Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A mestra das saias longas (7)

martes, 27 de septiembre de 2016
.../...

Xa que nos dixeron que nos conviña adestrarnos en facer redaccións con respecto á función escolar, hoxe teño motivo e ocasión propicia para facer outra, pero esta vouna gardar como elemento do meu currículo íntimo, digamos que, ¡de mestre a mestra!, pois igual estea aquí a base, o fundamento, a raiceira da miña vocación, ¡se é que a teño!

Deuse o casual de que pasase por aquí aquel señor que tivemos na casa un par de invernos, para darnos escola, a min, e comigo a uns cantos nenos da veciñanza, cando era cativiña. Xa non pon escola, pero segue tratándose moito con meus pais, e iso que el non é tan carca coma o meu. Co pretexto de que íamos cocer, e miña nai estaba preparando unha empanada de roxóns, díxolle meu pai que á volta da súa viaxe se quedase a comer connosco, que poñeríamos a radio, e que xa mandaría o noso criado á súa casa, na nosa egua, para dicirlles que tranquilos, que o levaría o propio rapaz, na mesma egua, aló á noite, despois da sobremesa.

Aledoume moitísimo pois o señor, ademais de bo mestre, que por tal o temos en toda a rodeada, é un señor de moitos saberes: ¡sabe, e non só sabe, senón que sabe transmitir! Tanto o estimo, que incluso me atrevín a dicirlle que estimaba ter unha fotografía súa, para poñela diante da orla de Maxisterio, ¡se chego a estar nunha desas!, como un símbolo, como unha lembranza de que fun a Maxisterio preparada por un mestre, por un mestre tan mestre, ou máis, que os de agora, que os de título enmarcado. Casualmente tiña na carteira unha desas que chaman “de carné”, e deuma; aquí a plasmo, para honra e gloria súa.

A mestra das saias longas (7) Díxome que celebra a miña ¿suposta ou certa? vocación pois se Xesús recibía o tratamento do Mestre iso significa que ensinar é a función suprema, a máxima dun ser humano; en certo modo, máis que ser cura, pois sen mestres tampouco habería curas. El foi autodidacta, que se di, pero aprendeu por si mesmo a ler nos libros, tanto o que poñen coma o que vén entre liñas, pois os textos conteñen o que dixo o autor pero tamén a afouteza que tivo, tanto para saber como para saber dicir.

Moito falamos, que meus pais despois do café deixáronnos sós para que tratásemos das nosas cousas sen interferencias, e el mandoume apagar a radio sinalándome que os locutores non lle interesan en tanto en canto non aprendan a falar pausadamente, dando tempo e ocasión non só para oílos senón, e tamén, para meditar no que van dicindo.

Díxome que o ensino é un sacerdocio porque cómpre convencer, converter en sabio ao ignaro, e logo que a cada quen hai que falarlle na lingua e coas verbas que entenda o alumno, que iso está sendo unha das causas do atraso escolar, pois os nenos que non son escolarizados na lingua materna, na fogareña, reteñen as verbas coma quen aprende a ladaíña, coma un loro, sen profundar no seu significado real.

-¿E vostede, sabendo o que sabe, por que non se matriculou para facerse Mestre do Plan Calleja, aquel dos tres anos, sen Bacharelato?

-¡Miña nena, porque primeiro é comer, máis importante co saber, máis aínda; e se na casa facía falta aquel ferrado de trigo…, que era mellor, comer ou paga-la matrícula? Os que nacestes en casa rica debédeslles moito aos pobres, aos que traballaron e traballan para vosoutros por un tego de fariña, pois a fame deles proporcionou a vosa enchente, e coa enchente, medrades, e acadades os títulos; pero toma nota que iso non é de balde, ou polo menos para tódalas xeracións, pois nalgunha delas teredes que devolver o préstamo.

-¿Como…? –Interrompino, que xa estaba intrigadísima.

-Aquí o camiño bifúrcase: Ou compartir, sendo a mellor forma de facelo ensinar aos demais a saír da súa pobreza, tanto da material como da mental; ou mete-las mans no peto, dándose de fillos de papá, co cal, a pobreza, que é unha vingativa, acabará con vosoutros, que os porá de alfombra daqueles pobres que saísen listos, e traballadores, e honrados… ¡Non cho sei dicir mellor!

¡Vaia se mo dixo, que por algo o estou poñendo neste papel para non esquecelo; ben que sinto non dispoñer dun pergamiño, e de letras de ouro, porque esta lección é das de poñer nun altar! Aínda engadiu algo, que tamén merece poñelo por escrito:

Que non se pode demorar o ensino pois o neno está receptivo mesmo desde a súa nacenza, e que lles incumbe aos pais, en particular á nai por ser a que está máis cerca dos nenos, inventarse unha especie de preescolar na casa; para iso a muller necesita tanto ou máis có home estar preparada, instruída, para esa función. Que se el mandase, mentres os rapaces van ao Servicio Militar, as mozas non farían, senón que recibirían, un auténtico servizo social de instrución maternal, abarcando desde a xeración aos partos, e dos partos á escola primaria. Que iso que facemos agora no chamado Servicio Social é un camelo, unha chapuza. Profetizou que, -así dixo-, que algún día a muller traballará habitualmente fóra do fogar, e daquela, ¡ai dos nenos!, porque terán que deixalos en garderías, xa antes de quitarlles os cueiros, e iso será un martirio, tanto para a nai como para os nenos.

¡Deus, este si que é un homo sapiens! Non se cansou de repetirme que o ensino ten que serlle grato ao neno, canto máis neno máis tenra e afable a ensinanza, porque o ser humano repele que o eduquen con rixideces. Hai que convencelo de que é divertido aprender; o de que ademais de divertido é proveitoso, útil, iso para máis adiante. Que o autoritarismo pretérito, incluído o actual, levará á xuventude á súa repulsa, pasando, polos efectos do péndulo de Foucault, a unha pasividade e a unha tolerancia extrema nos fillos dos fillos, que dará lugar a unha rebeldía atroz nos netos, e volta a comezar! Que os extremos, os extremismos, son malos, etcétera, etcétera.
-.-
Amalia, impresionada con aquela conversa do seu antigo mestre, pasou outra noite sen durmir, que nin que tivese exames ao día seguinte, e tívoos, en efecto, que se levantou coa conciencia examinada:

-Estou aquí, ben quentiña e ben comida, debruzada nesta cociña económica, que de económica ten pouco pois ese Xulio está farto de carrexar estelas de carballo, e por aí adiante, sen saírnos da parroquia, canta xente haberá escasa de lume e de comida! Pero, ¿que podo facer, eu mesma, por min mesma, sen que sexa poñer á proba a meus pais?

Descorre e descorre, cansa de estudar e de matinar deu en asubiar, costume que tamén tiña seu pai cando estaba aburrido.

-¿Que estou facendo, que isto é cousa de homes? ¡Vanme chamar “A Merla”, como facemos con este rapaz do Bidueiro, ese que lle chaman “O Merlo” porque, cando non ten que facer, colle unha fouciña e bótase ás silveiras, roza que roza, cantaruxando e asubiando, que nin que fose un merlo!
…

-¿Un merlo? Entre os dous, se nos dese por andar de porta en porta, agora no Nadal, cantando panxoliñas…

Colleu un abrigo e un paraugas e foi á casa do “Merlo”:

-Oes, non sei que che parecerá, pero, neste tempo que hai pouca labor, ti, eu, e algún máis da contorna, podíamos ensaiar unhas cantas panxoliñas, e cantalas polas casas, como seica facían antes da Guerra. Co aguinaldo que nos dean podemos facer uns cantos regaliños para os pobres da parroquia. ¿Que che parece?

-Muller, por min, encantado, pero hai dous peros: O primeiro terá que ser contar co crego, que ben sabes que toma a mal os divertimentos que non pasan pola censura, pola del, ademais desoutra que ten prohibidos os disfraces, os carnavais, as cantigas en galego, etcétera.

-¡Co crego falo eu!

-¡Xa; e ata será mellor, pois como es estudante, a ti non che vai dicir que non! Para o galego teño unha solución, que me ensinou Raúl, ese da serra, unha cantiga do seu Portugal, ¡e así, mesturándoa coas galegas, se nos pilla a Garda Civil, como eles son castrapeiros, dicímoslles que cantamos en portugués, ¡e cantámoslles! A segunda é, ¿onde ensaiamos?

-¡Onde vai ser, na miña casa, que podemos reunirnos na capela…, xa que é unha cousa relixiosa!

Dito é feito, así que, aos poucos días cantaban mellor cós merlos:
Santos reis, Santos coroados
Vinde ver quem vos coroou
Foi a Virgem mãe sagrada
Quando por aqui passou
O caminho era torto
Uma estrela vos guiou
Em cima de uma cabana
Essa estrela se poisou
A cabana era pequena
Não cabiam todos três
Adoraram Deus Menino
Cada um por sua vez.
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES