Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Meus vellos de Samos

jueves, 08 de septiembre de 2016
Permitídeme que comece cun saúdo que xa non se usa: Meus vellos… moi bo día de festa!.

Veredes: Eu aprendín galego na aldea, a mellor universidade para falar un galego verdadeiro, feito e conservado polo pobo… E alí souben que cando alguén lle dicía a outro “Meu vello”, aquelo non tiña nada que ver coa idade.Meus vellos de Samos

Era unha linguaxe coloquial, de amigos, que na actualidade prácticamente non se utiliza… E utilizaban a formula “verás, meu vello”… cando se quería facer unha confidencia, cando se falaba de igual a igual, de amigo a amigo… sabendo que aquelo quedaba entre eles, porque establecían ou reforzaban o vínculo existente, e despois de chamarlle ao contertulio “meu vello…” todo quedaba en confianza, na casa…

Pois por iso empecei saudándovos a todos como “meus vellos…”, que quere dicir meus amigos. Grazas por atender ás miñas palabras.

Estou aquí chamado por Miguel –para todos os que o coñecemos en Lugo, Miguel de Samos- para presentar unha xoia literaria, un libro coa historia dos vintecinco primeiros anos da Fundación O Noso Lar.

Non sei canto tempo fai que coñezo a Miguel, pero quizais son eses mesmos vintecinco anos e algún máis, nos que fun sabendo o que ocorría nesta terra tendo como actor, promotor, espoleta, a Miguel Gómez Vázquez, xa dixen Miguel de Samos, porque hai persoas que polo seu valor, pola súa dedicación, toman como apelido o lugar donde exercen o seu traballo, neste caso o seu apostolado…

Miguel, polos especiais temas aos que se dedica, era e é amigo de Manuela López Besteiro, que logo foi superconselleira da Xunta de Galicia, sempre preocupada polos temas sociais, e do seu home, Antonio Calvo Varela, Delegado de Cultura en Lugo. E sendo eu amigo de Manolita e Antonio, amigo fun desde o comezo, de Miguel de Samos, que visitaba asiduamente as dependencias da Xunta en Lugo.

Por iso souben hai moitos anos que Miguel de Samos e a xente que con el traballa –esto non é obra dunha persoa sóa, xenón dun amplo conxunto de persoas aos que el contaxiou das súas inquedanzas-, tiñan a magnífica idea de atender ás persoas de idade – nós, en conxunto, meus vellos- dun xeito directo, “in situ”, de maneira que non se sentisen desarraigados da súa terra nin das súas xentes, habilitando como residencia un edificio cedido pola Igrexa, para alí acoller a maiores con dificultades… que por quedar sós nas súas casas, nas súas aldeas, necesitasen axuda, de maneira que estivesen entre amigos, en lugar que coñecen, facendo no posible a súa vida de sempre.
Meus vellos de Samos
Todo comeza en 1988, cando o bispo Frei Xosé destina a Samos a Miguel… e este empeza a traballar no eido do divino e tamén do humano… e con el traballa Julio, crego de Lóuzara, e Esther e Asun, relixiosas da Asunción… e deciden facer milagros. E organizan campamentos para diminuir as desigualdades entre os rapaces das cidades e do rural… e viaxes para os maiores, que moitos non saíran nunca da súa casa… E xorde o nome de “O Noso Lar”. Aínda era o preludio, e xa estaban funcioando a pleno rendemento. E en 1991 –hai agora 25 anos- O NOSO LAR nace como Fundación ao servizo da xente desta terra.

Coa Fundación O Noso Lar, dáselle “corpo”a unha iniciativa complexa que requería “armazón” legal… xa non era o traballo dun crego preocupado polos seus feligreses, e da xente que colabora nun esforzo vital… nace unha entidade que será a responsable dunha iniciativa privada que complementa ou sustitúe as accións das administracións, que non poden chegar a atender todos os casos que necesitan atención.

Era 1991… e fai vintecinco anos. Se fose un matrimonio, serían as vodas de prata… Neste caso son tamén vodas de prata porque fai falla unha unión, un esforzo conxunto, un traballo na mesma dirección, un amor e unha vocación… un matrimonio, en fin, de moitas intencións e accións para conseguir para conseguir moitas pequenas felicidades, pequenas ou grandes solucións a problemas ou carencias, a pobrezas ou soedades, que só se conseguen coa unión… Naquela Fundación aparecen os cregos Miguel e Julio, Carlos Belón (daquela Alcalde), José Forneas, Ana Cristina Gonzalez, Luis González Mon, Agustín López e Eugenio Villanueva… e agora son os seus responsables Miguel e Julio, Angela Noguerol, Manuel López, Amparo Páramo, Eugenio Villanueva, José Manuel Villanueva e Saladina Villaraviz.

Xa naquel 1991 se celebra a primeira Festa de Convivencia cos nosos maiores, e desde aquela todos os anos, na segunda quincena de agosto.

Esto aconteceu en Samos, que don Ramón Cabanillas, cando viviu no mosteiro, cualificou de “un fondal de Galicia, bretemoso e labrusco”… E Samos deixou de ser socialmente bretemoso para ser unha terra luminosa no eido social, como foi luminosa para a cristiandade cando no vello Sámanos se asentaron os monxes para orar e laborar.

E a Fundación O Noso Lar dedicouse aos maiores e aos nenos, fixo campamentos e viaxes, cursos e convivencias, galas benéficas, festas e obradoiros, viaxes de lecer para voluntarios, campos de traballo e desfiles do Antroido que se nos antoxan imposibles se non tiveramos as fotografías para demostralo… E a reitoral de San Román de Lousada convírtese no 92 en casa de acollida, axudando todos vós nas obras de reforma.

No 94, incorpóranse Adela, Ines e Saladina, das Relixiosas Franciscanas do Divino Pastor…e agora seguen Inés, Saladina…e Josefa. E a Casa de Acollida transfórmase nun fogar. E comezamos a saber do que pasaba en Samos. E no 99 o Bispado cede a Casa reitoral de Lóuzara, o Priorato, para xuntarse e recibir aos de fóra… para retiros, para campamentos, para campos de traballo… para lograr unha vida diferente para as xentes de Samos, “meus vellos”.

O Noso Lar, foi unha institución pioneira no servizo de axuda a domicilio, xa que o prestou entre 1994 a 2001, atendendo a unha trintena de persoas.

Temos das revolucións unha imaxe guerreira, onde se producen cambios sociais violentos con feitos de armas… pero o que aquí se vivíu e se vive, nestes últimos vintecinco anos e agora mesmo, foi unha revolución silenciosa, na que se constrúen espazos de convivencia para maiores, se celebran encontros, se forman en actividades de tempo libre numerosos mozos e mozas, se forman monitores e directores de tempo libre e directores de campos de traballo… do 96 ao 99 publícanse cadanseu libro sobre a historia das parroquias de Samos, nace a revista “O Noso Lar”, e convócanse concursos literarios, e nos campos de traballo participan forasteiros que se converten en samonenses para sempre. Evos toda unha revolución pacífica, de progreso, meus vellos…

E hoxe celebramos a festa de homenaxe aos maiores número vinteseis, para presentar o libro que recolle os primeiros vintecinco anos de vida da Fundación… cada unha destas festas tivo e ten un lema que chama a atención e valen para sempre: “Todos nacemos dunha semente”, “A vosa experiencia axúdanos a medrar”, “Expertos en humanidade”, “Solidarios”, “Os maiores, tesouro ao que coidar”, “Fontes de vida”, “Sorriso para todos•, “Cheos de ilusión”, “Precisamos de ti” ou “Grazas pola fe”.

No camiño foi quedando xente… maiores que nos deixaron… e non tan maiores, que no libro aparecen imaxes do lembrado Frei Xosé, Bispo de Lugo; do pai Pedro de la Portilla, superior de Samos; de Suso Vaamonde que cantou no segundo Encontro, ou do benquerido Fiz Vergara Vilariño que aparece nun obradoiro con rapaces no colexio que leva o seu nome, e que era a voz poética de Samos, da Lóuzara Xabreira, para todo o mundo.
A catedrática Maria Teresa Amado, prologuista do libro, afirma que aquí “se foi tecendo unha rede de sentimentos e actitudes positivas imprescindibles para a creación dunha verdadeira comunidade de convivencia, na que todos teñen acollida, onde se ri, se chora e se comparte” e indica que a Fundación ”contribúe a facer un mundo moito mellor, coa mirada no futuro e sen perder de vista o pasado, como ten que ser para non perder a nosa identidade”.

Esta é a cuestión, meus vellos, que este libro que hoxe presentamos, con milleiros de datos e centos de fotos, recolle o que se fixo nestes últimos vintecinco anos, recolle actos e feitos nos que participástedes moitos de vós, nos que traballástedes moitos de vós… pero un libro coma este non é unha Suma total senón un Suma e segue. Ten tanto de resume do pasado como de porta para o futuro. Ten tanto de satisfacción como de provocación.

Isto é… Cando miredes este libro, e vos admiredes do que aquí se fixo, deberedes pensar tamén: Canto nos queda por facer!. Porque esas son as dúas visións básicas necesarias: O feito e o que queda por facer. E o que queira completar a perspectiva, ten que pensar cal era a situación anterior; como se vivía neste rural antes de que todo esto empezara, e comparalo con este momento, e entón pensar o que é posible facer no futuro. E facelo, poñendo como ata agora os medios precisos, colaborando, facendo país… conseguindo que Samos siga a ser exemplo social para moitos concellos, para moita xente.

O libro que hoxe presentamos é proba de traballo, de ilusión, de dedicación… e todos podedes e debedes estar orgullosos de pertencer a unha comunidade coma esta, pacíficamente revolucionaria, capaz de cambiar o mundo, especialmente o noso mundo, o que máis nos afecta… transformándoo un mundo de progreso, capaz de mellorar desde dentro, capaz de mellorar grazas ao esforzo e ao entusiasmo.

Vintecinco anos é moito tempo para a vida dunha persoa, pero para unha colectividade é un tempo relativamente breve. Así que ter na man o resumen destes primeiros vintecinco anos, é como unha fe de vida, un certificado de participación, unha memoria exacta do que pasou aínda que a memoria persoal poida floxear.

Pero para Samos e a súa terra, é como o libro de fábrica dunha parroquia onde se anota todo o que pasou na Igrexa, é a historia desa terra, a historia verdadeira, a historia que interesa.

Pois, meus vellos, recibide conxunta e individualmente a miña felicitación… por vivir en Samos, por participar, por disfrutar do que aquí se organice, por ter xente como Miguel e todos os que con el colaboran, dedicados a vós, por axudar, por vir a esta festa a disfrutar, polo que levades vivido, polo que vades vivir, por este libro… que é un monumento ao esforzo e ao progreso. Disfrutade deste libro, como disfrutástedes das actividades que nel se resumen. E continuade facendo concello, facendo parroquia, facendo patria pequena, facéndovos máis persoas cada día. E se dentro de vintecinco anos outra xente e parte desta, se xunta aquí para celebrar os cincuenta anos de O NOSO LAR, será sinal de que a semente que xermolou en 1991 quedou enraizada nesta terra e seguíu dando froito xeitoso que beneficiará a todos.

Meus vellos: Que o libro vos sente ben, como vos sentaron magníficamente este vintecinco felices anos que hoxe estamos a resumir e celebrar. Feliz festa e feliz vida para todos.!

(Palabras de Xulio Xiz en Samos, o pasado 21 de agosto, na Festa de Convivencia cos nosos maiores, organizada pola Fundación O Noso Lar, presentando o libro que resume os primeiros 25 anos desta Fundación)
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES