Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os 'balígrafos'

sábado, 08 de octubre de 2016
Sei que Colombia quédanos lonxe, xeográfica e animicamente, tanto a vostede coma a min, benquerido lector.

Si, xa sei que non se pode xeneralizar e que sempre haberá quen conviva ou teña preto a algún ou algunha colombiana. Pereo estarán comigo en que non é o mesmo ca Cuba, Arxentina ou Venezuela, incluso Brasil, Chile ou Uruguay, onde non creo que haxa algún ourensán que non teña cando menos un antepasado, un parente ou un vello amigo nalgún destes países.

Escribo isto porque loxicamente, aínda que non seguín con interese cotián a letra pequena das informacións que foron contando os pormenores do proceso de paz aberto entre o goberno e chamada "guerrilla" colombiana, si que fun lendo, cando menos titulares, entradiñas e sumarios das que ían aparecendo co fin de manterme, cando menos, ó tanto a grandes trazos do que ó outro lado do océano ía pasando.

Aconteceume iso ata a mesma xornada da solemne firma do protocolo, que tivo lugar o pasado día 27 de setembro e a partir da cal tratei de centrarme máis na letra pequena dos acontecementos. E foi fundamentalmente por dúas razóns.

A primeira delas porque me chamou poderosamente a atención o detalle dos bolígrafos cos que foron asinados os documentos, tanto por parte do presidente do país como polo máximo responsable dos autodenominados revolucionarios. Pois, no canto de seren uns bolígrafos ó uso, unhas estilográficas elaboradas para tan solemne ocasión ou, se vostede quere, unhas plumas de pomba branca (da paz), resulta que o que utilizaron foron unas "canetas" -como lle chaman en Portugal- "feitas na casa" con balas de fusil.

¡Menudo símbolo!, pensei eu, para representaren a paz que tódolos colombianos desexan, logo de máis dun cuarto de millón de mortos, moitos deles atravesados, precisamente, por unha ou varias balas de fusil.

E a segunda, porque por máis que nas matemáticas a orde e colocación dos números non altere o resultado final da operación (xa sabe aquilo de, a orde dos factores...), noutros moitísimos aspectos da vida as cousas mudan radicalmente de significado segundo sexa a orde na que se coloquen os devanditos factores.

Estará comigo, poño por caso, en que non é o mesmo vivir na rúa do medio ca vivir no medio da rúa. Pois iso. De aí que tamén me chamara poderosamente a atención, o feito de que o goberno colombiano mobilizase primeiro ó mundo enteiro para que os seus mandatarios fosen testemuñas privilexiadas da escenificación dun presunto acordo histórico e logo lle preguntaran ós colombianos qué pensaban ó respecto.

Pois ben, velaí a solución: Cando se decide primeiro e se pregunta despois, o máis fácil é levar nos morros, como polo que se ve levou o tal Santos de marras.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES