Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha mera

jueves, 03 de noviembre de 2016
Cando decidín arranxar a vella casa dos avós nos Quintairos de Amoroce para transformala na miña residencia cotiá, non antes de rematar o acondicionamento da vivenda e de que o meu tellado comezase a botar fumo pola cheminea, o "cabo do monte" me informou de que, segundo a tradición ancestral dos meus e dos seus antepasados, tiña dereito a unha mera no monte comunal, que no caso concreto da parroquia de Amoroce é de xestión xermánica ou algo así, que se diferencia doutros montes de carácter comunal en que os veciños que residimos nela somos propietarios colectivos do terreo e non meros usufructuarios tal como acontece noutros montes comunais de Galicia.

Tres euros foi o que tiven que pagar para adquirir un dereito -o de mera- que practicamente tiñamos perdido, pois meu avó Enrique había máis de corenta anos que deixara de vivir alí, pouco despois de que a memoria da miña avoa Jesusa asentase para sempre nun nicho do camposanto do Casal, uns centos de metros máis arriba.

Lembrei esta circunstancia, é dicir, que son propietario dunha mera no monte "proindiviso" de Amoroce, o pasado venres mentres unha voz en off ía narrando a insólita e cruenta historia dun matrimonio holandés que despois de percorrer medio mundo nunha caravana decidiron pousar os pés nunha aldea valdeorresa que agora recibe o nome de "Santoalla" e que os veciños da zona coñecen popularmente aínda como "Santa Eulalia". Pousaron os pés alí porque alí remataba a estrada, conscientes de teren chegado o máis preto que o ser humano pode estar do ceo, onde resetearían as súas vidas afastados do rebumbio das grandes cidades e o que comezou sendo, precisamente, un paraíso de silencio e natureza, acabou sendo un inferno, por mor -quén o ía dicir- dunha mera.

Non continúo o relato porque a estas alturas xa saberá que se trata do "crime de Santoalla", que se saldou primeiro coa desaparición do holandés Martin Verfordern e logo, catro anos despois, co esclarecemento do seu asasinato por parte de Carlos, un discapacitado psíquico, fillo do "cabo do monte" e patriarca da outra única familia residente na aldea.

É posible que tiveran que vir dende América para, dende unha perspectiva non contaminada pola nosa idiosincrasia, seren capaces de estructurar un relato que mesmo podería ser unha película de ficción, pero que, a través da abraiante e admirable serenidade de Margo, describe con descarnada realidade as grandezas e as miserias -que un pensaba desaparecidas- da nosa sociedade, pero que continúan chantadas aí, no noso eu colectivo, coma se non tiveran desaparecido nunca e que só precisan do movemento dun marco ou da negación dunha mera para que emerxan coma unha coitelada na nosa primitiva conciencia.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES