Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A mestra das saias longas (15)

martes, 22 de noviembre de 2016
A mestra das saias longas (15)
¡Estou na fronteira, estou nas feiras/festas de San Froilán, que aquí son, certamente, iso: unha fronteira! San Froilán procedía dos hortos (seica naceu aquí en Lugo, por xunto do Camiño vello de Santiago, concretamente no Regueiro dos Hortos); eu tamén, pois deles veño, exactamente de face-lo verán, de face-la recolección! Froilán, un nome de raíz sueva, bos labregos e mellores gandeiros, que por iso asentaron na Gallaecia, na terra das hortas e dos verdes.

O San Froilán establece unha fronteira entre a semente e maila recolección: De retiradas as patacas, abónanse as terras para sementar o cereal. Aquí cumprimos o latino, Primum vivere, deinde philosophare; vimos de vivir intensamente, de traballar moito, para así ter medios para estudar, para capacitarnos, para mellor producir no sucesivo, no futuro. ¿Somos filósofos? ¡Non, aínda non; o que somos por estas latitudes é, agradecidos! ¡Agradecidos do pan de cada día!

No coche da Liña viñemos parolando meu irmán e máis eu; el debía quedarse en Lugo, que Dereito debera facerse en Lugo, no Lugo romano, e Maxisterio en Santiago, á sombra dese Apóstolo que nos sacou da ignorancia do paganismo. Estamos cumprindo aquela promesa, pois pasamos uns meses do máis fraterno. ¡Grazas, Señor!

Na aldea escribín pouco pero aprendín moito, reflexionei moito; aprendín, ou deducín, que o exceso de traballo, a idolatría do traballo, entumece á mente, así que precisamos levantar a cabeza ao Ceo, de cando en vez: unha, para darlle grazas a Deus polas colleitas, polos froitos do traballo; e outra, para decatarnos de que o traballo é un medio, pero nunca un fin. A obra de Deus onde mellor pode apreciarse é subsumidos na propia natureza, na obra do Creador; isto da cidade, isto das casas, é obra humana, dos homes e das mulleres, que naceu cando se esgotaron as cavernas, cando nos decatamos de que unha pedra encima doutra fan parede, e que unha boa cobertura faise con palla, precisamente coa palla dos palleiros. Aquilo era bo, pero o malo veu co antollo da torre de Babel, rediviva neses rañaceos de Nova York.

Veño máis moura por fóra, e máis branca, máis purificada, por dentro. Veño de conxugar o verbo ser, e co ser, o estar. ¿Quen son? ¡Unha criatura de Deus, e por ende, unha colaboradora de Deus, pois El dotoume dunhas potencias que poden servirme non para mellorar esta obra, senón para vernizala cos meus pensamentos, cos meus estudos, coas miñas obras. ¿Onde estou? ¡Neste pozo de cultura chamado a Normal de Maxisterio, do que se pode quitar auga limpa, pura, fertilizante…, para rega-las hortas deste país, deste país onde os horteláns van producindo, van medrando; algo, pero menos do que corresponde ás súas potencialidades, aos seus esforzos! Fun buscar o programa, e coido que promete; ¡o programa promete, pero a que teño que cumprir son eu! Para este segundo temos:

Relixión e a súa metodoloxía; matemáticas: xeometría, ampliación e metodoloxía; trigonometría; física e a súa metodoloxía; filosofía: ontoloxía xeral e especial; psicoloxía: pedagóxica e paidolóxica; pedagoxía: educación e a súa historia; labores e ensinanzas do fogar; debuxo e a súa metodoloxía; música (con dona Inxusta, claro); caligrafía; prácticas do ensino; e, ¡como non!, FEN.

Deus nos libre de que sexamos capaces de estudar a fondo un temario tan amplo, pois acabaríamos máis sabias co sabio Solón de Atenas, e por ende, orgullosas! ¡Sed libera nos a malo; amén!
-.-

Todo un verán sen pisa-la catedral, que se me fixo de novas, ademais de que hoxe estaba abarrotada de xente con isto do San Froilán. Entrei no momento en que un cóengo falaba da felicidade, que non é propio tela ao completo aquí abaixo, pero unha aproximación, si; máis ou menos dixo o seguinte, que isto é o que retiven na memoria: Que a felicidade terreal redúcese a tres estimacións: Terse en alta estima, pero despois de consultar cunha conciencia escrupulosa, cunha conciencia que non nos traizoe. Estimar ao próximo coma a nós mesmos, comezando polo máis próximo, pola familia. E terceiro, que se non somos merecentes de estima, se non a recibimos, hai que examinarse para ver onde fallamos. Esta é unha forma de ver o mundo que nunca tal escoitara; meditarei nisto.

Quen non se estima, quen pon alma e corpo en auto odiarse, non terá sa a alma, penso eu, pero o corpo tampouco, pois, aínda que nos resulte invisible, temos unha interacción; cando estiven enferma invadíame a tristeza, o desalento, iso que agora chaman depresión; e cando me puxen triste por unha preocupación calquera, tamén me doía a cabeza, polo menos a cabeza. ¡Vai ter razón ese cóengo!

Estimar aos demais, igual que facer un favor ou un regalo, fainos latexar forte, de satisfacción. Logo estou por dicir que estimula máis facer un agasallo que recibilo. O que dá cre que foi útil; o receptor pode estimalo ou non, convirlle ou non, agradecelo ou non.

En canto a ser estimado…, ¡canto sufrirían os nosos antepasados, os nosos paisanos, por exemplo, cos desprezos que nos ten feito Castela, comezando por aquela Sabela, e iso que era dos de Tras do Támara, do Tambre! Os bispos, que viñan todos de Castela; os delegados rexos, os escribáns… Conta a nosa veciña, esa que estivo de cociñeira, que en Madrid, cando queren desafiar a alguén, o inmediato que lle din é: “Gallego si no lo haces!”. Pero non fai falta ir a Madrid, pois aquí en Lugo, neste centralismo murado, particularmente nas tendas, obsérvase claramente que se mofan dos paisaniños; nunca me decidín, pero agora que vou afianzando a miña personalidade, xuro, xuro ou prometo, que en casos así vou intervir con catro frescas, por consecuencias que me traia. ¿Que era a metade de Lugo cando comezou este século, de onde viñeron? ¡Algún deses soberbios incluso ten as raiceiras na miña parroquia, que ben o sei!

Mañá…, ¡á Normal, a normalizarse! Din que este segundo curso, o intermedio, é o que define a vocación, pero eu niso non teño dúbidas; o que lle pido a Deus é que me axude a ser normal, na Normal, para ser exemplar, que cadora me decato máis de que curas e mestras, eles con tonsura e nós con melenas, pero en ambos casos é moita a responsabilidade asumida.
-.-

¡Dona Marcelina abriunos as ventás…, as ventás deste segundo curso! Deunos a primeira das clases, e versou sobre Paidoloxía… Así, interpretado o termo en plan caseiro, vulgar, logo parece significar “ciencia dos pais”, e polo que nos explicou dona Marcelina non anda lonxe diso. Nas miñas notas apuntei isto porque teremos que tomar apuntes xa que nas librerías de Lugo non teñen libros desta materia: “Ciencia que estudia todo lo relacionado con la infancia y el buen desarrollo físico y mental atendiendo a las condiciones ambientales que los rodean”.

De volta para a pensión vin rumiando nisto, na temática pero tamén no contraditorio de certas circunstancias: ¡Dona Marcelina abríndonos as ventás do saber, e o seu marido en Prisións, colaborando na cerrazón daqueles mestres que aínda seguen encarcerados, se non en Lugo si en boa parte de España, precisamente por iso, por ensinantes! Esta idea non se me houbese ocorrido se non fose porque me crucei en Santo Domingo co meu mestre inicial, co señor Gómez de Bergland, que veu ás feiras do San Froilán cun mular, e viña de entregalo:

-¿Así que outra vez coa carteira dos papeis? ¡Logo pareces unha Ministra…, pero, de momento, en España, non as hai, que mandan os homes, maiormente se levan uniforme!

El tamén foi perseguido cando a guerra, e por máis que é discreto, súa polos propios poros.

-Si, señor, e por certo que hoxe comezamos o curso co pé dereito…, quero dicir, iso que din de comeza-las cousas con sorte, pois tivemos unha materia que me encanta.

Demos en falar do tema, que ningún dos dous levábamos presa, e a min gústanme os seus falares. Fala que te falarás díxome algo que non citara a Profesora, ¡nin de lonxe! Que a Paidoloxía, o estudo dela, é cousa recente, pois os primeiros estudos, concienciudos e meticulosos, débenselle ao ruso Aleksandr Nechayec (apunteino para no esquecelo), de primeiros deste século. Que el tivo libros da materia escritos pola que se chamou Segunda xeración da Institución Libre de Enseñanza, que llos mandara de Madrid unha tía súa, que foi a nora de don Nicolás Salmerón y Alonso, un dos presidentes da I República, pero que cando o perseguiron viuse obrigado a subilos ao faiado da casa, ¡onde llos roeron os leiróns! Deixoume abraiada, tanto do que me dixo como da forma de dicilo, sen rancor, e iso que é para telo!

Dunhas cousas pasamos a outras, e como a conversa se facía longa para seguir de pé, invitoume a un café cunha caña, ¡cunha caña de pastel, non de augardente!, na pastelería Madarro, vellos amigos seus. A este señor, despois de meus pais…; sen el, sen aqueles cursos, sería imposible verme en Segundo de Magisterio…, ¡nin en Primeiro! Tirei de papel para anotar, pois tales leccións, aínda que non me sirvan para un exame, si me servirán para o exercicio do meu maxisterio. El opina que a Paidoloxía redúcese a tres principios básicos: Ante todo, caerlle ben ao rapaz, neno ou non tanto, gañar a súa confianza; segundo, ter que dicirlle; e terceiro, saberllo dicir. Traducido ao meu pensar: Non desentoar no medio, que se me ven con luvas cando eles gastan calos, mal comezo será; falarlles na propia lingua do seu fogar, que se os obrigamos a traducir, dobre esforzo, e por tanto dobre repugnancia a súa; os tradutores dos libros temos que ser os mestres, sobre da marcha, pois o alumno abondo fai con ir abrindo a súa mente. E como conclusión de todo isto facerlles ver a importancia e maila comenencia dos saberes. Contoume o señor Gómez que tivo un alumno ao que lle repugnaba o Catecismo alegando que no servizo militar, segundo os seus irmáns, non o preguntaban. A xente resístese a dixerir alimentos que considera superfluos; ¡o viño é outra cousa, posto que entra aínda que non se teña sede!
-.-

A mestra das saias longas (15)
¡Hoxe, Domingo das Mozas! ¿E dos mozos, non? ¡Pois vaia desigualdade! Chegoume o recado de que saíse á media mañá para os Soportais porque algunhas compañeiras querían que paseásemos xuntas, como se fose unha manifestación de Mestras, ¡agora que non as hai, as manifestacións, digo, aínda que mestras, poucas, que iso teremos de vantaxe cando se convoquen oposicións!

Cumprín por compañeirismo, aínda que algo receosa pois entre nosoutras hai unhas cantas revoltosas que, se volvese a moda das protestas, serían pouco menos que anarquistas. Pero non ía por aí a cousa, segundo puiden comprobar: Tratábase de facer un desfile de estudantes, polos Soportais e pola Reina, para…, ¡para botarlles o anzol aos rapaces, estudantes ou fillos de papá; o que se di, engravatados! ¿A ver se vai ser certo aquilo de que a tentación veu por Eva…?

¡Craso error, pois, ao vernos así, nun fatado, os rapaces miraban para nós, e ríanse! Algún deles incluso nos tirou algún piropo un tanto obsceno; e un dixo, que llo oímos claramente: -¡Os de Barriga Verde vide para aquí, que este é o mellor espectáculo do mundo: un aquelarre de bruxas…, coas saias longas!

Non lle faltaba razón, aínda que sería máis exacto compararnos cunha rea de “codeleiros” do Seminario cando os sacan para osixenalos; claro que hai unha diferenza, pois os codeleiros levan as saias mouras, e abotoadas, mentres as nosas son máis ben plisadas. Unha fresca contestoulle: -¡Se as queres desas, telas na Rinconada! Desarmouno, porque calou.

Igual son mal pensada, e que iso “das mozas” veña de que as deixan vir no domingo, pois no resto da semana os que veñen a Lugo son os homes, trae-lo gando, as ferramentas, produtos do campo, etcétera. Demos unhas cantas voltas e, ao ver que non había cazadores, as perdices voamos. Isto da provocación fronte ao acoso dáse en tódalas especies animais, así que ata non será pecado posto que Deus prodigou os instintos; outra cousa é abusar deles. Boto de falta que na Normal non se nos fale cousa algunha referente á sexualidade; igual llelo deixan aos curas, pero eles, ¡meus pobres!, sen muller, que van saber diso!

Meu irmán di que non tódolos que estiveron na guerra traen medallas, pero o título de mestres en picardía, todos. Daquela os varóns teñen profesorado, pero, as femias…? Preocúpame iso de que as mulleres teñan máis fillos dos que poden, ou saben, educar; e por outra parte está esa Lei de Malthus, iso de que a poboación crece máis rapidamente cós recursos, conducindo a una progresiva depauperización da poboación. ¡Moito ensino precisa España, e por ende, moita formación nos ensinantes! Temos unha profesora que é medio “roxiña”, ¡coido que a única, e téñena pola ovella moura deste rabaño!, que nos dixo: “Mirade se será listo o Caudillo, que un de Ortigueira deulle dúas receitas a cambio dunha subvención: Que das ortigas, deixadas ao sol seis ou sete horas, e despois mallucadas coma os grelos, fanse unhas tortillas de ovos que lle van quitar a fame a España. A outra, que dos toxos, metidos nunha caldeira a presión, pódese obter unha bencina de sete estalos”. ¡E eu, pobre coitada, que tiña aos galegos por máis sabios cós sete de Grecia!

¡Oxalá non chegue a haber ministras, que se me escollen, pobre de min, de min e dos meus gobernados!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES