Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vivirmos sempre

domingo, 06 de noviembre de 2016
O contido básico da primeira lectura do Antigo Testamento xunto co núcleo do evanxeo convídannos a renovármonos na nosa fe na Resurrección. Nesta nosa resurrección que é consecuencia inmediata da de Xesús, Fillo de Deus e irmán maior noso, pertencente á nosa propia estirpe humana. Pois ben, no libro dos Macabeos vai aparecendo xa a fe na Resurrección en relación co feito fundamental de que Deus fixo todo da nada. Se Deus é capaz de crear todo, terá igual poder tamén para refacer o que desaparece coa morte, sobre todo cando esa morte é indebida ou inxusta, tal coma aparece no relato sobre os Macabeos. “De Deus recibín este meus membros...; espero recibilos del novamente”: é o que lles di o terceiro dos sete irmáns ós torturadores.

É esta fe na resurrección futura a que lles dá azos e esperanza ós mártires macabeos. Pódese aceptar a morte con tranquilidade “cando –tal como dirá pola súa parte o cuarto dos irmáns- se espera resucitar para a vida”.

Mais esta nacente ou xerminal conciencia da resurrección, que se albisca xa dalgún modo nos tempos do Antigo Testamento, vai acadar novo pulo co Novo Testamento, coa presenza, o actuar e a clara mensaxe de Xesús. Segundo a mensaxe de Xesús, a nosa vida vaise transformando continuamente, de maneira máis rechamante coa nosa morte, pero esa nosa vida non cesa, non rematará endexamais. Cando Deus nos fai partícipes da súa propia vida, dánola á súa grandiosa maneira, é dicir, xenerosamente, e en definitiva e estritamente sen data de caducidade.

Vemos no relato do evanxeo como, fronte ós saduceos (que, á diferenza dos fariseos, non crían na resurrección dos mortos) Xesús sostén decididamente a resurrección dos mortos. En contraste cun certo comportamento ou modo de pensar que podería quedar reducido a un simple e ambiguo sentimentalismo en relación cos defuntos, Xesús dinos claramente: “Deus non é un Deus de mortos, senón de vivos. Para el todos están vivos”.

En moitas culturas, tamén e de maneira especial na nosa galega, os ritos e lembranzas en relación cos defuntos teñen moita presenza pública e de moi diversas maneiras. Hai poucos días aínda, co comezo mesmo deste mes de santos, familiares ou amigos dos nosos defuntos acudían con flores a visitalos, honralos e lembralos.

Fronte a este comprensible e normal comportamento noso, a actitude de Xesús en relación cos defuntos, cos que xa nos abandonaron, non se parece moito a este noso modo de proceder, chamándonos por iso non pouco a atención. Mais isto débese a que Xesús se presenta ante nós xustamente como o anunciador e proclamador da vida, desa vida que Deus nos dá e que non nos vai retirar nunca máis. En consecuencia, para o Deus anunciado por Xesús os mortos en realidade non son tales. Para Deus non hai, pois, mortos, senón que -tal como se nos di no evanxeo de Lucas- para el “todos están vivos”. Os que vivimos porque estamos vivos, e os que nos deixaron porque están a vivir ou seguen a estar vivos dunha forma distinta, mais real, por inconcibíbel que isto sexa para nós. “Deixade que os mortos enterren os seus mortos”, proclamaba tamén Xesús noutro contexto, intentando alí pór de relevo a importancia e a urxencia do anuncio da vida.

En realidade, se Deus é un Deus vivo, que existe e vive desde sempre e vivirá para sempre e que é o facedor da nosa vida, entón a que nós normalmente entendemos por morte non ten propiamente que ver con el. Por iso a morte, co peso e a carga que nós lle adoitamos dar, non ten para Xesús tal categoría. En consecuencia, e en última instancia, a morte, a nosa morte, non pode ser senón un episodio transitorio (por estraño, doloroso e sorprendente que sexa) no interior dun proceso que está totalmente mergullado na vida, nese mar infinito de vida, que é Deus mesmo, no que –como nos di o Apóstolo Paulo- nós mesmos “vivimos, nos movemos e existimos”.

Entendida deste xeito a morte, cómpre aínda engadir que pola nosa parte estariamos de feito a crer nun “Deus do mortos” (nun deus rexeitado por Xesús) cando non anunciamos a vida e traballamos por ela en tódalas súas formas; cando non procuramos o ben, o progreso, a xustiza, a misericordia; cando non loitamos a prol de que todos sexan respectados nos seus dereitos; cando non damos azos e alento ós que o demandan e esperan de nós; cando non lles ofrecemos ós demais a posibilidade de participar no gran don recibido de Deus, a nosa fe, esperanza e caridade; cando nos pechamos nos nosos particulares intereses e egoísmos, coidando que así conservaremos máis a nosa vida, sendo así que a vida propia é máis vida cando dela facemos participar ós demais... Da mesma maneira que o lume é máis lume canto máis se comunica e se estende.

Mais ¿por que Deus non é un Deus de mortos, senón de vivos”? ¿Por que “para Deus todos están vivos”? A resposta, paréceme, podería ser esta: PORQUE DEUS É AMOR (tal como repetía Xoán), PORQUE DEUS NOS QUERE, PORQUE DEUS NOS AMA, E DE VERDADE.

Neste sentido, escribiu algunha vez un gran pensador: “Amar a alguén é dicirlle: ti non morrerás endexamais”. Todos temos algo de experiencia disto. E se non, pensade un momento nalgunha ou nalgún a quen queirades moito. Se no noso poder estivese, non permitiriamos en modo algún que esa persoa morrese. Pois ben, Deus quérenos e ámanos de verdade. Quere, en consecuencia, a nosa vida, e ten ademais poder absoluto para conservala e aumentala. Nisto radica en realidade a “resurrección” que Deus nos anuncia e promete en Xesús. Porque Deus nos ama de verdade e porque ten poder para facernos vivir sempre, por iso pode resucitarnos e quere resucitarnos tras esa estraña, fonda e ardua transformación nosa que chamamos morte.

Porque, ademais, efectivamente, da nosa propia morte nin temos conciencia agora nin a teremos cando nos chegue. Xa o adiviñaron algúns antigos filósofos cando dicían que non é posíbel experimentar iso que chamamos morte, pois cando ela está –dicían- non estou eu, e cando estou eu ela aínda non está. Por iso sostiñan eles que non deberiamos ter medo algún a encontrarnos coa morte, porque tal encontro non ocorrerá nunca. Total, que o noso é vivir, vivir sempre. Sobre todo se cremos, máis alá do que digan ou sospeiten os filósofos, na boa e alegre nova de Xesús: a resurrección.

Neste sentido, e finalmente, como toda Eucaristía é lembranza viva da Resurrección de Xesús e polo tanto tamén da nosa, agradezámoslle a Deus Pai a vida que nos deu, que nos dá e que nos promete para sempre. E animémonos tamén mutuamente a comunicarmos ós demais esta gran “boa nova” que nos debería encher de alegría.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES