Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

E logo, por que mo pregunta?

jueves, 17 de noviembre de 2016
Pensaba traer hoxe un diálogo entre dous que non chegou a ser diálogo propiamente, aínda que falaron durante un tempo; pero déixoo pra outro día, porque o tal diálogo fallido tróuxome á mente o tema dos tópicos e tirei tras desa lebre.

Un dos significados da palabra tópico é o dunha opinión sobre algo ou alguén que se usa moi a miúdo, sen contratala, porque se dá por verdadeira, xa que a repiten moitos e dende hai moito tempo e que, polo mesmo, non resulta orixinal.

Os tópicos referentes a habitantes dun país poden ter una certa base; pero acaban sendo xeneralizacións inexactas, por non seren aplicables a todos os membros da colectividade nin cambiaren ó ritmo dos cambios dos tempos.

Así, entresacando só algúns, dise dos norteamericanos, tan de actualidade, que son moi cultos e gordos; dos franceses, que cochos e orgullosos; dos españois, que somos folgazáns e que pasamos a vida de festa e dos galegos, uf!, una boa colección con bastantes máis negativos ca positivos.

No positivo parece que destaca a hospitalidade. Pero paréceme que habería que dicir que destacou; porque cambiaron tanto as cousas que non hai moitas ocasións de exercela e por outro lado, cada día hai que mirar máis a quen se lle abre a porta.

Entre os negativos hai tres ou catro dos máis comúns que me molestan especialmente, xa sexa polo concepto en si, xa pola súa interpretación. Estes son: Traidores, indecisos que non se sabe se subimos ou baixamos e retranqueiros como sinónimo de zorros ou pouco fiables, e outro sinal de raposeiría sería contestar sempre cunha pregunta.

Con relación a traidores gustoume moito ler a Castelao que xustifica o tópico na corruptela da palabra traedores referido a aqueles innobres con títulos de nobreza que levaban a suor dos seus vasalos a Castela pra estaren ben vistos polos señores reis.

O de estar parados no descanso da escaleira e que respondamos con un depende á pregunta de se subimos ou baixamos, porque somos indecisos, faime graza e dáme rabia ó mesmo tempo. Non estamos parados. Paramos pra observar se quen pregunta terá capacidade de darnos una aguilloada se dicimos que baixamos ou un trancazo se que subimos. Temos tanta práctica que mentres dura un “depende” dito con calma e coma quen non quere a cousa, facemos unha radiografía do interlocutor.

Raposeiría a retranca? Nada máis lonxe da realidade. A retranca é unha arma poderosísima que desarma ó máis pintado e ó mesmo tempo é a aplicación da non violencia física. Un pouco máis arriba acabo de utilizar a expresión “dar un trancazo”. Pois a re-tranca é un medio de parar a tranca coa que o outro quere atacarnos e deixalo desarmado. Ou tamén pode ser un medio pra irlle por diante sen darlle opción a empregar a súa tranca por medo á nosa re-tranca.

Contestar con outra pregunta ven sendo algo así coma darlle una chupada larga ó cigarro e reter tempo o fume sen botalo pra fóra, mentres se está pensando a resposta máis axeitada pró interlocutor que se tén diante. De tódolos xeitos, eu, pola miña experiencia de ter deixado de fumar sen que as consecuencias me deixasen a min, recomendo, mellor cá larga chupada ó cigarro, deixar caer con moita parsimonia o “e logo por que mo pregunta?”.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES