Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De pistola ó cinto á capucha na cabeza

jueves, 13 de octubre de 2016
Testemuñas da memoria:
De pistola ó cinto á capucha na cabeza

A verdade é que o propio título asusta un pouco. Semella unha película do Oeste de serie B co Ku Klux Klan polo medio. Porque nel hai dous obxectos que non son cousa de rir; a pistola asusta ós adultos, a capucha impresiona ós nenos. A pistola De pistola ó cinto á capucha na cabezadispara balas. A capucha mete medo. Non obstante, nada máis lonxe da realidade. José Fernández Carnero creo que nunca disparou a pistola e tampouco se “merendou” a ningún neno. Simplemente que o protagonista desta reportaxe foi garda municipal en Baños de Molgas desde 1959 ata 1995 (36 anos, aí é nada) e, sexa por obrigación ou por decoro, tiña que apandar co seu correspondente traxe cheo dos aparellos regulamentarios: porra e pistola ó cinto. José Fernández Carnero era O Aguacil. Así, como queda escrito. Moitas veces cometemos erros fonéticos e comémonos palabras. Ou non. Porque “aguacil”, como fonema, existiu antigamente, aínda que agora evolucionou para “alguacil”. É igual, con evolución ou sen evolución, hoxe é O Aguacil ou, faltaría máis, o José da Alicia. Algún día non quedará outra que preguntarlle polas súas aventuras ou anécdotas na súa etapa de alguacil, que teñen que ser moi ricas e variadas.

Pero hoxe sácoo máis ben á palestra pola súa etapa de fantasma. Digo ben: de fantasma. Imaxino que, como moitos seres humanos cando se xubilan non saben moi ben que facer. Intúo que el, polo día, pensaría en algunha falcatruada e, pola noite, actuaba moito máis que na súa etapa de alguacil. A súa actuación consistía, nas noites de verán, en vestir unha saba branca por enriba (ou calquera trapo lle valía) e correr detrás dos catro ou cinco nenos que había nos anos 80 e 90 no barrio da Igrexa.

Baños de Molgas era unha vila pequena e a voz correu como a pólvora: na Aira de Arriba había un fantasma! Baños de Molgas era e é unha vila pequena, pero no verán, e como moitas vilas galegas, multiplica a súa poboación (por sorte ou por desgraza, aínda que eu penso que é máis por desgraza, pois non hai peor desgraza para un país que a emigración) e triplica os nenos. Así, dos catro ou cinco cativos que empezaron coas escorrentadas do fantasma, axiña pasou a película a contar con ducias de nenos que subían, aínda coa cea na boca, a actuar para os velliños que asistían ó espectáculo.

Imaxino, vexo a esas ducias de rapaces burlándose do fantasma do José da Alicia, pero ó mesmo tempo berrando e correndo espavorecidos por entre os palleiros e os canastros da aira. Imaxino, vexo a uns cantos apertando as pernas para premer con elas ou cos dedos a piroliña e aguantar a mexadela. Ás veces os nervios ou o medo traizoan a un coas augas menores. Imaxino, vexo o José da Alicia correndo detrás deses cativos, medio sufocado pero cun sorriso aberto por debaixo dunha capucha branca. Así noite tras noite.

Segundo confesións dalgunhas nais dos rapaces, moitos destes xa non querían cear porque tiñan medo de perder o espectáculo, de correr o fantasma. “Imos correr o fantasma”!, berraban. E asomaban como pulgas por todo o barrio da Igrexa. Cando menos o esperaban, aparecía aquela saba branca que daba medo, pero que nunca merendou a ninguén.

O José da Alicia. Quen o diría! De portar pistola ó cinto, semellando unha persoa seria, pasou a xoguete duns nenos que, como non, acabaron por adoralo. Agora tan só queda para aqueles nenos e para os que non somos tan nenos, o recordo, o bonito recordo dun home que durante uns anos se dedicou a divertir a todo un barrio: ós nenos porque eran nenos e os adultos porque nos volviamos nenos e eramos felices (aínda somos felices) vendo contentos ós nenos. Grazas, José.

Café Oren Express da Valenzá. Martes, 24 de novembro de 2015.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES