Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Distincións da Xuntanza Terra Chá

lunes, 03 de octubre de 2016
O pasado ano, no Parador de Turismo de Vilalba, xuntámonos os membros e simpatizantes da Asociación Xuntanza Terra Chá, para participar na entrega de distincións a dous vilalbeses senlleiros polo seu traballo e polo seu esforzo: Eugenio Basanta Curbera e Toni López García.

Este ano, de novo, con motivo das nosas festas maiores, esta Xuntanza de chairegos en Madrid volveu á terra para recoñecer accións destacadas, para honrar vilalbeses que merecen especial recoñecemento, e se o ano pasado os homenaxeados eran dous homes do urbanismo e da radiodifusión, un deles –Eugenio Basanta, con destacado papel vilalbesista durante toda a súa vida- e o outro, Toni, o primeiro xornalista invidente da nosa terra, este ano prestouse atención á cultura e o deporte, con dous exemplos senlleiros que honran a Vilalba e nos colman de satisfaccións privadas e públicas: Dunha parte, a Asociación cultural Banda de Música de Vilalba, e doutra o deportista internacional José Cuba Vázquez; deporte e cultura que, lonxe de ser antitéticos, son complementarios, e constitúen dous pilares fundamentais da vida dun país.Distincións da Xuntanza Terra Chá

E se a música consigue adentrarnos en mundos elevados –lembremos aquelo de “hai outros mundos, pero están neste”- o deporte é un instrumento indispensable para conseguir perfeccionar moitas virtudes, para o que hai que lembrar que hai case mil setecentos ano o romano Juvenal abogada por “orar para que se nos concedese unha mente sana nun corpo sano”.

Representan á Xuntanza Terra Chá neste acto os seus tres presidentes Reyes Corsini López García, Ivan Folgueira Raña e Iago Rivera Pardo. Reciben as distincións a Banda de Vilalba (no seu nome, a Presidenta) e Jose Cuba.

Banda de Música de Vilalba, 25 anos

A asociación Banda de Música de Vilalba, cumpre un cuarto de século, e constitúe un pequeño milagro que honra ao noso pobo e entronca directamente coa historia musical desta terra… porque cando esta banda naceu, levábamos en Vilalba máis de corenta anos agardando por ela, con fame de música e de banda; desde que en 1948 desapareceron as dúas que había na nosa vila.

Vilalba tivo banda de música desde 1850, que foron dúas en 1880 –LA LIRA e DEL SUR- que se xuntan en 1884 para que naza a BANDA DE VILALBA, dirixida por Santiago Mato Vizoso ata a súa morte en 1925. E de novo dúas outa vez, a ANTIGUA BANDA MUNICIPAL e a NUEVA LIRA, que fundou Celestino Currás Guntín. E as dúas desaparecen en 1948, cando da ANTIGUA nace a Orquesta Mato, dirixida por Santiago Mato; e da NUEVA LIRA, a orquesta do mesmo nome, dirixida por Celestino Currás. Matos e Guntíns serían protagonistas da nosa música durante moitos anos, pero faltaba en Vilalba unha Banda de Música.

Por fin, en en 1991, preséntase oficialmente a Banda, que leva ofrecido numerosos concertos en radio e televisión, ten dúas grabacións discográficas, e participa nos mais diversos acontecementos da actualidade vilalbesa, destacando os concertos das festas patronais, pola Santa Icía, polo Nadal, organizando o festival de bandas que leva o nome de Pepe Guntín e, claro está, dentro das festas, a xa tradicional actuación na clausura do certame literario e pregón das festas
patronais.

Reviste esta Banda a forma legal de Asociación cultural sen ánimo de lucro, os membros titulares non perciben remuneración algunha, e favorecen así a igualdade de oportunidades e o acceso á música a todos os que o desexen. Non se reparten beneficios cando os hai senón que se reinvirten íntegramente na banda mercando instrumentos e financiando actividades…

Pero os beneficios desta acción musical non se poden cuantificar –son intanxibles- como ocorre con todas as grandes iniciativas culturais, xa que se ao comezo veu encher un grande baleiro musical, neste cuarto de século ademais de recoller a herdanza musical dos devanceiros, fomentou e transmitiu o amor pola música a todos os membros da agrupación, sexan profesionais, estudiantes, ou afeccionados que na banda atopan o lugar axeitado para achegarse á perfección musical. E a banda é o catalizador de vocacións musicais, ademais de punto de contacto privilexiado coas máis diversas artes, especialmente coa música, desde os autores clásicos á música tradicional galega.

Para mellor entroncar coa historia da nosa música, o seu primeiro director foi Pepe Guntín, que na Semana Santa de 1990 ofreceu o primeiro concerto, e un ano despois presentouse oficialmente e desde entón demostra unha incesante actividade, rexida despois de Pepe Guntín por Xosé Rodríguez Ramos, e desde 1995, por César Concheiro Guerrico, mestre de frauta no Conservatorio Superior de Música de A Coruña.

A Banda de música de Vilalba ten acreditado neste primeiro cuarto de século, ser digna continuadora da tradición dunha terra especialmente culta, fondamente poética, fortemente musical… e teno demostrado polas actuacións por Galicia, Asturias, Castela, León ou Portugal… por acoller e formar rapazas e rapaces aos que a música transporta a lugares cos que antes nin se atrevían a soñar… por ofrecer aos vilalbeses un motivo de orgullo e de disfrute… porque un cuarto de século é tempo abondo para acreditar vontade de continuar ata a o fin dos nosos tempos… porque xa é un elemento imprescindible da actualidade de Vilalba, e ao ofrecernos a súa música estanos ofrecendo a testemuña do pasado ofrecida polas xentes que están labrando o noso futuro como pobo, conseguindo a través da música facernos sentir vilalbeses máis completos.

A Asociación Banda de Música de Vilalba, é distinguida pola Xuntanza da Terra Chá, por ter conseguido neste seu primeiro cuarto de século, facerse imprescindible no noso panorama musical e cultural; por formar e confortar; por facernos a todos máis grandes por facer maís grande ao noso pobo; porque ao ofrecernos a súa música, ofrécenos unha Vilalba máis armónica, máis noble e máis viva.
Distincións da Xuntanza Terra Chá
José Cuba Vázquez

Con motivo de ter conseguido ser Campeon de España de Loita Libre por undécima vez, o xornal El Pais chamoulle a José Cuba “Coloso de Vilalba”, e non só pola súa estatura ou polo seu peso senón pola súa excepcional traxectoria deportiva que honra a Vilalba e honra ao deporte.

Desde as nosas terras altas de San Simón da Costa desembarcou na capital do concello e se ao principio o Taekwondo foi o obxecto da súa atención, a actividade do Club Loitas Olímpicas fixo que se dedicase en corpo e alma á Loita Libre, sendo un referente absoluto para a nosa terra e para ese deporte, para o que –se a natureza o dotou de xeito excepcional- tamén foi excepcional a dedicación, entrega e esforzo que aplicou para ser cada di máis grande.

Vendo o palmarés de José Cuba no mundo da loita libre olímpica, un pode esquecer que é cinturón marrón de judo e que foi campeón galego senior durante catro anos, do 2006 ao 2009, así como campeón do sector noroeste de España ou Campeon de España Universitaria.

Porque é imposible sustraerse á atención admirada da traxectoria deportiva de quen foi Campeon de España junior o ano 2001, e xa ao ano seguinte Campeón de España absoluto en 120 kilos senior, e desde entón ata doce veces. Doce veces campeón de España absoluto de Loita libre.

Temos noticia de destacadas actuacións deportivas en Rusia, Bulgaria, Nápoles, Polonia, Exipto, Suiza, Beijín, Dinamarca, Alemania, Chipre, Bakú, Turquia, Finlandia, Uzbekistán, Francia ou Las Vegas… en máis de medio cento de torneos internacionales. Sempre en lugar destacado. Sempre deixando moi alto o listón como deportista español, galego e vilalbés; sempre lembrando a Vilalba, ao Club de Loita, e tendo como referencia imprescindible o seu imprescindible Iván Castro, entrenador.

Desde o ano 2002 e membro do equipo nacional preolímpico senior, pero unha lesión no ombreiro esquerdo –outra lesión importante tivo no 2009- impediulle participar nos torneos clasificatorios deste 2016.

Temos connosco un dos grandes do deporte, dun deporte menos coñecido ca outros deportes masivos, menos considerado e polo tanto menos impulsado oficialmente… un deporte no que é vilalbés, e por toda España, e por todo o mundo, leva aires e xeitos vilalbeses, triunfando “ao grande”.

(Palabras de Xulio Xiz en Vilalba, na presentación da entrega de distincións da Xuntanza Terra Chá).
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES