Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A mestra das saias longas (12)

martes, 01 de noviembre de 2016
A mestra das saias longas (12) Sempre paso atemorizada por debaixo do noso pantocrátor. ¿Téñolle medo a meu pai, e iso que cando saca o xenio as herbas vólvense pedras? ¡Non, en absoluto! ¿E a Deus, si? Debe ser que me impón a súa grandeza, a súa maxestade, que por algo o configuraron así na porta pola que adoito entrar na nosa catedral. Daquela, cando edificaron, ¡a saber como estaba a xente de Lugo de bravía, e por iso entenderon que había que asustarnos, que ata lle puxeron un pico, cal espada de Damocles, sobre a cabeza do visitante! Non se pode opinar, de nada, sen coñecemento de causa, que iso nos ten dito a Profesora de Historia, esa historia pelada, que só contén nomes, datas e feitos, pero nunca explica nin comenta as causas, as circunstancias, que levaron a uns e a outros a facer o que fixeron.

Asustar, impresionar, na porta da catedral, hoxe por hoxe non lle vexo obxecto, pois, o que entra, entra decidido, e para os que optan polas tabernas da Rúa Nova, as únicas imaxes que contan son esas que entrevén cando alzan o cóbado. En todo caso, é unha obra de arte, e está ben onde está. Pero ao que vou, que é a reflexionar sobre as relacións paterno-filiais: As desobediencias, sexa con pais ou con superiores; as condutas irritantes; submisión, respecto, laboriosidade… Din que estamos recargados de sinaturas, pero isto das relacións familiares coido que merecería non un curso, os tres!

Vou anotar, para comeza-las miñas apreciacións, as diverxencias que observo entre convivir na aldea e facelo na capital. Din que aquí en Galicia non se sabe onde remata a aldea e onde comeza a vila, e coa vila, a capital. Será, pode ser, que non teño reparado moito niso, pero o que se palpa en cada un deses espazos é a diverxencia no ser, e tamén no estar. Como dixo dona Marcelina, a de Psicoloxía, por ese internado que hai en Castro, -Alí non están tódolos que son, nin son tódolos que están. Daquela deixarei a salvo, prudentemente, os casos paradigmáticos, que seguro que os hai, e tampouco é bo xeneralizar, que nolo impide a prudencia.

Na aldea, no rural, e para comezar, non existe emancipación, non pode habela: O neno sabe, e sábeo desde a caneta, que se quere vivir indefinidamente abeirado pola protección, pola manutención, paterna, patriarcal, será sempre un auténtico súbdito; un sempre que abarca, como digo, desde a caneta ao enterro do pai, e nalgún caso, da propia nai. ¡Alí permútase submisión por seguridade, que nin case fai falta pedir o pan de cada día, que cho pon na mesa teu pai! O pan do paternóster é outra cuestión. ¿Isto é optativo? ¡Para os minorazos, non, nunca, ou case nunca; para os morgados, segundo os casos!

Certo é que hai morgados espanzullados, que se van quedando nas casas, por tras do tizóns, ao abeiro da tradición testamentaria, que nin ferran nin deixan o banco, nin se casan nin se van, amolando a algún dos outros, que teñen que largarse, buscar morgada ou emigrar; a eses tales non se lles chama parasitos, pero sono! Os segundos, terceiros, cuartos…, e nalgún caso, nove, ¿que outra lles queda que sentirse orfos, e actuar como tais? Iso sábese, polo menos, desde a escola, e ata penso que non será inxustiza dedicarse máis os minorazos, bastante máis, pois eles, ¡meus pobres!, xa nacen pobres, e ata será unha caridade darlles esmolas adicionais, admitilos aínda que saísen da idade escolar. Redimilos, axudarlles a liberarse de garda-las ovellas do morgado, ¿é, ou non, unha obra de xustiza, e por ende, de caridade? Teño para min que isto vai ser un problema de conciencia, e o caso é que ninguén fala diso, nin na Normal nin na Catedral! ¿Xustiza é tratar a todo o mundo por igual? ¡Dubídoo, pois pode haber casos nos que a igualdade pode ser inxusta!
-.-

Isto meu non sei se é de psicoloxía ou de relixión, pero o caso foi que me deu a noite, matina que te matinarás, que nin que fose unha ecuación de mil incógnitas; desde logo o que non é é unha igualdade.

Índonos para Lugo, o que equivale a dicir para unha cidade calquera, estamos logrando un equilibrio inestable, un falso equilibrio, pois equilibramos certas cousas tronzando outras.

Certo é que na aldea, nisto que chaman sector primario da economía, sobra xente, maiormente mulleres, pero, ¿a onde imos, que nos espera, que dote levamos? Segundo Rosalía,

Adios groria! adios contento!
Deixo á casa onde nacín,
Deixo á aldea que conoço,
Por un mundo que non vin!

Deixo un mundo coñecido por outro que non vin! Da aldea, como dun panal de rica mel, nutrimos a nosa crianza: alimentos, vestidos, educación, menciñas…; e nalgún caso, enterros, enterros por enfermidades infantís ou epidemias, que dan o seu gasto, os seus contratempos, a súa dedicación! Unha vez descapitalizada a aldea, consumidos con nós aforros e esforzos, ¿que facemos, reintegramos o xusto, o suficiente? O que facemos é levar connosco esas forzas, eses consumos, esa preparación, para que se aproveiten de todo isto as xentes, os países de acollida, que xa nos reciben criados e educados.

¿A onde imos parar? Os transvasados da aldea á vila, na súa inmensa maioría, acaban, acabamos, no sector terciario, saltándonos o secundario, o das transformacións, o do perfeccionamento, o expansivo, que é precisamente o que dá produtos exportables, e por ende, retornos, recuperación do invertido; dito doutro modo: aquel gasto da infancia quedouse niso, en gasto, cando merecía o tratamento de inversión.

¡Deus, que pouco sei de economía, tan só unhas nocións! Por aí atrás algo dixen de que nos sobran sinaturas, pero equivoqueime, fáltannos! Sería enriquecedor poder chegar á aldeíña máis remota e abrirlles os ollos a eses empresarios da agricultura, porque iso son, empresarios, empresarios que poñen capital e traballo ao servizo, na xestación, duns produtos. Mais para convencelos diso, para quitalos da súa humillante condición de míseros e ignorantes, faría falta saber moito, moito saber e non pouco ascendente. Comezou Valentín Lamas Carvajal co seu, Catecismo do labrego: -¿Sodes labrego? -¡Si, pola miña desgraza! Como espoleta, vale, serve, pero a continuación había que engadirlles, aclararlles: -¡A túa desgraza está en que es un empresario, un empresario de base, e ti, labreguiño, sen sabelo! ¿Serei capaz de ilustralos, sequera un pouquichiño, nese ámbito, nesa dignificación? ¡Deus mo conceda; amén!

Sempre se dixo: ¡Ese pasa máis fame que un mestre de escola! Pero ata será bo, non que esteamos mal pagados, pero si regular, pois, con moitos ingresos e pouco control, con pouca inspección, ¡que ata as anuncian!, é doado fanfurriñar, darse á dolce vita, alternar, pasear, banquetear… ¡Daquela, coñecendo a condición humana como a estou comezando a coñecer, Deus nos libre de mestres ben pagados, que fuxirían da escola coma do diabro, sen decatarse, sen recoñecer que os diabros, nestes casos, serían eles, eles mesmos! Mestres, e mestras, humildes, e de pagados, regular; dignamente si, para iso, para que non fuxan do seu sacrosanto deber de ensinar a quen non sabe. ¡Mestre rico, vacacións en Arteixo; do ano, medio! E tamén se dá que o mestre rico adoita pagar substitucións, ou deixa vacantes as escolas illadas, as de mal servizo, que casualmente son as máis necesitadas de atención e de constancia. Cando se xeneralicen os grupos escolares, con dirección e controlados, isto do absentismo será outra cousa, deixará de ser problema, ou, polo menos, atenuarase. Como seica di o Pedáneo dunha parroquia veciña ao final das súas peroradas, “¡He dicho!”. Dixen, dixen algo, máis do que outros din, pero moito queda sen dicir, e eu, por agora, canto sei de economía consiste en facer bo uso do diñeiro que me vai dando meu pai, pois a nai, ¡miña pobre!, vive á sombra do tesoureiro do noso pazo!
-.-
A mestra das saias longas (12)



Como tamén hai dezmilistas, e algún día podo selo, non estará de máis que me deteña un anaco na vida urbana, particularmente na da muller transplantada, iso que no rural din, Vivir de man branca!

Non é que folguen as mulleres da cidade se queren atende-lo seu fogar, e máxime se teñen fillos, pero en toda mudanza hai un desequilibrio. Van da aldea fartas de traballo e de traballos, e ao atoparse con outras comodidades corren o risco de darse á vagancia, á presunción, á murmuración. Xa sabemos que hai bibliotecas, pero, cos anos, pérdese o hábito de ler salvo que teñan que facelo por obrigación profesional. O marido, que as rescatou do rural seducido pola beleza, pola laboriosidade, ou…, ou pola dote!, observa o seu decaer de valores, e…, pode chegar a estoxala!

Cando chegaban os fillos, na aldea sabían adaptalos ao medio, atendelos segundo era uso e costume, pero na cidade decátanse de que hai outros medios, outras técnicas, outros sistemas, quedándolles dúas alternativas: ou enfadarse consigo mesma, ou facelo co seu entorno, renegando incluso da veciñanza. Esta impotencia, esta inoperancia na crianza dos fillos nos lles pasa desapercibida aos infantes, podendo conducilos a un desprezo da nai, e incluso a vexacións, a baleiros no fogar. Conclusión que tiro de todo isto: Non se pode ascender, sexa de categoría social, de status, ou de ambiente, sen a correlativa preparación, que adoita ser lenta, e non sempre posible. Esta problemática estase dando, visible, nalgún matrimonio de militares da guerra, casados cunha rapaza do lugar, en moitos casos unha admirada “madriña de guerra”, que deixa de serlles grata a medida que, cos ascensos, van coñecendo as vivencias doutros matrimonios. Para resumir: Tras das decepcións veñen as irreverencias, a falta de respecto, ou incluso o desprezo, o avergoñarse da proxenie; ¡en definitiva, baleiros, baleiros e dramas!

E a mestra, a todo isto, que? ¡Pouco, que pouquiño nos será dado facer! O que se me ocorre, de presente, é que deberan prodigarse máis as clases nocturnas, que ben as necesitan aqueles segundóns chamados a…, ¡a colle-lo coche da Liña!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES