Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Manifesto da IV Festa de Afirmación e Dignidade

miércoles, 05 de octubre de 2016
Estamos aquí, neste equinoccio de outono do 2016, no Pedregal de Irimia, na “Ara de Prisciliano”, lugar simbólico de Galiza onde –hai case corenta anos- se celebrou a Primeira Romaxe de Crentes e de onde a nosa Terra en orixe colle as augas circulantes polas súas veas de amor irrenunciables. Aquí nace a crónica dun Pobo que se fai Patria e Matria, a través dos séculos onde as mulleres e os homes, galegas e galegos, gardaron as esencias culturais identificativas que nos definen. Por iso hoxe celebramos o Día da Afirmación na Dignidade. Pero cómpre asemade contarvos e lembrar o sentido daquela Ara que posta no alto do Pedregal, nos preside.

Foi por expreso desexo de Xosé Chao Rego, impulsor de tantas novas e boas iniciativas, coñecidas por todos nós, quen mo transmitiu hai algún tempo o de visibilizar –precisamente aquí- unha lembranza do bispo de Ávila, Prisciliano, galego singular que removeu os alicerces dunha Igrexa impropia e decadente que instituía os medos. Instituía medos, ...politicas de terror, infernos. A que vos soa a canción?

Non vos dades conta dos tantos que día a día nos amenazan? Pois ben, el, pola contra, promoveu a liberdade dignificando ás mulleres e reivindicando a igualdade, como todas e todos ben sabedes. Decapitado en Tréveris, a súa memoria pervive como un auténtico mito de nós, e a súa voz resoa como unha demanda de xustiza e dignidade. Pois ben, seguindo as indicacións do noso Pepe Chao, alí se puxo a pedra –nativa de aquí mesmo, en modo e maneira que non estragase a enorme paisaxe que nos habita. É obra de Valdi axudado de Manolo Pardo, articulada coa forza de todos e as licenzas e colaboración do Concello de Meira. Asentouse a pedra sobre outras dúas que xa estaban xa nesta posición orixinal e que, en fidelidade á sinxeleza e humildade, inspiran a Prisciliano, para lembrar unha vez máis a Afirmación e o creto que a el lle debemos.

Xa no ano 2013 e aquí mesmo, declarabámonos insubmisos a este drama que a todos nos escraviza, a esta traxedia baseada na corrupción e na riqueza duns poucos e que decreta contra nós e os nosos fundamentos, contra a voz feliz que nos fixo entender as claves do mundo desde o aloumiño, arredando de tanto ruído inútil. E por iso a necesaria afirmación determinada da nosa dignidade, da identidade colectiva, da loita libre e valente para que prevaleza a nosa Lingua e a verdade nesta Terra, que é nosa e de todos a un tempo... E así, un ano máis, neste marco xeográfico no que emerxe a vida e no que renacemos persoas galegas, ao pé da Serra de Meira, vimos NÓS e coas angueiras da nosa xente a proclamarnos da Nación Galega en exercicio de nós, do noso.

Falaremos tamén do que nos doe. Desde a defensa da Terra, da paisaxe, dos nosos contornos máis queridos, das ameazas que espreitan, da desfeita cultural do Noso, de que nós queremos ser quen somos. Pero, todo iso, non nos impide ver e sentir a dor allea, por iso este ano tamén hai que falar necesariamente, significar dous grandes males que tanto nos abafan e que nos enchen de rebelión e de pena. Un, o máis coñecido e que é un mal de ausencia. A nós, que andamos o mundo enteiro e que, con maior ou menor sorte aprendemos a desgraza das distancias, das viúvas de vivos e de mortos, non podemos esquecer tan facilmente aos que teñen que ir gañar o pan en terra allea. Temos que ter na memoria aquela nosa Galiza da emigración, da frustración familiar, da ruptura dos vínculos e raigañas. Do drama do desarraigo, da rotura das entrañas que nos castigou e, hoxe, nos volve castigar.

Non podemos caer no esquecemento. A falla de xustiza, de irmandade e solidariedade, que amosan os gobernos con aquelas persoas que teñen fuxir á forza do seu eido orixinal e que crearon un vocabulario de éxodos, de indefensos, de desterrados, expatriados, desprazados, transterrados, emigrantes, inmigrados, colonos, poboadores, ... e como non a terrible colonización sufrida. Da que tanto sabemos. Pero o tema de hoxe , moi en especial e explícito, son os refuxiados (persoas que escaparon por mor da guerra, da persecución por razóns de raza, relixión, opinión política, nacionalidade ou pertenza a un grupo social determinado). Ou tamén os desprazados ( fuxidos do fogar por culpa dunha persecución e conflito, pero que non saíron do seu país), sobre todo daquelas e aqueles que foxen dunha guerra desigual entre as grandes potencias que se reparten os beneficios, e escapan da morte certa, da enfermidade e a fame, da violación sistemática, do abuso, da mutilación, da dor. Ninguén move un pelo, ninguén fai nada, nin o fixeron, nin o van facer. Así todos os países desta decadente Europa e do primeiro mundo.

Non só son eles, son familias enteiras que teñen que lidar con tiroteos, desaparicións e ameazas sumarísimas, de secuestros, asasinatos e recrutamentos forzados para causar suicidios e derrotas. A incapacidade preventiva dos gobernos que non saben ou non queren conciliar solucións para frear a violencia e reparar sobre todos aos máis marxinados que corren pola vida, desesperados. E van polos infernos humanos, nunha viaxe mortal e sen escrúpulos.

E aí a “nosa ausencia” que non sabe acollelos, que os deixa morrer en mares fúnebres e fronteiras inmorais, muros de vergoña, con nenos que non entenden nin entenderán xamais a nosa falta de asistencia, a nosa insuficiencia, o noso baleiro, as distancias enormes que inventamos e que lles impiden collernos da man, o noso retiro apartando a vista, ... a nosa soidade como pago irresponsable a tanto desastre. É a historia incontada de moitos irmáns de Irak, Siria, Pakistán, Líbano, Turquía, Afganistán, Exipto e en case toda Latinoamérica e América Central, O Salvador, Honduras, Guatemala e partes de México, familias que soñan esperanzas de chegar e que, cando chegan, son de novo rexeitados ou recluídos en campos de concentración sen garantía ningunha da mínima consideración, dignidade e respecto. E que cando volven son duramente represaliados, coas súas familias, pola fuxida do país de orixe. Deixámolos no total abandono, e mesmo levantamos muros e pagamos a outros para que nos fagan o traballo. Quizais teñamos que inventar un carné de identidade para andar polo mundo, un carné de tránsito humano. Pobres de nós que sentimos tanta vergoña propia e allea!

Outro mal que nos circunda, o da violencia machista, o da violencia contra as mulleres que é consecuencia dunha discriminación, tanto na lexislación como nas prácticas persistentes das desigualdades entre mulleres e homes. Si, tamén ocorren no noso País eses comportamentos tan degradados e machistas. Están na nosa Tradición presentes e hai que rexeitalos porque se todas as violencias son malas, o máis certo é que baixan o listón do entendemento e da comunicación entre as persoas, denotan fallos incalculables na relación humana. Son polo tanto a derrota de nós mesmos.

Sempre houbo mulleres humilladas, chantaxeadas, menosprezadas, insultadas, controladas, violadas, ignoradas, agredidas, matadas. E iso é tamén a negación da humanidade. Semella que o mundo cambiou para negarnos. Ninguén debe mirar para outro lado nin ignorar o evidente. Non vale con restarlle importancia a estes temas, nin con culpabilizar a outros: ser muller arestora é un risco para a vida e para a súa propia liberdade! A violencia de xénero é unha arma dos patriarcados androcéntricos, Un terrorismo machista que cada día nos pon bombas nas entrañas. Debemos esixir que as perspectivas de xénero deban integrarse en todas as políticas públicas, leis, proxectos e programas que poidan corrixir tanto mal, tanto sufrimento. Os poderes públicos e os medios de comunicación xogan un papel moi importante en calquera das normas e comportamentos socias que condenan a violencia contra as nenas e mulleres, pero que tamén abren posibles modos de acoso e violencia cibernética e seguen a facelas moito máis vulnerables a calquera abuso e explotación. Velaí a violencia doméstica, a trata, a mutilación, as agresións físicas, sexuais, psicolóxicas, económicas, ... os silencios.

Existen mulleres abusadas e enfermadas, traficadas como obxectos e que resultan profanadas na súa mínima liberdade de existir e ser, de estar. Todas e todos merecemos o amor que nos conforte, pero sabendo que ese amor non é dependencia. Pois o amor certo nos fará moito máis libres e será o herdo que prevaleza, xa que sempre quedará o amor –como dicía o noso Agustín Fernández Paz, a quen tamén lembramos afortecendo as palabras nosas. Si...ese amor que é feliz, para compartir de iguais a iguais, ese que nos ten que levar –necesariamente- a querernos máis a nós mesmos, de forma que obrigue a que nos estimen e respecten cumpridamente, sacándonos da pena e da amargura, dos sufrimentos. Chegando así a ese mundo satisfeito dos amigos, dos amados, dos sentidos, dos queridos, entre a xente que nos rodea. Porque nos comprenden e aceptan, tal como somos, cos nosos defectos e virtudes. Nese breve abrazo que dura a vida.

Abominabamos deste fatal destino repugnante que proclama a autoridade dos incompetentes que andan por aí e semellan carecer de obrigas, de compromisos e responsabilidades, eles, os que prometeron e non cumpriron, os que son culpables desta miseria, de tanta morte, enfermidade, de converteren os contedores do lixo en comedeiros dos tan empobrecidos e que xeraron moitos culpables en tanta represión contra a tenrura, a man amiga.

E son eses os que xa daquelas e aínda hoxe non pediron perdón dos crimes cometidos nas páxinas ensanguentadas pola historia de nós, nesta vergoña. Rebelámonos, pois, contra aqueles que se protexeron das leis que eles mesmos inventaron para transgredir, para cometer os horrores do abandono e deixadeza, sen ser quen de razoar e invocando ameazas, en medio tanta agresividade e suposta culpabilidade.

Seguimos opoñéndonos aos que se apoderan das persoas, aos que desfán a igualdade, aos que destrúen e envelenan a terra e a paisaxe, aos que se venden ao mellor pagador, os que negocian a nosa memoria, aos que nos imprimen vergoña para autolesionarnos e impedir que nos poñamos en pé de dignidade, na honra desta realidade que é nosa e que se chama Galiza, coa nosa fala ergueita,por riba da inxustiza que envileceu a razón da vida mesma, premiando aos ladróns, aos verdugos, ...e dándolle cancha a tanto carca!

Seguimos afirmándonos e declarándonos inimigos desta chantaxe ao amor e á tenrura, dos que lle declaran a morte á esperanza, que se extingue entre silencios. Opositores pois desta feroz represión, a esta necidade extrema que non é necesaria para o necesario futuro que agarda polo amencer. Afirmámonos en dignidade, novamente, para alivio dos caídos e para esixir aos grandes o xusto reparto de beneficio e do ben común.

Chamamos por todas e todos para a loita de paz que nos restaura. Esa que bule dentro e que tanto os incomoda. Porque non podemos permitirnos o luxo de calar, nin sequera neste espazo verbal no que un día nos crimos libres.E así hoxe aquí, rodeados tamén deses medos preventivos que nos veñen furtando os amenceres e os soños, queremos falar en alto para dicir e sinalar, si... a todos eses que nos conducen coma cegos a un mundo en guerra contra nós mesmos, ...a eses, xustamente a eses, que son traidores. Os que seguen a dividir e matan, os que acaban coa esperanza.

Estaremos cos aqueles que non saben, cos que non falan, cos que non piden, cos caídos que non dan erguido na desfeita dos camiños, cos que se levantan de todas as derrotas, coas que teñen feridas abertas, cos que teñen cicatrices no corpo e na alma, coas que viven tempos de tristura, de fame, de anceios de xustiza, cos que non se conforman, cos non amados, coas que cren a pesar de ser incrible, coas que se afirman no amor e na amizade, coas que non abandonan a loita, cos que esperan e escoitan, polos que dan paz e sosego, polas que aprenden e trunfan, polos que aprenden e fracasan, polas que soñan e cantan, polos que vararon nun mar de bágoas, polas traizoados que saben sorrir por riba das nubes negras e regresan cargados de ilusión sen renunciar a un mundo mellor. E así reconfortados na autoestima da terra, da xente, da paisaxe, da historia, da nosa lingua, do noso pobo feito nación, dos nosos devanceiros, xa que se sumamos as vontades, nada será imposible. Seremos quen de ser propietarios de nós e compracidos da tal recuperación.

Estaremos cheos de verde, de vermello, de verdura, de verdor, de verdade que se nos incruste e suxeite á terra, verdura en alimento, ventura en arelanzas e sosego que non nos perderá polos incribles solpores dos días duros do mañá. Para arrepoñernos desde nós mesmos, desde a nosa paz interior, e transgredir as leis que o mundo impón, inxustas. Temos que voar sobre do aire ou das brisas ventureiras, cheas de foulas, sentir no noso corpo a mornura do que é noso e da nosa mesma calor que producimos, en cores da esperanza para que nos arroupe do medo.

Seguiremos na lembranza agradecida dos moitos que loitan e loitaron día a día, co seu esforzo e boa vontade, trazando un exemplo eficaz, sobre a confianza, para obsequiarnos intres descubertos por parcelas insólitas do coñecemento e dos afectos, lonxe do asentimento submiso, da indiferenza ou do silencio. Sen resignarnos e sendo donos de nós e satisfeitos de tal acontecer!.

Xuntaremos corazóns e os pulsos en alto, esixindo as nosas soberanías,
sen a súa franquía, que é franquía dos aproveitados e corruptos, dos que se pretenderon amigos para enganarnos, para facernos sufrir, para aterrorizarnos no medo, para castigar a vida e a beleza, a solidaria acción humana que nos permite existir, compracidos de ser quen somos, de ter canto temos, sabéndonos Matria. .

E así afirmámonos persoas galegas en propiedade irrenunciable do noso eido fundamental de existencia, e tamén do amor e da razón nosa, causa de ser quen somos, Galiza, única Patria. Nós, sabede ben, non entenderemos outra orixe nin procedencia diferente. Nós queremos vivir a Nosa Historia sen dependencias, Na Soberanía do noso destino, co que é noso, coas nosas e nosos e para eles, honrando á Mai, neste lugar tan preciso, neste lugar mesmo que agora mesmo nos habita.

(Manifesto de Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero, na IV Festa de Afirmación e Dignidade, que se leu colectivamente por unha ducia de participantes, o pasado 2 de outubro de 2016, no Pedregal de Irimia, lugar onde abrolla a primeira auga do Pai Miño).
Iglesias, Baldomero
Iglesias, Baldomero


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES