Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A TDT non é trinitrotolueno

viernes, 04 de noviembre de 2016
É Televisión Dixital Terrestre, adianto técnico espectacular que ía cambiar as nosas vidas. Imaxe e son tan perfectos como asomarse pola ventá. Máis canles, máis oferta, máis variedade á hora de elexir ocio, información, divertimento. Máis empresas, máis pluralidade ideolóxica, máis espazos libres para a pedagoxía política. Máis traballo para xornalistas novos. E moitísimos máis cartos. Dicían. O ceo en HD. O arco da vella en LCD. E foi así que, aproveitando o día fausto no que o vello televisor analóxico deixou de funcionar, vas e compras un aparato grande, plano, dixital. E moi caro. Recordas tempos tristeiros do branco e negro. As dúas canles oficiais e catequizadoras. E a explosión de oferta cando apareceron as privadas. Ata chegar a sementeira dixital actual. Diante do novo e sofisticado aparato ocorre un portentoso milagre: funciona mellor o polegar no mando a distancia que os cen mil millóns de neuronas no cerebro. E moitísimo máis rápido: o polegar ferve, o cerebro lacazanea.

Agora a oferta é amplísima. Zapeando arriba e abaixo decátaste de que a cousa non mellorou moito. O máis creativo e innovador segue a ser a información meteorolóxica. Zapear pola nova TDT é chorar. Nin hai máis variedade, nin máis pluralidade, nin máis diversión, nin máis información, nin máis política. Cultura, teatro, películas de culto hai tempo que desapareceron da oferta para semoventes acríticos.

Un cento de cadeas competindo polo mesmo. Nesta sociedade postmoderna volven pulular magas e meigos, botadoras de cartas, adiviños, sorteiras, tarotistas, videntes e bruxos. Para o amor e para os negocios, para o sexo e para o futuro. A 1,45 euros minuto. Na sociedade dos controis, dos mil e un organismos que din velar por nós, menudean vendedores das mesmas apócemas que no Farwest. E os mesmos vendedores de ferraganchos do profesor TBO.

Medran as tertulias, espazos abondosos, dilatadísimos e moi baratos. Curiosamente a maioría son da mesma cor ideolóxica, a dos cartos. E moita telerrealidade para un país tan telerreal como o noso, onde berramos, choramos, fornicamos, alcumamos e tendemos a roupa sucia por poderes. E á vista de todos. Xa saben, son eses programas onde os máis trascendentais problemas ocorren na entreperna e nas faragullas da caspa. Con fulanos e zutanas mostrando diante das cámaras desde os seus cortellos e zahúrdas, con infinita ousadía, a súa inexistente estatura social, intelectual e moral. E deporte que cada vez se parece menos a deporte. É o moderno panem et circenses.

TDT. Ducias de canles gratuítas. Gratuítas? Fastosa oferta de nada. A TDT é TNT. Perigosa, colonizadora e saudablemente prescindible. Trinitrotolueno que nos estoupa cada día nos ollos. E no cerebro.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES