Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Carta de benvida

viernes, 16 de septiembre de 2016
Benquerido Albertiño:

Desculpa que che poña, por agora, o nome do teu antecesor, porque descoñezo aínda o que has levar cando te sumes a esta nosa congregación.

Como dou por suposto que ti non vas ser acredor da "tarxeta benvida" que teu pai lle ofrecerá ós que non han nacer en berce tan mullidiño, logo de ter visto o primeiro regalo público (I love Galicia) que en inglés cosmopolita che fixeron, permíteme que, en troques, eu che escriba esta carta de benvida.

Fágoo dende unha pequena aldeíña, Os Quintairos de Amoroce, dende onde se divisa o val no que naceu o apelido Feijóo, que ti xa non levarás no DNI, pero si no ADN dos avós. E fágoo consciente de que aínda has tardar un tempo en ser quen de interpretala.

Para aquela -poñamos 2032-, se nos respecta a saúde xa teu pai e máis eu gozaremos da xubilación.

Supoño que, de non marchares para Madrid ou para calquera outra capital do mundo, como bo galego urbano crecerás nun ambiente castelanizado. En todo caso, agardo que co que che sigan ensinando na escola aínda poidas ler con fluidez estas letras no idioma que hai tan só dúas xeracións era o único no que sabían expresárense teus bisavós e teus tataravós.

Non sabes cómo desexaría errar de plano nas miñas predicións, pero seguro que de seguires vivindo aquí, a Galicia que vexas teña ben pouco que ver coa Galicia na que eu estou. Pois, por exemplo, dos actuais 13 veciños que hoxe facemos ruído na miña aldea, no máis optimista dos casos tan só vivirán -ou viviremos- pouco máis de dous.

E isto repetirase en milleiros de aldeas nas que hoxe, sen embargo, gozan da mellor calidade de vida de todo o Estado Español (e digo ben, Estado Español, porque é moi posible que xa non estudes o mesmo mapa xeográfico que, de novos, estudamos nós).

O mapa galego (que poderás contemplar en tempo real no Google Maps evolucionado) será, entón, unha inmensa mancha -verde no inverno e negra no estío- con sete grandes puntos multicolor noutras tantas masas urbanas e non máis dun cento de puntiños menores que se verán unidos pola franxa costeira e que irán perdendo intensidade gráfica a medida que vaias navegando cara o interior.

Probablemente haberá moito turismo, non o nego. Seguirá sendo de praia no verán e cultural, termal, natural e "arqueoantropolóxico" nas outras tres estacións. O de arqueoantropolóxico dígoo porque os turistas virán visitar as aldeas abandonas coma hoxe visitan os castros, con ou sen centro de interpretación. E seguirán peregrinando a Santiago. Home non!

Se ves que estou errado, entón pídoche que lle deas a teu pai un abrazo, porque iso significará que, xunto co resto das forzas políticas, logrou facer un gran pacto que mudou o apocalíptico devalo das miñas predicións.
Molares do Val, Manuel
Molares do Val, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES