Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Turismo nun capó

miércoles, 19 de octubre de 2016
O cartel indicativo que sinala por onde se accede ás Termas de Outariz resulta que é unha pintura "naïf" no capó dun coche

Unha vez, hai xa uns anos, escribín unha columna que titulei algo así como "turismo é un coche".

Non lembro xa cal fora o motivo que me levaba a aquela reflexión, nin vou perder o tempo en buscalo, aínda que si lembro que foi logo dunha visita ás termas do Prexigueiro e por mor da desidia dunha traballadora das mesas en resposta a unha miña petición.

O que mal maliciaba eu daquela era que, anos despois, tal aseveración pseudoturística -cumprindo iso de que a realidade sempre supera á ficción- había de verse cumprida en toda a súa literal dimensión.

E digo isto porque esta mesma fin de semana vina perfectamente plasmada nun cartel que vostede poderá ver corroborado a nada que pase pola estrada de Quintela de Canedo á altura do acceso ás termas de Outariz.

Acababa de deixar atrás o morto de cemento que ía servir de centro de interpretación dos Parques Naturais da provincia, cavilando en se realmente non habería unha solución para esa mole inacabada e se esta non podería ter relación, senón cos Parques Naturais, si, cando menos, co tan manido Plan Termal e coas termas que están alí mesmo ó seu lado, cando, despois de acceder á vella estrada de Vigo, perante os meus ollos, con cores vivas en vermello e verde "fosforito", para xustamente chamar a atención e que a xente o vexa, reparei nun indicativo que puña: "Zona Termal. Outariz moiño". E, xusto cando pasei ó seu carón e comprobei con que material fora manufacturado, case non dou creto e non puiden menos ca exclamei para os meus adentros: "Non pode ser!"

Pero, vaia se era! O cartel indicativo que sinala por onde se accede ás afamadas termas de Outariz, esas que xa teñen saído en tódalas canles de televisión, en series de teleficción e en documentais e revistas de toda caste e condición, resulta que é unha pintura "naïf" sobre o capó do motor dun coche, atado cuns cantos arames a dous postes de ferro mal cravados no chan.

É dicir, a miña infausta predicción de que nesta nosa provincia aínda hai xente que pensa que o substantivo turismo só ten unha acepción e que esta é sinónimo de coche, velaí perfectamente representada sobre o lenzo dun capó.

E co fin de inmortalizalo, ese mesmo día pola tarde que me volveu cadrar pasar por alí, parei o coche e tirei unhas fotos para que me quedaran de recordo.

Supoño, benquerido alcalde, que ningún departamento municipal -relacionado co turismo ou non- terá absolutamente nada que ver coa súa instalación. Ora ben, eu, de min a ti -por pura imaxe turística- si que lles ordenaría que tivesen que ver coa súa retirada, pois se o famoso Plan Termal é iso, mal futuro lle vexo eu á cidade de Ourense.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES