Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nunca é tarde

viernes, 21 de octubre de 2016
Tería que darlle para atrás ó tempo co fin de comprobar cantas veces escribín sobre a necesidade de que o Festival de Cine de Ourense se abrise á provincia.

Hai ben anos xa, comenteino co que foi seu director entre o 2007 e o 2010, Enrique Nicanor. Foi no transcurso dunha tertulia televisiva en Telemiño. De contado pareceulle ben a proposta e quedamos de falar máis polo miúdo. Sen embargo, non lembro se porque o cargo non lle durou moito máis tempo dende que abordamos a cuestión ou porque simplemente quedou no seu caso no ámbito das meras suxestións, o caso foi que -dígoo en termos cinematográficos- non tivemos vagar de darlle forma ó guión oral que naquel intre definimos e non fomos quen de rodar sequera un plano da devandita composición.

Hoxe leo, non obstante, que no acto de presentación do programa desta edición, ademais de na miña vila, tamén se asentarán iniciativas complementarias da súa programación noutras vilas da provincia e felicítome por elo. E non tanto porque ó final alguén coincidira coas miñas teimas, senón polo feito en si de que, logo de tantas edicións, se abra unha nova xeira para un festival que precisa dunha identificación de seu tanto como Galicia precisa dun festival de cine de referencia que saliente por riba desa trintena de microfestivais "feitos na casa" que se reparten polo calendario anual e pola xeografía terrea, sen a máis mínima proxección exterior.

Nunca é tarde, sen dúbida, para traballar na innovación e, polo tanto, é de xustiza darlle os parabéns ós seus mentores, recomendándolles, tamén é certo, que Ourensé xamais contará cun festival de cine con xeito se non traballa ó longo de todo o ano na creación de canteira de espectadores cinéfilos que, cando chegue cada unha das edicións estean famentos de cine para encher as salas da cidade e mesmo da provincia que se poidan incorporaren á súa programación.

Se a iso se lle engade outra boa noticia que tamén intuín extraer das declaracións do seu novo director, no sentido de que o cine hispanoamericano -ou iberoamericano, dá o mesmo- terá cada vez máis peso na programación, se cadra será cando comecemos a ver cómo se abre unha xanela pola que sexamos quen de mirar con esperanza o futuro desta proposta cultural que naceu co sarampelo da alfombra vermella, o "star system" e o "photocall" nas sesións de apertura e de clausura e que xa vai sendo tempo de que atope un oco no que asentarse con personalidade propia no panorama cinematográfico español.

É aí debería ter unha importante presencia simbólica a figura de Carlos Velo e outros cineastas ourensáns que se se teñen feito cun nome propio en tan complexo sector é unha mágoa que os desperdiciemos, xa sexa por ignorancia ou por simple imprevisión.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES