Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Rexas voces dun pobo

jueves, 29 de septiembre de 2016
Se a sección Opinión (con maiúscula), de Galicia Dixital, na miña opinión (con minúscula), merece a diario (a cotío, en fino), un sobresaínte; o luns pasado, día 26, mereceuno cum laude.

Trato de argumentar: 1º, que mereza o sobresaínte cada día é debido á calidades de todas as colaboracións, a excepción dunha dos xoves que firma un a quen eu coñezo bastante ben. 2º, que luns pasado merecese o cum laude obedece, por un lado ó que Xulio Xiz escribiu sobre o elixido a véspera Deputado autonómico Xosé Luís Rivas Cruz, alcumado Mini. Unha visión en prosa, na miña humilde opinión, redonda e completa. E polo outro, ó que Xosé Otero Canto escribiu en poesía sobre Xulio Xiz con motivo do (co gallo de, en fino), homenaxe que se lle tributou en Vilalba promovido por veciños de Porta da Cima. Na miña humilde opinión, un poema redondo e completo.

Cando vin Galicia Dixital dese día aínda non sabía que Mini saíra deputado. Non é que non tivese interese en saber como fora coas eleccións en Galicia (Galiza prós que din da outra maneira). É que, coma sempre, a televisión adormentoume cedo.

En canto souben que o Mini das longas barbas e, primeiro, de Fuxan os Ventos e despois da Quenlla, saíra elixido Deputado do Parlamento galego pensei o que pensan todos os que pensan coma min: Este antes de ser Deputado era meu amigo, voulle poñer unas letras pra telo da man se por aí me pode valer pra algo.
E púxenlle o seguinte, co que os que xa estaban de acordo coa miña opinión seguirán estando igual; e os que non estaban estarano menos aínda:

Señor Deputado e quero crer que, a pesar diso, amigo dos amigos que somos lexión, e una especie de mafia no seu significado primixenio de “confederación dedicada á defensa do noso”, Xulio Xiz prestoume repetidas veces a súa voz, porque a miña voz de antes quedou perdida o 20 de xuño do 2013 nun quirófano do HULA. Sempre que ma prestou foi libremente, permitíndome a min conservar a palabra. Hoxe aprópiome eu pola forza da súa palabra e doulle esta nova voz que me puxeron, de guitarra sen cordas, que, non obstante, agradezo.

Doulle voz pra recoñecer no amigo méritos sobrados pra ser oficialmente voz rexa dun pobo que tivo que resistir e facer fronte ós que pretenderon expropialo da fala de seu natural coa que desde tempo inmemorial canta e ri, laméntase por un pasado lutuoso e encara rixoso un futuro festivo. Dun pobo que non está parado indeciso no paso da escaleira, vendo, impotente e resignado, pasar a súa historia; senón que aprendeu a subir sen ensoberbecerse e a baixar sen humillarse.

Boa andaina, Señor Deputado, espero que non aforado; porque nunca fuches fóro de señoritos.

Sei que hai dúas persoas especialmente ledas hoxe polo Alén, por alóarrivas (sic), que foron caladiñamente grandes mestres dun mestre que canta ós catro ventos o amor á Terra que lle ensinaron e el ensina.

P. D. Pra mal pensados: Creo que un ningún momento dixen: “A única voz”.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES