Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A black day (Un día negro)

viernes, 30 de septiembre de 2016
O día 28 de setembro foi para a política española un día negro, porque o PSOE, que é un partido político máis que centenario en España, entrou nunha crise organizativa, de cambio xeracional e dunha certa vacilación ideolóxica. E aínda que non son especialista nestes avatares políticos, opinei mediante algunhas colaboracións neste foro acerca da carencia de persoas capaces na dirección do partido para afrontar as esixencias político–socias na España actual. Por suposto, nunca puxen en dúbida a preparación teórica dos líderes; pero si a competencia práctica para acertar nas decisións e SABER ESTAR.

Así como un integrante dunha agrupación musical non ten que renunciar a dar as notas propias do seu instrumento, senón que só o debe facer nos momentos adecuados, so pena de romper a harmonía do conxunto, porque hai outras clases de instrumentos que tamén teñen un papel nel, e todos deben absterse deixando espazos aos outros, unhas veces, e complementándose con todos, outras veces, do mesmo modo deberían actuar os elementos integrantes dun sistema político democrático. É elemental se non se quere provocar a caída nunha perturbadora discordancia, como está a ocorrer agora en España.

Todos teñen que executar unha partitura, que se na música está escrita en pentagramas, na xestión orgánica e gobernativa dun país está recollida en leis máis ou menos codificadas. Pero para cambiar de partitura é mester estar seguros da posibilidade de executala, facendo unha ponderación do instrumental co que se conta. E para iso non bastan os coñecementos musicais, é preciso botar man doutros medios auxiliares, se non se quere fracasar no intento por incompetencia: Non pode ser un bo director calquera dos bos músicos director. Os que verdadeiramente saben, enténdeno así; os aspirantes a lucirse, apresúranse a coller a batuta.

Se a música nos transporta a un ámbito transcendental, o social e político necesita dos grandes horizontes; mais neste non sei se ben chamado postmodernismo, a carencia deles xera problemas moi peculiares, por esa constatación de vivir nun presente envoltos dun sentimento de continxencia, que carrexa problemas morais, e comporta tamén un sentido político centrado no predominio do FUNCIONAL sobre o ESTRUTURAL, o que se da tanto na dereita como na esquerda, cun interese por reordenar unha rede de funcións sen adecuar as estruturas. E como din algúns tratadistas, hai o perigo de sentirnos satisfeitos nunha sociedade insatisfeita. A propósito, esperta a atención como no noso país, coa insatisfacción de fondo de tantos problemas sen resolver (de tantas estruturas sen corrixir e ponderar) e a incerteza inducida da atmosfera política, día si e día non, proliferan as manifestacións festivas, e multiplícanse as actitudes frívolas.

Neste contexto convivimos as distintas xeracións, como así foi sempre. O que ocorre é que os adultos e anciáns temos que deixar de utilizar a medida clásica, para valorar e considerar como méritos dos máis novos as calidades que reproducen as nosas e as continúan, e como defectos todo o que se aparta da nosa herdanza.

Hoxe, certamente, aos novos percibímolos como moi distintos de nosoutros, vemos moi estraño que creen unha vida tan diferente da nosa e cústanos entendelo; pero con estas estrañezas non se forman xuízos ecuánimes, que non deberíamos eludir.
Centrándonos na crise xeracional do PSOE, e tendo en conta todo o dito, compre analizala desde dúas perspectivas: Desde a postura particular dun grupo de xente nova e desde os denominados baróns. Porque nin os primeiros poden xustificar os seus evidentes erros na indiscutible condición de ser chamados a construírse as formas de vida propias da súa época, nin os baróns e anciáns deben escudarse na súa experiencia irreflexivamente, paralizando a dinámica social. Os primeiros, porque teñen a obriga de aproveitar a experiencia gañada por los segundos, e estes porque as experiencias deben ser tamén obxecto de selección e adecuación: Non todas serven xa, e isto hai que comprendelo.

Non estaría de máis que as persoas das novas xeracións recordaran aquilo que se lle atribúe a Ortega, que é necesario acudir aos clásicos para fundamentar os saberes: eles non están nesas xeracións, por agora; e a xeración dos anciáns e maduros con experiencia, tampouco debe esquecer que para a solución dos problemas (lembren, por exemplo, o campo da medicina), está xa nas mans de profesionais novos, con excelente preparación. Compre, pois, evitar poñerlles atrancos innecesarios nas rodas aos que están relevándonos nas diversas responsabilidades, posto que a harmonización e as actuacións complementarias son un obxectivo irrenunciable no concerto social en xeral.

Enfocada así a crise do PSOE penso que as novas xeracións deberían valorar obxectivamente a capacidade do Secretario Xeral para o cargo que se lle encomendou, habida conta dos seus erros, frivolidades e vacilacións; e, por outra parte, os devanceiros deberían facer unha autocrítica para non caer nos solapados intentos de continuar dirixindo o Partido cando son outros os que están lexitimados para dirixilo.

A España democrática necesita dese partido, debidamente articulado no sistema democrático, e agora máis que nunca, para contribuír a frear as aberracións das agrupacións neófitas que, segundo parece, máis que representar aos cidadáns pretenden poñerlles medo, aproveitándose do apoio das vítimas da crise económica, que realmente son os que teñen que ter coidado de non pagar tamén as consecuencias dos erros de quen di representalos, porque o capital, con eses métodos tan antigos e tan pouco intelixentes, seguirá os seus xogos nos paraísos fiscais e recibirá as mensaxes con música celestial.

Unha linguaxe de exhibición ideolóxica que utilizan algúns membros destes grupos fanme lembrar que hai moitos anos, polo meu pobo, deambulaba un mendigo que lle chamaban “Fermín da Gaita”, vestía un saial, e os irónicos e os mesmos rapazolos divertíanse con el e traíano polo camiño da amargura, pola súa extravagante vestimenta: Todo se andará..., porque tamén adoitaba acompañar tan rechamante medio de comunicación dunha reiterativa e monocorde verborrea.

Abundan as semellanzas na vida a todos os niveis!!. Se non, pregúntenllo ao Dr. en física e profesor da teoría dos procesos irreversibles na Universidade de Barcelona, D. Jorge Wagensberg. Ah...!; pero o noso mendigo non tiña que pisar moqueta, e a vulgaridade esfumábase no oco das congostras e nas cambotas que as recollían nas lareiras.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES