unha presencia cotián nos medios de comunicación e na propia sociedade española en xeral e galega ou ourensá en particular, o certo é que entre as efemérides que están tendo ou proximamente terán lugar, unha das máis lonxevas é, sen lugar a dúbidas, a conmemoración do quinto centenario da Reforma luterana, ou protestante, segundo o rexistro que se queira utilizar.

É certo que hai poucas semanas, a finais do pasado mes de outubro, o propio Papa Francisco viaxou a Suecia para participar activamente nos actos programados naquel país para iniciar a conmemoración durante o 2017 do 500 aniversario de cando Martín Lutero provocou o cisma e colocou ó Vaticano nunha encrucillada da que aínda hoxe non se logrou recuperar.

Non me vou meter eu en profundidades relativas a cuestións derivadas da fe porque, tal como di Curros (por certo, un de tantos que ó longo da súa vida tivo contacto coa rama protestante) no remate do Divino Sainete, a min pásame algo moi parecido e dende hai tempo "creo ou non creo/ pero dudar, ¡xa non dudo!".

Sen embargo, pídeme o corpo escribir sobre isto, logo de ter mantido unha amena e proveitosa conversa con José Luís Fernández Carnicero, hai unhas semanas, ó abrigo do Espolón de Celanova, e no transcurso da que me informou do ambicioso proxecto no que se embarcou -filatélico, el- dende Ourense con tal motivo, para tratar de conseguir a "emisión dun carimbo de correos conmemorativo do V Centenario da Reforma protestante en Europa".

Tiña esperanzas, o profesor Carnicero, de que a Comisión Filatélica do Estado acollese de bo grado esta iniciativa xurdida en Ourense, que persigue visibilizar o inxente labor que -segundo el mesmo afirma- "ten feito a comunidade protestante, sobre todo no ámbito educativo e no da creación de escolas mixtas a comezos do século XX".

Ourense, como non podía ser doutro xeito -de aí a proposta filatélica- conta cunha moi interesante historia publicada no ano 2009 polo propio Fernández Carnicero e que baixo o título de "Pineiros protestantes na Atenas de Galicia", conta os avatares de varias familias de colportores (ou divulgadores da Biblia, que así tamén el lles chama) procedentes de Inglaterra, de Alemania e doutros lugares de Europa, que promoveron asentamentos dos que aínda quedan vestixios activos en determinadas aldeas de Bande, Muíños ou Entrimo, entre outros municipios.

Oxalá, pois, dende a Comisión Filatélica -igual que pediu Francisco dende Suecia- teñan altura de miras e acaben autorizándolles a emisión do selo. Sería un recoñecemento para a memoria daqueles sacrificados colportores. E sería un fito, tamén, para o amigo Carnicero e, con el, para Ourense.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES