Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sobre a familia

miércoles, 12 de octubre de 2016
A familia é un concepto que acompañou toda a historia da humanidade. Pódese dicir que é un piar tanto da sociedade como da súa evolución: un piar que xa estaba posto anteriormente ás tres grandes relixións monoteístas e a moitas outras confesións que toman o concepto de familia como un núcleo fundamental ata facelo algo propio. Apropiarse dun concepto, enriquecelo e, incluso, transformalo, non ten nada de criticable pero non podemos perder de vista o feito de que o concepto é anterior a citada apropiación. Polo tanto, a familia pode cadrar ou non coa definición relixiosa e iso non implica deixar de ser familia.

Hoxe en día, a liberdade lévanos a construír distintas formas de vida e, polo tanto, vanse tecendo familias moi diferentes que teñen dereito a ser protexidas e potenciadas social, económica e politicamente. Estes procesos de cambio van xerando a obriga de responder ás novas necesidades das familias dun xeito efectivo que evite o seu paso pola vulnerabilidade, facilitando a plena inclusión.

A familia, na nosa realidade, é calquera núcleo de persoas que tenten saír adiante de xeito colectivo. Un pai ou unha nai con fillos, unha parella nova, dúas persoas que independentemente do seu xénero deciden facer a vida xuntos, avós que crían aos netos... todo isto son circunstancias que están deixando obsoleta a idea de familia que tiñamos predefinida e case predeterminada. A todos estes modelos ten que ser capaz de responder o estado porque forman parte de nós e con nós están facendo o presente e o futuro. Polo tanto, non hai outra maneira de defender a familia que procurar a igualdade de dereitos e oportunidades, forxando futuros persoais e colectivos que leven o avance social.

Resulta absurdo ancorarse nun modelo tradicional que está deixando paso á diversidade para introducirnos nunha sociedade máis igualitaria. Aínda resulta máis absurdo se tal pretensión se fai cunha dose de cinismo sen ter, para nada, en conta as necesidades de benestar de certas familias que, día a día, loitan por saír adiante atopándose cunha sociedade que probablemente nunca recoñece dita loita.

Temos que apostar por familias con feitura propia, orgullosas de selo e comprometidas co propio porvir e co porvir colectivo da sociedade. De nada serve defender a familia como un concepto abstracto sen proxección real cando estamos a ver como moitas desas familias, tradicionais ou non, están subsistindo sen ningún tipo de axuda nin recoñecemento.

Se queremos defender a familia, procuremos o seu propio benestar e deixémonos de tradicións abstractas que non nos facilitan o pan de cada día.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES